Galicia despois do coronavirus: o cambio climático traerá cada vez máis episodios de choivas torrenciais e secas

Un estudo advirte de que o territorio galego podería sufrir entre 2021 e 2050 unha importante diminución da precipitación total no verán e primavera, e veríase afectado por un aumento de días con precipitacións intensas máis acusado no outono e inverno, cun incremento das alertas por inundacións. A parte central da península sería a menos afectada polo descenso de choivas, que sería máis acusado nas zonas sur e mediterránea.

Por Alberto Quian | Madrid | 28/04/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando superemos a pandemia da Covid-19 o mundo seguirá tendo o seu maior problema por resolver: a crise climática. O cambio climático segue sendo o maior reto ao que se enfronta a humanidade, pois as súas consecuencias globais xa empezan a ser catastróficas e irán en aumento: máis secas, desertización, ondas de calor mortais, incendios máis virulentos e daniños para a saúde, fenómenos climatolóxicos cada vez máis extremos, inundacións polo aumento do nivel do mar, tropicalización dos mares, alteración e destrución de ecosistemas, extinción de especies, millóns de desprazados climáticos, propagación de enfermidades, perda de terreos agrícolas, máis pobreza… Os efectos son case innumerables e ninguén escapa deles.

Encoro de Portomarín afectado pola seca.
Encoro de Portomarín afectado pola seca.

O escenario para Galicia non é nada alentador. Os modelos científicos apuntan a un futuro próximo con episodios de inundacións e secas cada vez máis recorrentes. Así o predí un estudo de investigadoras do Laboratorio de Física Ambiental (EphysLab) do Centro de Invetigación Mariña da Universidade de Vigo e do Departamento de Física do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro (Portugal).

Nieves Lorenzo e Inés Álvarez analizaron o comportamento da precipitación en España para o período 2021-2050 en dous dos escenarios propostos polo Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático da ONU (IPCC, nas súas siglas en inglés).

As súas predicións fixéronse en base ao escenario RCP4.5 –un escenario intermedio de emisión e concentración de gases de efecto invernadoiro onde se estabiliza o  forzamento radiativo a 4,5 W/m2 despois do ano 2100– e un escenario cun nivel moi alto de emisións, o RCP 8.5 –onde o forzamento radiativo supera os 8,5 W/m2 en 2100– (o forzamento radiativo, ou forzamento climático, é a magnitude utilizada para comparar as influencias de natureza térmica sobre o clima mundial; é a diferenza entre a insolación –luz solar– absorbida pola Terra e a enerxía irradiada de volta ao espazo; cuantifícase na tropopausa –zona de transición entre a  troposfera e a estratosfera– ou na parte superior da atmosfera en unidades de watts por metro cadrado da superficie da Terra; un forzamento positivo –enerxía entrante que excede a enerxía saínte– quenta o sistema, mentres que o forzamento negativo –enerxía saínte que excede a enerxía entrante– arrefríao).

O estudo predí que "se alternarán alertas de inundacións e secas de forma cada vez máis frecuente”

O estudo fíxose considerando os datos do proxecto EURO-CORDEX, que ofrece simulacións de modelos climáticos sobre Europa a unha escala de aproximadamente 11 quilómetros de resolución considerando os resultados das simulacións dos modelos globais do Proxecto de Intercomparación de Modelos de Clima Axustados Fase 5 ( CMIP5, nas súas siglas en inglés, Coupled Model Intercomparison Project Phase 5).

“En concreto, elixíronse cinco modelos rexionais forzados por un modelo global e estudouse o comportamento do conxunto dos cinco modelos, a través dun modelo regresión lineal que en lugar de facer unha simple media dos resultados dos modelos o que fai é dar un peso a cada modelo segundo o ben que reproduza a realidade, dando maior peso na media aos resultados daquel modelo que mellor reflicte a realidade actual”, explica Nieves Lorenzo a GC .

Para a análise da precipitación, as investigadoras consideraron cinco índices de precipitación, “que nos van a permitir coñecer a variabilidade e intensidade da precipitación”. Estes índices son: precipitación total, número de días nos que a precipitación supera os 10 milímetros (mm), días húmidos consecutivos, días secos consecutivos e o índice de precipitación máxima diaria para o período 2021-2050.

O SUR E AS ZONAS COSTEIRAS EN ESPAÑA, AS MÁIS AFECTADAS

Os resultados para o conxunto de España “mostran unha diminución significativa da precipitación total que se rexistrará anualmente e que afecta principalmente o sur e ás zonas costeiras”, achega Nieves Lorenzo. Esa redución será “máis intensa no escenario  RCP8.5, con diminucións próximas ao 20 % durante a primavera, que adoita ser unha das estacións máis chuviosas”, esclarece.

A experta explica que os cambios previstos para o índice R10mm (numero de días nun ano con choiva maior a 10 mm) seguen un patrón similar ao PRCPTOT (precipitación total ao ano), con diminucións anuais do 10 % (nótese que 1 milímetro de auga de choiva equivale a 1 litro de líquido por metro cadrado).

Con todo, no estudo estacional observaron un incremento deste índice durante o inverno na metade norte Peninsular.

“As proxeccións de períodos de días consecutivos húmidos diminúen nunha porcentaxe anual inferior ao 10 %, sendo máis acusada esta diminución nos meses de inverno e primavera. Isto corrobora a diminución de precipitación no seu conxunto, pois hai menos días seguidos con choiva”, detalla a investigadora do EphysLab.

Pola contra, apunta, “os períodos de días secos aumentan principalmente no verán e nas estacións de transicións de primavera e outono”, o cal “provoca máis períodos de seca que repercutirán negativamente no caudal dos ríos e acuíferos”.

En Galicia “espérase unha diminución da precipitación total no verán e primavera, cun aumento dos períodos secos, e un aumento de días con precipitación intensa máis acusado no outono e inverno”

En canto ao índice de precipitación máxima diaria, observaron un aumento do 15 % aproximadamente sobre todos nas áreas montañosas e na metade norte de España, sobre todo no inverno e outono.

“Estes resultados mostran que, aínda que en conxunto podamos ter unha menor cantidade de precipitación, os cambios na súa distribución temporal poden provocar que no futuro, tal e como estamos a empezar a ver xa nas noticias, teñamos maior número de episodios de choivas torrenciais xunto con períodos de seca que se repiten cada vez con máis frecuencia, o que nos levaría a estar a alternar alertas de inundacións e secas de forma cada vez máis frecuente”, precisa Lorenzo.

GALICIA

Para o caso de Galicia, aínda que apunta que “non é das zonas máis afectadas”, destaca que “se espera unha diminución da precipitación total no verán e primavera, sobre todo no escenario RCP8.5 cun aumento dos períodos secos”. Con todo, engade, “parece verse afectada por un aumento de días con precipitación intensa máis acusado no outono e inverno, o que provocaría un aumento das alertas por inundación”.

No conxunto de España, as investigadoras concretan que as zonas sur e mediterránea serán “as máis afectadas, sobre todo pola diminución da precipitación”, mentres que “as áreas montañosas se ven máis afectadas polas choivas torrenciais, sobre todo no inverno e outono”.

As proxeccións de precipitación anual deste estudo mostran unha diminución xeral en case todo o territorio, agás, curiosamente, na zona central, “onde se detectan lixeiros cambios positivos pero que non chegan a ser significativos, polo que entrarían na variabilidade natural”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta