A chegada de peixes tropicais a Galicia ameaza a fauna das rías cunha invasión de parasitos exóticos

Científicos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) atopan nematodos nunca antes identificados nestas latitudes, tras analizar exemplares de dúas especies exóticas capturados en augas galegas.

Por Alberto Quian | Madrid | 12/06/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A ciencia vén documentando o proceso de tropicalización das augas de Galicia nas últimas décadas, con cada vez máis informes de especies tropicais e subtropicais nunca antes vistas nestas latitudes. Un fenómeno que conleva un impacto que pode carrear consecuencias catastróficas para os ecosistemas mariños galegos.

Peixe Globo
Peixe Globo | Fonte: Theo Modder en Wikipedia.

Ante esta alarma, científicos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (Consejo Superior de Investigaciones Científicas, CSIC) presentan os resutados dun estudo que constata que o impacto de individuos de especies exóticas —algunhas delas, invasoras— atopados en augas de Galicia pode ser maior do que se pensa, non só polo seu comportamento, tamén polo que transportan: novos parasitos.

A identificación molecular dos parasitos é clave para entender as ameazas ás que se enfronta a fauna nativa ante a chegada de organismos estraños e, en última instancia, o ser humano, ao que poderían afectar eses novos parasitos.

Por isto, os científicos centráronse na busca e identificación de parasitos no tracto dixestivo de dous espécimes capturados por primeira vez en augas galegas:primeiro rexistro en Galicia de peixe globo (Ephippion guttifer) e de riscado (Parapristipoma octolineatum), especies típicas de augas africanas e máis cálidas, nunca antes vistas na nosa costa.

No caso do peixe globo, trátase dun espécime macho de 570 mm capturado o 10 de xaneiro de 2017 na desembocadura da ría de Vigo. O segundo individuo analizadfo foi unha femia de riscado de 293 mm capturada por un pescador en Punta Faxilda, na desembocadura da ría de Pontevedra, o 21 de xullo de 2018. Ambos os exemplares foron despositados no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela.

O exame de E. guttifer mostrou unha alta intensidade de nematodos, de tres xéneros diferentes: Cucullanus, Hysterothylacium e Anisakis, con patoxenicidade demostrada para os humanos; é dicir, son fontes de enfermidades. Mentres que as análises no riscado mostraron un nivel moi baixo de parasitos e só se observaron dúas larvas de Hysterothylacium, xeneticamente identificadas como Hysterothylacium deardorffoverstreetorum, descrita por primeira vez en peixes en augas de Brasil, sendo este o primeiro informe no Atlántico leste.

Sobre os parasitos atopados no peixe globo, a identificación molecular permitiu a identificación da especie Anisakis pegreffii, xa descrita en augas europeas, principalmente no Mediterráneo, mentres que o Anisakis simplex é o máis común no Atlántico norte. Como se trata dun parasito xa descrito na área, os investigadores non descartan que se transmitise de especies nativas ao exemplar de peixe globo analizado.

O máis preocupante deste estudo foi o achado en Galicia das primeiras mostras informadas en augas europeas de Cucullanus dodsworthi, Hysterothylacium reliquens e unha nova especie de Hysterothylacium.

IMPACTO NA FAUNA NATIVA E NA PRODUCIÓN MARIÑA

Estes achados son importantes para analizar os posibles impactos que terán as especies tropicais e subtropicais que se están desprazando cara ao norte, até augas galegas, transportando parasitos inéditos nestas latitudes. Segundo os científicos, “o posible impacto ecolóxico da presenza de dous peixes individuais non nativos nunha nova área podería ser notablemente máis alto se vemos este problema a través da perspectiva parasitolóxica, na medida en que só dous peixes poden albergar máis de cen parasitos nematodos pertencentes a diferentes especies, a maioría delas tamén novas especies para esa área”.

Os investigadores subliñan que “a distribución e diversidade de especies de parasitos poderían verse afectadas directamente polo cambio climático, modificando as taxas de transmisión e a virulencia, pero tamén a través de cambios na distribución e abundancia dos seus portadores”. Nesta liña, alertan de que eses cambios poderían ser maiores do que se pensa se se considera que “a introdución dun só peixe nun novo ecosistema pode implicar a introdución dun número e unha diversidade de especies moito máis altos (máis de cen individuos e catro especies diferentes en E. guttifer) cando se considera a fauna parasitaria” que transportan eses peixes exóticos.

“Dado que se descubriu que estas especies son parasitos máis ben xeneralistas, que afectan a unha variedade de diferentes especies de peixes, non podemos descartar que poidan atopar portadores adecuados entre as especies de peixes locais, converténdose en parasitos invasores”, advirten os autores deste traballo.

O problema, polo tanto, pode estar sendo subestimado polas administracións, xa que a comunidade científica xa constatou que a introdución de especies de parasitos en novos ecosistemas mariños pode afectar negativamente a fauna nativa, pero tamén pode poñer en grave perigo a produción mariña na área, causando importantes mortalidades e perdas económicas.

Este estudo, destacan os seus autores, é “o primeiro intento de investigar a fauna parasitaria introducida nas augas do Atlántico europeo por especies exóticas de peixes”. Un primeiro paso ante a necesidade de “prestar máis atención a como esta fauna parasitaria afecta tanto a especie portadora como o novo ecosistema no que se introduce”, engaden.

O traballo, titulado 'The hidden companion of non‐native fishes in north‐east Atlantic waters', publícase na revista científica Journal of Fish Diseases e está asinado por Helena Rodríguez, Rafael Bañón e Andrea Ramilo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta