Porno misóxino e amor romántico: que hai detrás do aumento da violencia sexual na mocidade

As expertas en xénero Chis Oliveira e Priscila Retamozo poñen o foco na necesidade dunha educación sexual de calidade nas escolas.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2022 | Actualizada ás 22:01

Comparte esta noticia

Nin son casos illados nin adoitan responder ao que temos gravado no imaxinario común: un home descoñecido que te viola nunha rúa escura e sen xente. A violencia sexual cara a infancia e a adolescencia aumentou un 71,1% por cento na última década, segundo datos do Ministerio do Interior. Se no 2010 se interpuxeron 3.322 denuncias por violencia sexual con vítimas menores de idade, no 2020 esa cifra alcanzou xa as 5.685, segundo os datos oficiais. Delas, catro de cada cinco eran nenas e adolescentes, e o resto, nenos e chicos adolescentes.

Primeira xornada do encontro sobre políticas públicas da Deputación de Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Primeira xornada do encontro sobre políticas públicas da Deputación de Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Trátase duns datos que debuxan tan só a punta dun iceberg profundo no que as violencias no marco das relacións sexuais están "normalizadas e invisibilizadas", sen que nin sequera moitas mozas teñan ferramentas para identificar onde está a liña entre o consentido e o desexado e o que non o é. Estes datos tamén evidencian a necesidade dunha educación sexual de calidade que non deixe tan só en mans da pornografía a construción dos nosos desexos e prácticas sexuais. Precisamente este foi o foco da conferencia 'Violencia sexual en adolescentes' que vén de desenvolverse no marco do II Encontro Nacional sobre Políticas Públicas impulsado pola Escola de Igualdade 'María Vinyals' da Deputación de Pontevedra.

"Está habendo cambios a nivel social, laboral..., pero na sexualidade, sobre todo na mocidade, estamos coa casa sen varrer, en bolas". Esta é a alerta que lanzaron as dúas poñentes encargadas da conferencia, a catedrática de Filosofía e coordinadora do Comando Igualdade, Chis Oliveira, e a politóloga, experta en xénero e coordinadora do proxecto coeducativo 'Canteira en Igualdade', Priscila Retamozo. "Poderiamos falar de moitos aspectos moi cruentos da violencia que padecen as mulleres mozas, pero interésanos poñer o foco nesoutra violencia máis invisibilizada e banalizada: a que se dá nas nosas relacións sexuais cotiás", explican.

Esa que atopa o seu caldo de cultivo, expoñen as expertas, na idea de sexualidade que herdamos, unida ao concepto de reprodución, coitocentrista e sanitarizada, onde o orgasmo se convirte nunha mera meta en "sentido competitivo". "Cando falamos de educación sexual, todo está focalizado en evitar riscos de embarazo e de ETS, e en aprender a colocar un preservativo, pero cómpre ir máis alá. O problema está nas dinámicas de poder que se establecen", engaden Oliveira e Retamozo, que propoñen afinar a educación sexual de xeito que recolla outras realidades máis alá da cisheteronorma e se coloquen no foco tres eixos básicos: o pracer, a comunicación e o afecto.

A PORNOGRAFÍA COMO PORTA DE ENTRADA Á SEXUALIDADE

Tres adolescentes nun banco
Tres adolescentes nun banco | Fonte: Save the Children

Sen esa educación sexual de calidade e transversal, á mocidade tan só lle queda a pornografía como fonte principal de información sobre a sexualidade. Un contido habitualmente misóxino, de fácil e cada vez máis temperán acceso, que asenta dous modelos de relacións: "a elas ensínalles a someterse e ser desexadas, e a eles a empoderarse, a ter desexo e necesidade", explican as expertas. "Antes de ver unha rapaza real espida e de ter a posibilidade de acariciar e explorarse, o que teñen os rapaces na cabeza son imaxes de violencia explícita contra as mulleres. É co que aprenden a excitarse", proseguen.

Un xeito de entender e practicar as relacións sexuais que logo trasladan á realidade. Na investigación '(Des)información sexual: pornografía y adolescentes' na que participaron máis de 1.700 adolescentes de entre 13 e 17 anos de todo o Estado, Save de Children alerta de que o 12,2 por centro dos rapaces reproduciron o que viron na pornografía nas súas relacións sen o consentimento explícito da parella e sen que a ela lle parecese ben. "Ningún rapaz nace agresor, pero non estamos poñendo couto a que non se convirtan en agresores se o imaxinario pornográfico guía as súas vidas sexuais desde que lles metemos un móbil no peto", sinalan Oliveira e Retamozo. 

"Esta aprendizaxe a través da pornografía ten consecuencias e temos que falar delas, pero involucrando tamén á mocidade", explican as expertas, que apostan por "empezar a escoitar e comprender para cambiar os esquemas" no canto de criminalizar a mocidade sen ofrecer alternativas. Nas charlas que ofrecen en institutos e universidades, tanto Oliveira como Retamozo observan diferentes preocupacións e problemas: "eles preocúpanse polo tamaño, a impotencia e a exaculación precoz, o que nos dá unha idea do tipo de sexualidade que teñen en mente; e elas pensan que son fríxidas, senten dor no coito e non teñen orgasmos, pero están moi entrenadas en finxilos, algo que nos conecta co mandato da feminidade de compracer á outra persoa constamentente", explica Oliveira. 

"ROLES POLARIZADOS E MACHISTAS" NAS REDES SOCIAIS

Máis alá da pornografía, as expertas colocan o foco nas redes sociais como eses "espazos fundamentais de relación e ligue" para a mocidade nos que, ás veces, o coidado e a empatía desaparece coa distancia física. "Non se trata de criminalizar as redes, a vida sexual transcorre moito nelas e non sempre é perigoso ou ameazante. Cómpre neste sentido unha mirada flexible e tolerante co positivo que pode ter o tecnolóxico, pero tamén é necesario analizar as dinámicas machistas e polarizadas que se dan nestes espazos", explican. 

Uns roles esterotipados aos que elas chegan tamén a través de novelas de ficción que se fan populares por Whast App. "As nosas mozas están lendo historias cheas de violencia sexual explítica e totalmente romantizada, con roles moi polarizados. Aí vemos como a misoxinia é brutal e está totalmente interiorizada", sinala Retamozo, que cita tamén como exemplo a app OnlyFans, unha "porta de entrada á prostitución" na que se paga diñeiro por contidos sexuais. "Moitas fano convencidas de que é unha libre elección, pero debemos desvelar as trampas deste mito", explica. "Cómpre rearmarnos contra os novos discursos que nos venden sermos mercancía sexual como empoderamento feminino". 

TEMPO NAS AULAS PARA FOMENTAR O ESPÍRITO CRÍTICO

Tanto Chis Oliveira como Priscila Retamozo piden "tempo nas aulas" para achegar a educación sexual a toda a mocidade e a todas as familias, non só a aquelas con maior sensibilidade. "Isto ten que formar parte dunha política pública que tome con seriedade a prevención da violencia sexual. Hoxe en día, non se está facendo nada nas aulas salvo programas puntuais. Cómpre sistemalizalo", sentenza Retamozo, que aposta tamén por incentivar o espírito crítico poñendo sobre a mesa "narrativas moito máis amplas".

"O problema que ten a nosa mocidade non é que non saiba poñer un preservativo, o problema está en todas as dinámicas previas", explica. "Moitas mozas teñen dificultades para distinguir cando unha relación sexual foi querida ou non, porque están totalmente centradas no disfrute do outro, disociadas do seu gozo propio". Inseguridades e medos, explican, que non son "atendidos" por ningunha administración. "Na familia non se fala, na escola non existe educación sexual se non é por puro voluntariado, e no sector sanitario non hai nin tempo, nin formación, nin pretensión", denuncian. 

Ante esta realidade, as expertas piden traballar para "crear outros referentes" e outras relacións sexuais afastadas dos mitos do amor romático e dos modelos violentos. E apostan por facelo en positivo, falando do pracer da seguridade e deixando fóra do discurso a "política do medo". "Cómpre revisar as estratexias, pensar na autodefensa feminista, e en como queremos vivir esa sexualidade fóra do marco patriarcal, inzado, ademais, de imperativos neoliberais", sentenzan. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riuriu

Llevamos cuarenta años de educación sexual que todo lo iba a resolver. Ahí están los resultados.