O BNG reclama un "decreto de igualdade lingüística" e a recuperación do galego en infancia e mocidade

A deputada responsable de áreas de cultura e lingua no BNG, Mercedes Queixas, reclamou desenvolver a Lei Paz Andrade para un maior coñecemento da lingua portuguesa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2022 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

A deputada responsable de áreas de cultura e lingua no BNG, Mercedes Queixas, presentou este mércores propostas para a "restitución do galego" e, entre outras cuestións, reclamou un "decreto de igualdade lingüística" e un plan social para de recuperación da lingua propia entre a infancia e a mocidade.

Neste sentido, manifestou que urxe "impulsar un novo marco normativo" despois de 40 anos que se adapte ao contexto sociolingüístico actual, un plan de recuperación da lingua para "reverter a continuada perda de falantes" e un decreto de "igualdade lingüística" no ensino, "sen prohibicións" para garantir o dereito de aprendizaxe e uso da lingua.

Ademais, Queixas tamén reclamou desenvolver a Lei Paz Andrade para un maior coñecemento da lingua portuguesa. Estes catro "axiomas" serán incluídos no programa de goberno do BNG e co que concorrerá ás próximas eleccións.

Queixas reprobou as "políticas desgaleguizadoras" impulsadas desde a Xunta por un PP "aliado dos negacionistas, contra a ciencia e fóra do consenso sociolingüístico". Por iso, a deputada nacionalista reclamou "volver ao consenso pola igualdade lingüística" e "abandonar posicións extremas de ataque ao galego" que "impiden a liberdade da súa aprendizaxe e uso".

"Desde o BNG dicimos plurilingüismo si, pero sempre desde o galego, porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística pero nunca á conta de deixar acantoada a nosa lingua nun faiado", remarcou, parafraseando a Paz Andrade.

"ABRAZADO Á MENTIRA"

Mercedes Queixas salientou que o PP chegou ao Goberno hai 13 anos "abrazado á mentira da imposición do galego" e "persiste na mentira manipulando de forma perversa os datos negativos que confirman que o galego é a única lingua do Estado que perde falantes". Así, denunciou que os populares están instalados no "negacionismo" e practican "a ilegalidade, a anticiencia e o desacato".

"Ilegalidade, porque incumpre o mandato da lei de normalización; anticiencia, porque ignora os estudos científicos da RAG e do CCG, así como os datos do IGE; desacato porque ignora os sucesivos informes do Consello de Europa de eliminar as limitacións para o ensino en galego; e desigualdade, desde unha política desgaleguizadora no ensino e desincentivadora nos usos sociais".

Durante a súa intervención, na que achegou datos estatísticos de falantes e informes, Queixas lamentou que o PP "está a privar á infancia galega da liberdade de aprender galego" e recoñeceu "poucas esperanzas" en Rueda, á vista de "como accedeu ao Goberno, amparando as prohibicións no ensino e secundando a grupos minoritarios contra a lingua".

A deputada do BNG Mercedes Queixas en rolda de prensa no Parlamento de Galicia. BNG
A deputada do BNG Mercedes Queixas en rolda de prensa no Parlamento de Galicia. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta