Emerxencia climática: as secas en Galicia aumentan o risco de mortalidade humana, cun impacto maior que noutras zonas en España

Coral Salvador, investigadora do Laboratorio de Física Ambiental EPHYSLAB da Universidade de Vigo, explica a GC os resultados dos estudos que liderou sobre o impacto deste extremo hidrolóxico sobre causas específicas de mortalidade (naturais, circulatorias e respiratorias) na península Ibérica, no contexto do cambio climático.

Por Alberto Quian | Madrid | 13/12/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O mundo vive unha situación de emerxencia debido ao impacto do cambio climático, con predicións, entre outras moitas, de falta de auga potable, grandes cambios nas condicións para a produción de alimentos e un aumento nos índices de mortalidade debido a inundacións, tormentas, ondas de calor e secas.

Greenpeace documenta a seca no Encoro Belesar en Portomarín, Lugo.
Greenpeace documenta a seca no Encoro Belesar en Portomarín, Lugo.

Sobre estas últimas, precisamente os escenarios de cambio climático analizados pola comunidade científica indican un aumento na intensidade e frecuencia das secas en varias rexións do mundo neste século, sendo unha das máis afectadas o sur de Europa, o que supón unha ameaza para a saúde da poboación. Neste contexto, Galicia non escapa das devastadoras consecuencias das secas, cada vez máis frecuentes e intensas.

Entre 1981 e 2018, as precipitacións en Galicia reducíronse notablemente, coa maior taxa de variación en toda España. Son datos do informe 'Evolución das precipitacións en España', con datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía ( AEMET), publicado polo Observatorio da Sustentabilidade. Pontevedra é a provincia onde máis caeu a taxa de precipitacións en todo o Estado e as catro provincias galegas sitúanse entre as seis que máis viron reducirse as choivas nas últimas catro décadas.

Galicia padeceu entre 2016 e 2018 episodios de secas alarmantes que fixeron activar protocolos de actuación para mitigar o seu impacto. Segundo datos recollidos polo profesor Álvaro Francisco Morote Seguido, do Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais e Sociais da Universitat de València, a redución de precipitacións en Galicia neste período “foi ao redor de 500 mm (un descenso do 28-49%, en función do observatorio)”, pero co paradoxo de que “os principais problemas se rexistraron xustamente en áreas onde esa redución foi menor”.

O científico alertou de que diferentes problemas estruturais fan que Galicia sexa máis vulnerable ás secas que outras rexións con menos precipitacións, sendo “un exemplo claro de mala adaptación á seca e ao cambio climático”.

Encoro de Portomarín afectado pola seca.
Encoro de Portomarín afectado pola seca.

Galicia, segundo este experto, “enfróntase a un reto a medio prazo para lograr ser un territorio máis resiliente ao cambio climático, feito que xa se constatou durante a última década cun maior número de anos secos e unha redución da precipitación media”.

Os problemas derivados das secas son múltiples, sendo un deles o aumento da mortalidade humana. Científicos do Laboratorio de Física Ambiental Ephyslab da Universidade de Vigo e do Departamento de Epidemioloxía e Bioestadística do Instituto de Salud Carlos III (Madrid) veñen publicando datos sobre o impacto das secas na saúde da poboación.

Tras presentar a principios deste ano os resultados do primeiro estudo sobre a relación entre as secas e o risco de mortalidade en Galicia, os científicos profundan agora no problema cun novo traballo, titulado 'Effects of droughts on health: Diagnosis, repercussion, and adaptation in vulnerable regions under climate change. Challenges for future research', que amplía datos e información sobre este problema global. Unha nova achega científica que, do mesmo xeito que a anterior, se publica na revista Science of Total Environment.

Para profundar neste problema, falamos con Coral Salvador, investigadora do Ephyslab e autora principal destes dous traballos.

"Ata o momento non había estudos que aborden o efecto das secas para diferentes causas de mortalidade diaria na península ibérica"

Cal é a motivación e o obxectivo principal desta liña de investigación que relaciona secas con saúde?

O cambio climático é un dos maiores desafíos ambientais aos que nos enfrontamos. O noso obxectivo principal é o estudo do efecto das secas na saúde humana. Máis concretamente, a miña liña de tese está enfocada en abordar o impacto deste extremo hidrolóxico sobre causas específicas de mortalidade (naturais, circulatorias e respiratorias) na península Ibérica, nun contexto de cambio climático. A miña maior motivación radica en que, aínda que hai moitos estudos realizados sobre o efecto na saúde doutros eventos climáticos extremos como as ondas de calor, os incendios forestais, as inundacións..., hai moitos menos realizados para as secas, e en termos de impactos en saúde apenas hai.

Ademais, as secas son os eventos climáticos menos entendidos, pero á súa vez son amplamente consideradas como os eventos climáticos máis custosos e destrutivos que afectan a un maior número de persoas, sendo responsables dunha notable carga de  morbilidade e mortalidade en todo o mundo, polo que creo que se fai necesario este tipo de traballos de investigación. Ademais, proxeccións futuras de cambio climático indican unha maior frecuencia e intensidade das secas en varias rexións no mundo, como no sur de Europa, polo que é crucial un coñecemento máis amplo para poder abordar esta ameaza e minimizar os seus efectos.

Cales son as principais liñas metodolóxicas que seguiron para o estudo deste problema ata agora?

Ata o momento utilizamos datos diarios de mortalidade segregada por causas específicas (naturais, circulatorias e respiratorias) para cada provincia de España así como para diferentes distritos de Portugal proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística. O período de estudo dispoñible para toda España foi de 2000 a 2009 e para Portugal, de 1983 a 2016. Para a monitoraxe da seca utilizamos dous índices de seca, o SPI (en inglés Standardized  Precipitation Index), que ten en conta datos de precipitación para o seu cálculo, e o SPEI (en inglés, Standardized Precipitation-Evapotranspiration index) que considera ademais da precipitación a temperatura, concretamente a evapotranspiración. Ambos os índices teñen a peculiaridade de poder obterse a diferentes escalas temporais, o que permiten reflectir a resposta de diferentes sistemas ambientais e humanos asociada a diferentes períodos de acumulación de déficit de auga.

Para avaliar o impacto das condicións de seca sobre os parámetros en saúde utilizamos modelos lineais xeneralizados, concretamente modelos Poisson, que posteriormente fan posible calcular os diferentes riscos relativos de mortalidade vinculado á ocorrencia das condicións de seca e a partir dos mesmos calculamos a porcentaxe de risco atribuíble. Ademais, para levar a cabo un estudo máis preciso controlamos adicionalmente o efecto doutros eventos climáticos estreitamente asociados coas secas, como ondas de calor e contaminación atmosférica. Finalmente, sempre realizamos un mapeo dos riscos para unha mellor interpretación dos resultados.

"Descubrimos unha relación estatisticamente significativa entre condicións de seca e diferentes causas de mortalidade diaria (natural, circulatoria e respiratoria)"

Que novidades ou orixinalidade achega esta liña de investigación no marco das investigacións sobre o cambio climático?

Pois esta liña de investigación achega varias novidades. A primeira é que ata o momento non había estudos que aborden o efecto das secas para diferentes causas de mortalidade diaria na península ibérica, agás salvo o traballo que fixemos para Galicia, e tampouco a nivel estatal, como o que acabamos de enviar a unha revista de investigación, no que expandimos o traballo por toda España. Ademais, levamos a cabo unha análise máis precisa ao controlar adicionalmente nos modelos Poisson o efecto sobre a mortalidade das ondas de calor e de diferentes contaminantes atmosféricos xunto cos indicadores de seca. Ademais, no noso traballo comparamos o rendemento dos diferentes índices de seca (obtidos a diferentes escalas temporais) para poder determinar en último termo que índice é un mellor proxy para reflectir e identificar os diferentes riscos das diferentes causas de mortalidade (así como que escala temporal é máis sensible). Isto é importante porque a pesar de haber moitos índices de seca, non hai un específico deseñado para este propósito e en xeral hai unha falta de consideración na literatura científica na examinación de que índice é o máis preciso para medir un tipo de seca con referencia aos seus efectos sobre a saúde.

Doutra banda, particularmente en Portugal conseguimos os datos de mortalidade diaria  segregados por sexo e diferentes grupos de idade e estamos a traballar niso. O  mapeo de riscos e vulnerabilidades nas rexións afectadas atendendo a diferente sexo e grupos de idade é crucial á hora de expor medidas de adaptación específicas e plans de prevención, así como poder reducir a vulnerabilidade nos grupos máis vulnerables. Ata onde eu sei, hai moi poucos estudos que consideren isto.

Cales son os resultados máis relevantes?

O achado máis importante é que para a península Ibérica describiuse unha relación estatisticamente significativa entre condicións de seca medidas por ambos os indicadores e diferentes causas de mortalidade diaria (natural, circulatoria e respiratoria). Entre as diferentes causas de mortalidade, as respiratorias son o grupo máis fortemente vinculado ás secas, mentres que as causas circulatorias son as menos asociadas. Ademais, os resultados obtidos polos diferentes índices de seca foron moi similares, aínda que observamos sutís pero interesantes diferenzas para as causas naturais e respiratorias.

Particularmente en España, observouse para o período 2000 a 2009 unha clara heteroxeneidade espacial en canto aos riscos deste extremo hidrolóxico na mortalidade, sendo a rexión Noroeste (de Norte a Sur) a máis afectada en consideración co ocorrido no Norte e Leste. Cando adicionalmente controlamos o efecto de ondas de calor e contaminación atmosférica –concentración diaria de material  particulado cun diámetro aerodinámico menor de 10 µm (PM10); dióxido de nitróxeno (NO2) e ozono (O3)–, para moitas provincias o indicador de seca reflectiu o impacto destes eventos climáticos (como un indicador indirecto) aínda que no resto o impacto e a significación de SPEI e SPI se mantivo. 

"As rexións máis afectadas en termos de mortalidade diaria son as orientadas ao Oeste (noroeste, centro-oeste e suroeste), mentres que as rexións menos afectadas foron as orientadas ao Norte e Leste"

Cales son as principais causas e efectos?

A seca é un fenómeno natural que deriva dunha continuada deficiencia de precipitación e recursos hídricos sobre un período de tempo longo. Con todo, outros factores climáticos poden promover e intensificar os períodos de seca, como a incidencia de altas temperaturas, mediante a perda de auga por evapotranspiración, altos ventos, baixa humidade relativa…Ademais, factores  antropoxénicos [os causados pola acción humana] poden potenciar a severidade das secas e os seus efectos (por exemplo, a mala xestión da auga e da terra, deforestación…). Os efectos das secas son diversos e varían, desde a diminución dos recursos hídricos e calidade da auga, redución de áreas forestais e do rendemento dos cultivos, diminución da produción de enerxía hidroeléctrica, ata graves repercusións socioeconómicas, e aumento de morbilidade e mortalidade.

Que enfermidades se relacionan coas secas?

De maneira directa, as secas provocan a degradación do ambiente e modificación dos ecosistemas, mentres que os impactos na saúde adoitan ser principalmente indirectos. Entre eles inclúese un maior risco de enfermidades infecciosas e afectacións gastrointestinais, particularmente debidas á diminución da calidade da auga, cambios na ecoloxía de enfermidades transmitidas por vectores, malnutrición e desnutrición, e mesmo serios efectos na saúde mental, que en casos extremos se vincularon con mortalidade prematura e mesmo hai artigos que indican que estes fenómenos extremos poderían ser un factor contribuínte a maiores taxas de suicidio en rexións vulnerables.

Ademais, as secas relacionáronse cun maior risco de enfermidades cardiorrespiratorias, dado que frecuentemente veñen acompañadas de tormentas de po ou provocan unha maior incidencia de incendios forestais que liberan compoñentes tóxicos á atmosfera, o que conleva a exacerbación de enfermidades respiratorias e circulatorias e mesmo a mortalidade prematura, sobre todo na poboación vulnerable. Ademais, as secas asócianse con condicións anticiclónicas, caracterizadas por alta concentración de contaminantes atmosféricos debido ás situacións de estancamento e bloqueo. Os eventos de seca tamén se relacionaron con cambios nos patróns de dispersión dos alérxenos comprometendo á súa vez a saúde respiratoria.

Falan de diferenzas por territorios. Cales son?

En España, concretamente, cando as secas se miden polos indicadores de seca que describín anteriormente, SPEI e SPI, obtidos a curto prazo (a un mes de acumulación), obsérvase que as rexións máis afectadas en termos de mortalidade diaria son as orientadas ao Oeste (noroeste, centro-oeste e suroeste), mentres que as rexións menos afectadas foron as orientadas ao Norte e Leste. Para as provincias localizadas no Nordés tamén se evidenciaron asociacións estatisticamente significativas entre as secas e mortalidade diaria.

"As secas en Galicia tiveron unha maior influencia sobre a mortalidade diaria nas rexións de interior, sendo Lugo a máis afectada, en comparación co observado para as provincias da Coruña e Pontevedra"

Cales son as singularidades de Galicia neste contexto?

Galicia, en particular, pareceunos unha rexión ideal para comezar a nosa investigación. No artigo que publicamos recentemente na revista Science  of  the Total  Environment, fixemos un estudo diagnóstico de series temporais para un período de 30 anos, desde 1983 a 2013. Neste artigo observouse clara diferenza entre as provincias situadas no interior de Galicia (Lugo e Ourense) con respecto ás atlánticas (A Coruña e Pontevedra). Especialmente, os eventos de seca tiveron unha maior influencia sobre a mortalidade diaria nas rexións de interior, sendo Lugo a máis afectada, en comparación co observado para as provincias da Coruña e Pontevedra. Ademais, nas rexións de interior, particularmente en Lugo, houbo maior número de días contabilizados con condicións de seca, e clasificados como seca severa e extrema, mentres que na rexión costeira de Pontevedra se observou un menor número de días con seca e contabilizouse menor número de días acumulados clasificados como condicións de seca severa e extrema.

Ademais, os nosos resultados suxiren que a mortalidade diaria asociada a secas se focalizou cando estas se mediron a curto prazo nas provincias de interior, mentres que na rexión costeira da Coruña se manifestou coa incidencia de secas máis prolongadas. Cando controlamos adicionalmente os efectos das ondas de calor e contaminación atmosférica para o período 2000 a 2009 nos modelos Poisson, observouse que no efecto das secas principalmente se explicou polo impacto da contaminación atmosférica.

"Aínda que os riscos relativos de mortalidade vinculada á seca en España non son moi altos, non son despreciables e, desde unha perspectiva rexional, o impacto e a exposición da seca é importante"

Teñen datos ou información de tendencias ou previsións futuras?

É un tema que me encantaría abordar nun futuro con maior profundidade. Globalmente espérase un incremento das secas (aumento en canto á súa intensidade ou frecuencia local) asociado con déficit en niveis de precipitación e aumento de temperatura, e por tanto cabería agardar maiores efectos na saúde. Todo iso dependerá tamén das sinerxias entre os efectos e causas da propia seca, asociacións coa contaminación e as temperaturas…

A escala global estímase que se producirán cambios rexionais no clima cun quecemento global de ata 1,5º C, aumentando se se elevan ata 2º C, con respecto aos niveis  preindustriais, entre eles un aumento da intensidade ou frecuencia das secas nalgunhas rexións (nivel de confianza medio). Ademais, cabe destacar que as diferenzas entre as rexións están fortemente influídas pola localización xeográfica, as condicións socioeconómicas e a capacidade de adaptación.

Cales son as incertezas sobre este problema?

Aínda quedan bastantes incertezas sobre o estudo e caracterización das secas, así como tamén sobre os detalles na asociación entre a ocorrencia destes extremos hidrolóxicos e os seus impactos en saúde. Necesítase unha mellor comprensión sobre os mecanismos involucrados. Unha das maiores incertezas que considero que habería que abordar é que faltan estudos sistemáticos que se focalicen en investigar que métrica e características da seca son as máis preditivas para reflectir e identificar os diferentes riscos en saúde. Realizar estudos metodolóxicos abordando a análise de diferentes tipos de seca e escalas temporais creo que é moi importante, dado que faltan estudos que avalíen o rendemento de diferentes índices de seca e escalas temporais para a estimación de aspectos específicos da saúde.

Obter series temporais de índices de seca a diferentes resolucións temporais, avaliando e comparando os resultados tamén creo que é un tema que habería que considerar en maior profundidade, dado que hai países nos que non hai datos de morbilidade e mortalidade diarios, senón semanais ou mensuais, por exemplo. Tamén creo que existen incertezas sobre os mecanismos de vulnerabilidade asociados á incidencia deste extremo climático. Finalmente, tamén considero que habería que profundar tamén sobre os impactos das secas noutros aspectos da saúde, controlar por diferentes estacionalidades e, sobre todo, como antes comentabas, realizar estudos de tendencias e previsións futuras.

Que información ou mensaxe se debería trasladar á cidadanía, por unha banda, e ás administracións públicas, por outra? Que medidas deberían tomar uns e outros?

Os estudos realizados en España revelan unha asociación estatisticamente significativa entre a incidencia de eventos de seca e causas específicas de mortalidade diaria. Aínda que os riscos relativos de mortalidade vinculada á seca en España non son moi altos, estes non son despreciables e, desde unha perspectiva rexional, o impacto e a exposición da seca é importante. Ademais, cabe destacar que existen rexións do mundo onde a incidencia deste extremo climático supón unha grande ameaza para a saúde e benestar da poboación, e onde se prevé que poida incrementar, atendendo ás proxeccións futuras de cambio climático.

De forma global, creo que fai falla unha maior información e comprensión á hora de percibir e tratar este problema e unha necesidade de considerar máis estudos que aborden os detalles entre a relación da seca e diversos aspectos da saúde humana. Varios traballos, entre eles o informe do IPCC, indican que os efectos negativos dos extremos climáticos como as secas irán en consonancia co grao de desenvolvemento e preparación dos diferentes países. Con iso, é importante mellorar a perspectiva e estratexias de visión, así como reforzar e potenciar políticas  proactivas para a implementación de medidas específicas de prevención, mitigación e adaptación deseñadas para minimizar en último termo os riscos e a vulnerabilidade da poboación (nun contexto específico para cada país). De forma máis particular, crear sistemas de alerta temperá, fomentar unha boa xestión e uso responsable da auga…

Que futuras liñas de investigación habería que seguir? Que necesidades existen neste campo de investigación?

Como liñas de investigación futuras, creo que aquelas que aborden as incertezas que anteriormente comentei. Tamén animo a realizar estudos que controlen adicionalmente a incidencia de incendios forestais sobre a morbilidade e mortalidade, baixo o control de eventos de seca. Ademais, análise sobre proxeccións futuras tamén creo que son importantes, sobre todo considerando as previsións futuras de cambio climático. Finalmente, e non por iso menos importante, considero cruciais liñas de investigación que se centren na elaboración de novos sistemas de monitoraxe, na abordaxe de novas medidas e estratexias específicas de prevención, adaptación e mitigación dos efectos, para a redución dos impactos na saúde da poboación exposta e á redución de vulnerabilidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta