Científicos constatan un aumento progresivo das secas en Galicia nas últimas décadas

Os episodios de secura estanse intesificando desde a década de 1960, cun aumento especialmente significativo da súa duración, severidade e frecuencia nas últimas dúas décadas, segundo un estudo. Actualmente, toda a demarcación hidrográfica Galicia Costa está en prealerta por seca.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia está actualmente nunha situación de prealerta por seca, algo que xa non é un evento puntual. Nos últimos anos, os galegos escoitaron falar cada vez máis ás autoridades de prealertas e alertas de seca. A situación xa é dramática. No país estase librando neste século unha ‘guerra’ pola auga entre concellos que recorda a que sosteñen entre si comunidades autónomas como Castela-A Mancha e Murcia polo transvase do Tajo-Segura. En Galicia temos agora, por exemplo, un conflito aberto entre Concello de Vigo, Xunta de Galicia e Ponte Caldelas e concellos lindeiros polos plans de transvase do río Verdugo para abastecer de auga a cidade olívica e a súa área metropolitana; ao mesmo tempo, as autoridades xa veñen alertando de que Galicia pode entrar en estado de seca grave no verán, con consecuencias no abastecemento e consumo de auga.

Encoro de Portomarín afectado pola seca.
Encoro de Portomarín afectado pola seca.

A situación actual é froito dunha tendencia. Científicos detectaron en Galicia “un aumento das condicións de seca entre 1960 e 2020”, con eventos de secura que “adoitan ser máis longos” e  cun “claro aumento das peores condicións” destes. Son as principais conclusións dun novo estudo asinado por investigadores do EphysLab (Environmental Physics Laboratory) da Universidade de Vigo e de MeteoGalicia.

Os resultados revelaron un aumento do número de períodos de seca e da súa intensidade entre 1960 e 2020, máis acusado cara ao final deste período

A partir de datos de 23 pluviómetros instalados por todo o territorio galego, realizouse un estudo da evolución dos episodios de seca nas últimas seis décadas. Utilizouse o índice de precipitación estandarizado (IPE) en diferentes escalas de tempo para caracterizar as condicións de seca. O IPE é o número de desviacións estándar que a precipitación acumulada se desvía da media climatolóxica; valores por baixo de -1 indican condicións de déficit significativos, mentres que valores maiores que +1 indican condicións máis húmidas que o normal. O IPE está dispoñible para diferentes períodos de acumulación: 1, 3, 6, 9, 12, 24, 36 ou 48 meses, o cal permite avaliar a duración das condicións de seca e superávit para diferentes escalas de tempo. Para este estudo, analizáronse catro escalas de tempo: 3, 6, 12 e 24 meses (IPE-3, IPE-6, IPE-12 e IPE -24).

Os resultados revelaron un aumento do número de períodos en condicións de seca e da intensidade destes eventos, máis acusado cara ao final do período analizado. Nas últimas seis décadas detectáronse períodos de condicións secas extremas a finais da década de 1970 e ao redor de 1980, 1990, 2005 e 2012, con valores de IPE inferiores a -2,5 nalgúns períodos.

Ruínas da aldea de Aceredo, a 12 de febreiro de 2022, en Lobios, Ourense. A seca, producida nas concas galegas pola falta de choiva, deixou Aceredo ao descuberto, converténdose en atracción turística
Ruínas da aldea de Aceredo, a 12 de febreiro de 2022, en Lobios, Ourense. A seca, producida nas concas galegas pola falta de choiva, deixou Aceredo ao descuberto, converténdose en atracción turística | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Os científicos salientan que a maioría dos episodios de secura en Galicia coincidiron cos observados na península ibérica e rexións mediterráneas, onde “se experimentaron graves eventos de seca ao longo do século XX”, e lembran que “estes episodios de déficit de precipitacións provocaron problemas de escaseza de auga e tiveron importantes consecuencias económicas, sociais e ambientais”.

Para analizar espacialmente o IPE, analizaron as tendencias crecentes ou decrecentes deste índice en cada estación. En xeral, observouse unha tendencia á baixa no índice de precipitacións en todo o territorio galego, e na Galicia occidental identificouse un patrón moi similar para cada unha das catro escalas de tempo IPE .

Nas estacións dos aeroportos de Santiago de Compostela e Vigo identificáronse tendencias significativas de descenso do IPE, con valores en torno a -0,10 e -0,15 por década para IPE-3 e IPE-6, respectivamente. Para as escalas de tempo máis longas, é dicir, IPE-12 e IPE-24, observáronse tendencias decrecentes significativas nestas estacións, aínda que con magnitudes maiores (-0,20 e -0,30 por década). Neste caso, tamén se rexistraron importantes tendencias de descenso do IPE nas estacións de Lourizán e Montaos, acadando valores inferiores aos de Lavacolla e Peinador.

Observouse un maior número de eventos extremadamente secos en comparación cos extremadamente húmidos

Tamén identificaron na parte sueste de Galicia, Ourense, un patrón similar para as catro escalas de tempo, con tendencias descendentes significativas nas estacións de Xinzo de Limia, Ponte Lor e Larouco. E un aumento na magnitude destas tendencias significativas a medida que aumentaba a escala temporal, acadando valores en torno a -0,10 por década para IPE-3 e -0,25 por década para IPE-24.

Pola contra, na zona norte houbo tendencias crecentes no IPE nas distintas estacións. A escala estacional, estas tendencias só foron significativas nas estacións de Xunqueira e Mabegondo, mentres que para IPE-12 e IPE-24, as estacións de Marco da Curra e O Xipro tamén mostraron importantes tendencias de aumento. Na Xunqueira detectouse unha forte tendencia crecente para as catro escalas de tempo do IPE, que van dende o 0,12 por década para o IPE-3, ata o 0,50 por década para o IPE-24. A estación de Sadurniño, que se atopa máis ao norte das estacións con tendencia crecente, presentou unha importante tendencia descendente para IPE-6 (-0,10 por década), IPE-12 (-0,13 por década) e IPE-24 (-0,21 por década).

MÁIS EPISODIOS DE SECA EXTREMA 

Os resultados obtidos para todas as estacións fusionáronse para a posterior análise do conxunto de Galicia. Aínda que a maioría dos valores de IPE-3 foron clasificados como normais, observouse a aparición dun gran número de condicións extremadamente secas, no canto de condicións extremadamente húmidas. Esas condicións de secura ocorreron con máis frecuencia nas últimas dúas décadas.

Como explican, os episodios máis destacados de seca xurdiron ao redor de 1978, 2007 e 2012, con valores de IPE inferiores a -2,5. Ademais, houbo unha tendencia decrecente significativa de −0,04 por década para todo o período.

O valor para IPE-6 presentou un patrón similar. Os eventos con condicións extremadamente secas ocorreron regularmente despois do ano 2000 e a tendencia negativa observada foi significativa (-0,06 por década). A maior escala temporal, ocorreron varios eventos de seca durante diferentes períodos de anos, cunha tendencia negativa significativa con valores de -0,09 e -0,15 por década para IPE-12 e IPE-24, respectivamente.

Á par, os episodios con condicións húmidas foron máis recorrentes nas primeiras décadas do período de estudo; porén, a partir da década de 1990, os períodos extremadamente secos fixéronse máis frecuentes.

Os investigadores consideran “especialmente salientable” o episodio de seca 2012, con valores inferiores a -2 para IPE -12 e IPE -24. Este evento de secura comezou cunha “extraordinaria escaseza de precipitacións” na primavera e inicio do verán de 2011. Aínda que a situación mellorou de forma transitoria polas chuvias de outubro e novembro daquel ano, a escaseza de precipitacións en decembro de 2011 e en xaneiro e febreiro de 2012 (os meses máis chuviosos do ano historicamente) fixeron que Galicia entrase nun episodio de seca que se notou de forma acusada nos intervalos de agregación maiores (12 e 24 meses). De feito, o de 2012 fora o febreiro máis seco desde 1961.

"A aparición de episodios húmidos foi máis frecuente ao comezo do período de estudo, mentres que as condicións secas se rexistraron regularmente a partir de 1990”

Tamén destacan un evento de seca moi intenso ao redor de 2005, cos valores IPE indicando condicións extremadamente secas. “A pouca cantidade de precipitacións e o amplo impacto espacial da seca de 2004/05 fixeron que este evento se convertese nun dos episodios secos máis angustiosos experimentados, provocando malestar social e xerando disputas sobre as futuras infraestruturas hídricas”, recordan.

No estudo tamén se analizou a frecuencia (%) dos rexistros IPE  en cada escala temporal considerando diferentes intervalos de intensidade, para cuantificar os eventos de seca e caracterizar a súa aparición. Os datos evidencian unha clara prevalencia de condicións normais, cunha frecuencia de aparición de arredor do 70% en cada unha das catro escalas de tempo do IPE. As categorías de condicións moderadamente húmidas/secas tiveron frecuencias inferiores ao 10 %, mentres que os episodios extremos e graves ocorreron durante aproximadamente o 5 % do período considerado.

Para os autores do estudo, aínda que “estes resultados indican unha similitude na aparición de eventos húmidos e secos ao longo do período de estudo”, matizan que “a aparición de episodios húmidos foi máis frecuente ao comezo do período de estudo, mentres que as condicións secas se rexistraron regularmente a partir de 1990”.

Durante todo o período de estudo observáronse episodios húmidos claros nas catro escalas de tempo IPE entre 1965 e 1970, con condicións severas e extremadamente húmidas. Ao redor de 1975, un episodio de condicións extremadamente secas foi seguido de episodios húmidos marcados que se rexistraron ata aproximadamente 1980. Entre 1990 e 1995 volvéronse observar condicións de seca nas diferentes escalas de tempo, e arredor de 2001 ocorreu o último evento húmido maior do período de estudo, con condicións extremadamente húmidas. Tras este evento, os episodios secos ocorreron con maior frecuencia ata 2020.

“Estes resultados indican, polo tanto, un aumento xeral das condicións de seca”, conclúen os autores da investigación.

AUMENTA A DURACIÓN E MAGNITUDE

En canto á duración e intensidade deses eventos, a escala estacional, o IPE-3 mostrou que durante as tres primeiras décadas, a maioría dos eventos de seca prolongáronse entre dous e tres meses, con condicións extremadamente secas en varias ocasións. Destacan o evento de secura de 1976, que durou oito meses, cunha intensidade máxima de -2,12, e o de 1978, que acadou un valor de intensidade de -2,83.

Despois de 1990, os eventos de seca fixéronse máis habituais e duraron de dous a catro meses. A maioría dos episodios de secura rexistrados desde entón presentaron condicións extremadamente secas con valores IPE inferiores a -2. Así, no período 1990-2004 rexistráronse os dous eventos máis longos (seis meses), con valores de intensidade que indican condicións de seca severa.

A gravidade das secas aumentou, tanto en duración como en magnitude, a partir dos anos 2000 

A maior escala, IPE-12 e IPE-24, nas décadas máis recentes observouse tamén un maior número de episodios de seca para ambos os casos e tiveron unha maior duración e intensidade que os episodios de seca anteriores. A seca máis severa en canto a duración e intensidade observouse en 2012 na escala IPE-12, cunha duración de 15 meses cunha intensidade máxima de -2,70. Pola contra, o IPE-24 presentou dous grandes eventos de seca en canto a intensidade, ao redor de 1976 (-2,52) e 2006 (-2,50), que se prolongaron durante 12 e 24 meses, respectivamente. Nesta escala tamén se produciu outro importante evento de seca ao final do período rexistrado en 2013 cunha duración de 16 meses e unha intensidade máxima de -2,35.

En definitiva, explican, “os resultados indicaron un aumento no número de períodos en condicións de seca e a intensidade dos eventos de seca; así, os episodios de secura tenderon a ser máis longos, cun aumento dos períodos consecutivos en condicións de seca, cara ao final do período de estudo”.

En canto á magnitude dos eventos de seca en diferentes períodos para as catro escalas de tempo diferentes, houbo un aumento na duración e magnitude da seca cando a escala de tempo IPE aumentou no período de estudo de 1960-2020. Ademais, houbo diferenzas na duración e na magnitude da seca entre os períodos 1960-1999 e 2000-2020. A gravidade das secas aumentou tanto en duración como en magnitude entre o primeiro e o segundo períodos a escalas de 3, 6, 12 e 24 meses.

De novo, os resultados indicaron unha “tendencia a unha maior magnitude e unha maior duración dos períodos de seca cara ás últimas décadas do período de estudo”, expoñen.

E ao analizar a frecuencia dos eventos de seca en función do número de eventos por década, evidenciouse un aumento xeneralizado nas catro escalas de tempo diferentes. Cando a escala temporal IPE aumentou, o número de eventos por década diminuíu. “Os eventos de seca mostraron unha variabilidade por décadas, aínda que se observou un claro incremento na aparición de secas moderadas, severas e extremas nas últimas décadas do período de estudo en relación ao inicio do período”, engaden.

Polo tanto, Galicia experimentou un aumento na frecuencia e intensidade das secas nos últimos anos e todo apunta a un incremento desa tendencia nos últimos anos. Boa proba disto é a situación que vive o país actualmente, coas alarmas acendidas.

GALICIA, EN SITUACIÓN DE SECA PROLONGADA

A Xunta vén de facer un chamamento á poboación e aos concellos para que adopten medidas co obxectivo de facer un "uso eficiente da auga" e non malgastala, ante un verán que se presenta complicad. Así,  a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pediu aos concellos que realicen bandos e comunicacións á cidadanía para regular o enchido de piscinas, realizar un lavado de vehículos eficiente, reducir as regas de xardíns ou outras "medidas e xestos" para evitar a escaseza, xa que Galicia leva meses en situación de "seca prolongada". "Son xestos e medidas sinxelas que a longo prazo poden ser moi útiles para evitar pasar a unha situación de escaseza", dixo a conselleira.

Galicia rexistrou o último inverno a menor cantidade de precipitacións da última década nesta estación

Vázquez demandou a toda a poboación "concienciación, sensibilización e aforro do consumo de auga" porque, dixo, "agosto e setembro poden ser moi preocupantes se non se toman medidas".

O pasado mes de abril, a Xunta estendeu a situación de prealerta por seca á totalidade da demarcación hidrográfica Galicia Costa como medida para extremar a vixilancia pola escaseza de precipitacións dos últimos meses. Deste xeito, a totalidade da demarcación pasou a estar en prealerta por seca, declarada o pasado 7 de febreiro en doce sistemas do sur da demarcación, e que se estendeu en abril aos sete do norte que permanecían en parámetros de normalidade: río Eume e ría de Ares; Ferrol; río Mera, ría de Santa Marta de Ortigueira e ría de Cedeira; río Sor, ría Santa Marta de Ortigueira e ría de Viveiro; río Landro e río Ouro; río Masma, e ría de Ribadeo.

Galicia rexistrou este inverno a menor cantidade de precipitacións da última década, segundo o informe elaborado por Meteogalicia (entidade dependente da Consellería de Medio Ambiente). A porcentaxe de precipitacións foi un 37 % máis baixa que a do período de referencia.

Segundo MeteoGalicia, tanto xaneiro como febreiro foron meses "moi secos" e, no caso de febreiro, o déficit hídrico alcanzou o 67 %, polo que se converteu no febreiro máis seco da década, só por detrás do de 2012.

Os valores de precipitacións máis baixos concentráronse no sur da provincia de Lugo e en gran parte da de Ourense, especialmente a comarca de Valdeorras, onde apenas se rexistraron 79 litros por metro cadrado entre decembro e febreiro. As excepcións marcáronas os concellos de Navia de Suarna e Negueira de Muñiz, con choivas un 93 % por enriba do normal.

2021 foi un ano seco e cálido en Galicia, cunha temperatura media 0,32 graos por enriba do normal e un 6% menos de choivas

Ademais, o informe climatolóxico anual de Meteogalicia sinalou que 2021 se caracterizou por ser seco e cálido en Galicia. Segundo os datos, a temperatura media no país foi 13,93 graos, isto é, 0,32 graos por enriba do valor agardado, co que se rexistrou unha suba por noveno ano consecutivo.

Segundo os datos de precipitacións recollidos nas estacións meteorolóxicas, o pasado ano o volume de choivas foi tamén menor do esperado, polo que 2021 debe considerarse, en xeral, un ano seco. En total, a precipitación media en Galicia foi de 1.206 L/ m 2 , o que significa que choveu un 6% menos do que cabería esperar.

UN FUTURO MÁIS SECO

Son xa moitos os estudos científicos que auguran un futuro máis cálido e seco para o territorio galego e a península ibérica. Así, por exemplo, os modelos científicos apuntan a un futuro próximo con episodios de inundacións e secas cada vez máis recorrentes en Galicia.

“Os resultados mostran que, aínda que en conxunto podamos ter unha menor cantidade de precipitacións, os cambios na súa distribución temporal poden provocar que no futuro, tal e como estamos a empezar a ver xa nas noticias, teñamos maior número de episodios de choivas torrenciais xunto con períodos de seca que se repiten cada vez con máis frecuencia, o que nos levaría a estar a alternar alertas de inundacións e secas de forma cada vez máis frecuente”, precisaron Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, investigadoras do Laboratorio de Física Ambiental (EphysLab) do Centro de Invetigación Mariña da Universidade de Vigo e do Departamento de Física do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro (Portugal).

“Espérase unha diminución da precipitación total no verán e primavera, cun aumento dos períodos secos, e un aumento de días con precipitacións intensas máis acusado no outono e inverno”, advertiron.

Tamén hai evidencias de que as secas, cada vez máis frecuentes e intensas, afectan a mortalidade diaria dos galegos, especialmente aos do interior. Así, científicos da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo e do Departamento de Epidemioloxía e Bioestatística do Instituto de Salud Carlos III (Madrid) atoparon “asociacións estatisticamente significativas entre os períodos de seca e a mortalidade diaria en todas as provincias de Galicia (agás Pontevedra) para diferentes escalas de tempo". Ademais, os períodos de seca tiveron maior influencia na mortalidade diaria nas provincias do interior que nas áreas da fachada atlántica, sendo Lugo a máis afectada.

Seca no encoro de Lindoso, na Baixa Limia, que deixa ver a aldea sumerxida de Aceredo
Seca no encoro de Lindoso, na Baixa Limia, que deixa ver a aldea sumerxida de Aceredo | Fonte: Gonzalo Blanco.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta