Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2022 | Actualizada ás 17:39
O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, confiou en que a participación no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) do naval pode facer de Ferrol e Navantia "un polo de desenvolvemento da eólica mariña en España".
Iso si, reclamou ao Goberno central poder "saber os criterios, as condicións para participar e os prazos", á vez que criticou que polo momento sexan todos asuntos que non se deron a coñecer. Conde reuniuse este martes con empresas da industria auxiliar de Ferrol e trasladoulles as propostas da Xunta para avanzar no desenvolvemento da súa estratexia naval e desta forma marcar a folla de ruta para abordar os retos que no futuro se lle presentan a este sector.
O encontro desenvolveuse na mañá deste martes no edificio administrativo da Xunta e participaron os presidentes da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortega, Cristóbal Dobarro, e da Asociación de empresas do sector naval público na Ría de Ferrol, Jorge Silveira, ademais do empresario Ramón Franco.
Neste foro, Conde detallou que a estratexia galega "centrarase no apoio ao financiamento para cubrir a falta de medidas e apoios a nivel estatal", así como na estimulación da demanda a través da diversificación, como é o caso da eólica mariña e no impulso dunha contorna favorable para o desenvolvemento de novos proxectos.
O vicepresidente tamén detallou que a proposta da Xunta "busca a cooperación entre estaleiros, aproveitar o ecosistema científico-tecnolóxico e o desenvolvemento de proxectos tractores".
DIQUE SECO CUBERTO
Ademais, Francisco Conde reclamou ao Estado que se cumpra "o compromiso do dique seco cuberto" para o estaleiro de Ferrol e que a Xunta pase a formar parte do Consello de Administración de Navantia.
Pola súa banda, Cristóbal Dobarro, que exerceu como portavoz da parte empresarial, demandou que "se faga unha análise diferenciada dos que é o sector privado e público en canto ao desenvolvemento do sector naval". Así, incidiu en que no caso de Ferrolterra "os estaleiros de Navantia teñen unha relevancia principal e por iso todas as empresas auxiliares están relacionadas dunha maneira ou doutra co sector público".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.