Galicia consolidase na I+D+I e na investigación: biotecnoloxía, enerxías limpas e tecnoloxías profundas

Desde o 2021 lévanse creado 24 empresas, os traballadores medraron un 6% e o gasto en I+D+i neste sector supón o 17% do total. A ciencia é unha prioridade para o Goberno galego como ferramenta para impulsar o progreso socioeconómico e mellorar a vida dos galegos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/06/2025 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

O Plan galego de investigación e innovación é a folla de ruta da Xunta de Galicia para darlle o impulso á I+D+i dentro da súa intensa aposta pola ciencia. Está dotado con 1.310 M€ e conta con medidas para favorecer o desenvolvemento económico da Comunidade, o progreso e benestar da sociedade e o seu posicionamento internacional, onde Galicia cada vez é máis coñecida polas súas capacidades neste eido. 

Sede de investigación do proxecto Qmio
Sede de investigación do proxecto Qmio | Fonte: Xunta

Os obxectivos principais son fomentar o talento investigador e que os resultados do seu traballo cheguen á cidadanía e ao mercado para ter un impacto real a través de ferramentas como a Fundación Galtia, os plans locais de I+D+i ou os modelos de transferencia, entre outros.  "Queremos ampliar as posibilidades da ciencia para avanzar como país, reforzar determinados sectores estratéxicos e estender a innovación ao todo o territorio. Isto é o que chamamos a aposta pola I+G+i, unha aposta pola Galicia Calidade tamén na investigación e na innovación", apuntan desde a Xunta.

CONTEXTO

A ciencia é unha prioridade para o Goberno galego como ferramenta para impulsar o progreso socioeconómico e mellorar a vida dos galegos. E, para iso, pon datos; Galicia é a comunidade onde máis medra o investimento en I+D, un 28%, o dobre que no conxunto do Estado, segundo o INE e case 14.000 persoas dedícanse a actividades de I+D, un 12% máis. Ademais, o país capta  o 40% dos proxectos presentados á Compra Pública de Innovación en 2024: oito proxectos e 42 M€. 

E no eido da biotecnoloxía, Galicia é a autonomía máis emprendedora. Desde o 2021 lévanse creado 24 empresas, os traballadores medraron un 6% e o gasto en I+D+i neste sector supón o 17% do total. Por iso, o Plan galego de I+D+i céntrase no talento, na transferencia de coñecemento, na especialización e na expansión da investigación e innovación a todo o territorio para a mellora dos servizos públicos.

Presentación do programa de ciencia e I+D+I por parte do conselleiro Román Rodríguez
Presentación do programa de ciencia e I+D+I por parte do conselleiro Román Rodríguez | Fonte: Xunta

Galicia capta o 40% dos proxectos presentados á Compra Pública de Innovación en 2024: oito proxectos e 42 M€

ESPECIALIZACIÓN

Pero unha das chaves desta lexislatura está nas áreas de especialización máis potentes e mellor consolidadas na Comunidade. Estas áreas son a biotecnoloxía (medicina xenómica, novos materiais, farmacoloxía e agroalimentación), as tecnoloxías profundas (intelixencia artificial e computación cuántica) e as enerxías limpas. Con isto non só se mantén a aposta de Galicia pola excelencia en I+D+i, senón que se introducen iniciativas para adaptarse a un contexto global en constante transformación e, así, asentar unhas bases sólidas para o crecemento.

TALENTO INVESTIGADOR

Tamén o talento é un piar imprescindible da I+D+i. O plan inclúe medidas dirixidas a captar, reter, atraer e retornar investigadores. Destacan programas como Oportunius, grazas ao que traballan na Comunidade investigadores que obtiveron unha bolsa ERC, as máis prestixiosas que concede o Consello Europeo de Investigación. Tamén a gran rede de centros de investigación universitarios de excelencia, a chamada Rede CIGUS, composta por 10 centros das tres universidades públicas galegas que amosan a mellor ciencia feita en Galicia. Ademais estase a deseñar o novo programa Retorno talento I+D, co obxectivo de captar investigadores galegos que estean a desenvolver a súa actividade no exterior co obxectivo de asentar en Galicia o mellor talento. 

Sen dúbida, unha das grandes novidades neste campo é a creación dunha fundación de atracción de talento de alto nivel internacional: a Fundación Galtia. A Xunta xa traballa na súa creación co obxectivo posto en que en inicios de 2026 se poida lanzar a primeira convocatoria de captación de talento. Con esta fundación quere posicionarse á Comunidade como un destino atractivo para desenvolver a actividade investigadora en áreas de coñecemento estratéxicas para Galicia, co foco posto en captar a 30 investigadores de máximo prestixio mundial, que poidan vir acompañados das súas familias e os seus equipos.

TRANSFERENCIA DE COÑECEMENTO

Por moito talento que exista, é necesario saber aproveitar os resultados das investigacións para mellorar a vida das persoas. Por iso, outro dos piares fundamentais do Plan galego de I+D+i é a transferencia do coñecemento á sociedade. Para iso, a Xunta de Galicia está a reforzar o programa Ignicia, un dos principais instrumentos do Goberno galego para facilitar esta transferencia real das investigacións á sociedade. Esta convocatoria, pioneira e referente a nivel estatal, impulsa a creación de novas spin-offs e acordos de licenza de comercialización da tecnoloxía xerada en Galicia.

Neste apartado, o plan dá un salto para impulsar a creación de startups derivadas de resultados de investigación. O fin é transformar os avances científicos e tecnolóxicos en oportunidades de desenvolvemento económico e social. Para isto, aplicarase o modelo coñecido como Venture Building, testado e recoñecido a nivel internacional, que identifica ideas con alto potencial de mercado e se encarga do seu acompañamento ata a consolidación empresarial. 

A Xunta impulsa a creación de startups derivadas de resultados de investigación a través do programa Ignicia

SERVIZOS PÚBLICOS E TERITORIO

O obxectivo final do Plan galego de investigación e innovación é mellorar a vida da cidadanía. Con este fin, a Xunta busca estender a ciencia á toda a sociedade e, polo tanto, a todo o territorio galego. Para iso crearanse os Plans locais de I+D+i. Esta medida ten como obxectivo que as entidades locais (concellos, deputacións, mancomunidades...) poidan identificar desafíos pegados aos territorios nos que se sitúan e aos servizos que prestan e articular solucións adaptadas a eles. 

Tamén cómpre salientar a Compra Pública de Innovación, unha ferramenta que busca crear solucións innovadoras para mellorar os servizos á sociedade. De feito, Galicia é líder estatal na obtención de financiamento europeo a través deste mecanismo. No ano 2024 captou o 40% dos fondos de todo o Estado con 8 proxectos que se porán en marcha en diferentes áreas como a sanidade, o medio ambiente ou a educación. O obxectivo do plan é ampliar os eidos nos que afondar para seguir ampliando os proxectos beneficiarios desta convocatoria. 

O conselleiro Román Rodríguez na presentación da Estratexia de consolidación en biotecnoloxía de Galicia
O conselleiro Román Rodríguez na presentación da Estratexia de consolidación en biotecnoloxía de Galicia | Fonte: Xunta
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta