Os tres sobreviventes do 'Pitanxo' declaran este luns na Audiencia Nacional, o patrón, en calidade de investigado

O patrón, Juan Padín, farao como investigado, mentres que o seu sobriño e Samuel Kwesi, como testemuñas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/06/2022 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

Os tres sobreviventes do naufraxio do pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo', que se afundiu a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá) o pasado 15 de febreiro, acudirán este luns a Madrid para declarar ante a Audiencia Nacional (AN).

Pesqueiro 'Vila de Pitanxo'.. MINISTERIO DE AGRICULTURA E PESCA
Pesqueiro 'Vila de Pitanxo'.. MINISTERIO DE AGRICULTURA E PESCA

Así, os únicos tres mariñeiros que saíron con vida dunha traxedia que supuxo 21 falecementos, terán que prestar declaración no Xulgado de Instrución número 2 da AN. Deles, o patrón do barco, Juan Padín, farao en calidade de investigado na causa, ao apreciarse indicios de 21 homicidios imprudentes, mentres que o seu sobriño, Eduardo Rial, e o mariñeiro Samuel Kwesi farano como testemuñas.

Será ás 09,30 horas cando comecen as declaracións na Audiencia Nacional este luns, a pesar de que o tribunal aínda non se declarou competente para investigar o caso do afundimento do pesqueiro galego.

Con todo, si lle compete comezar as dilixencias, sobre todo as máis urxentes, debido a que ten coñecemento do caso. Cabe lembrar que a Audiencia Nacional tratou de remitir a Marín a causa, porque é a localidade onde radica o porto base do navío. No entanto, o xulgado pontevedrés rexeitou a inhibición, ao entender que os supostos delitos que se investigan foron cometidos en augas internacionais.

Por todo iso, este luns declararán ante a Audiencia Nacional, tras ser aprazada unha semana esta comparecencia a petición da procuradora do patrón para poder preparar o interrogatorio. O tribunal tamén estableceu que os tres terán que acudir de forma presencial a Madrid, a pesar de que se solicitou facelo por videoconferencia, o cal foi rexeitado.

Así mesmo, estas declaracións servirán tamén para resolver as medidas cautelares solicitadas polas familias, pedindo a retirada do pasaporte, que Padín estea localizable e mesmo prisión preventiva para que non volva saír a faenar, tras "persistentes rumores" de que o patrón tiña pensado volver traballar noutro buque da mesma armadora.

Isto ocorre despois de que o xuíz da AN Ismael Moreno emitise un auto asegurando a existencia de indicios que permitirían imputar "polo menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores" a Padín, xa que na traxedia faleceron 21 dos 24 mariñeiros que viaxaban no buque.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta