A Xunta pide a concellos e cidadáns un uso responsable da auga ante a ameaza de "escaseza" por "seca prolongada"

Mantense a prealerta de secura en toda a conca hidrográfica Galicia-Costa. Ethel Vázquez pide aos concellos plans de emerxencia de seca e cuantificar as perdas por fugas na rede de abastecemento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/06/2022 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

A Xunta prolongará este mércores a situación de prealerta de seca na conca hidrográfica Galicia-Costa, que abarca a provincia da Coruña, parte da de Pontevedra e da de Lugo --máis do 70% da poboación galega--, xa que "as poucas choivas" caídas no último mes "non chegaron" e a situación "empeorou un pouco".

Ruínas da aldea de Aceredo, a 12 de febreiro de 2022, en Lobios, Ourense. A seca, producida nas concas galegas pola falta de choiva, deixou Aceredo ao descuberto, converténdose en atracción turística
Ruínas da aldea de Aceredo, a 12 de febreiro de 2022, en Lobios, Ourense. A seca, producida nas concas galegas pola falta de choiva, deixou Aceredo ao descuberto, converténdose en atracción turística | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Desde o mes de abril, toda Galicia Costa está nesta situación e maio tamén foi moi seco, segundo a Xunta. Ante isto, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, insistiu este martes na necesidade de facer un uso responsable da auga e sinalou que se non se toman medidas anticipadas, pódese chegar "a unha posible situación de escaseza de auga".

Así, pediu aos concellos galegos, responsables directos da xestión da auga, que elaboren os seus plans de emerxencia ante situacións de seca --obrigatorios no caso dos concellos de máis de 20.000 habitantes-- para dar resposta "con medidas coordinadas e conxuntas" para afrontar "esta seca prolongada".

Neste sentido, a conselleira detallou que das sete cidades de Galicia, tan só Santiago de Compostela presentou o seu plan. "Temos máis de 100 plans redactados. O 26% dos concellos de mais de 20.000 habitantes teñen o plan e o 32% dos de menos de 20.000 habitantes, pero o óptimo sería que o tivesen todos", afirmou.

Ademais, avanzou que solicitou unha reunión coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e coa Conferencia Hidrográfica Miño-Sil --conca titularidade do Estado--. Sobre isto, indicou que aínda non pecharon as datas, pero espera que nos próximos días poidan "trasladar unha mensaxe conxunta" de que "é necesario facer un uso responsable e eficiente da auga para evitar posibles problemas a final do verán" se a situación continúa.

41% DE PERDA DE AUGA EN REDE

Por outra banda, Ethel Vázquez pediu aos concellos que cuantifiquen as perdas por fugas nas redes de abastecemento. Segundo a lei de garantías vixente desde 2020, as perdas en rede deberían ser menores do 20%. Para comprobar a situación real, a Xunta dirixiuse a todos os concellos para "facer un recoñecemento da situación".

Segundo detallou o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, só 31 concellos teñen cuantificadas as perdas e a media sitúase no 41%, "moi por enriba do 20%". Ethel Vázquez cualificou a situación sobre as fugas na rede de "preocupante" e defendeu que a Xunta axudou nos últimos anos para evitar isto.

Entre as axudas, a titular de Infraestruturas sinalou unha orde de axudas para a instalación de caudalímetros --na que sobrou diñeiro-- que permiten medir e coñecer onde están as fugas e, proximamente, anunciou que convocarán axudas para auditorias, co obxectivo de identificar onde se teñen as fugas en rede e realizar "un uso eficiente da auga".

Ademais, o xerente de Augas de Galicia explicou que ese 41% de media de perda de auga nas redes pode significar "que as redes están en mal estado" ou que algúns concellos "non cuantifican ben as perdas porque non están a medir ben que pasa nas súas redes de abastecemento".

"Cremos que falta unha cultura do uso eficiente da auga e aí temos que centrar os esforzos", recalcou Ethel Vázquez.

MAIO, O PEOR DATO EN 10 ANOS NOS RÍOS

Así mesmo, Gonzalo Mosqueira expuxo que os caudais dos ríos, durante o mes de maio, foron un 45% inferiores á media do últimos dez anos. "É a peor situación dos últimos dez anos", lamentou.

En canto á situación dos encoros, explicou que teñen un nivel "sensiblemente inferior" ao ano pasado, en concreto, cinco puntos menos. Sobre isto, a conselleira fixo un chamamento a "ser conscientes" de que "cinco puntos porcentuais son dez días de abastecemento á poboación".

Ante estas situacións, a Xunta sinalou que as medidas para anticiparse "son claras": cumprimento da lei 9/2019 de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca, que establece medidas a adoptar; medidas de planificación para as entidades locais; e que os concellos teñan os seus propios plans municipais de seca porque "son os que xestionan os recursos na fase de fornecer aos usuarios".

"Vemos fundamentais os plans de seca e as auditorias para facer un diagnóstico, identificar os problemas e dar solucións para que esta seca prolongada non se converta nunha escaseza de auga, porque despois virán as restricións e podémolo pasar mal", insistiu a conselleira.

Así mesmo, incidiu en que "facer algo" está "nas mans de todos". Neste sentido, instou á poboación a tomar conciencia de "xestos importantes" como diminuír os lavados de coches ou limitar o enchido das piscinas e puxo como exemplo o concello ourensán de Boborás, que xa publicou un bando para concienciar á cidadanía e fomentar o uso responsable da auga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta