Científicos asocian incendios forestais con aumentos da mortalidade nas cidades

Investigadores do Instituto de Salud Carlos III e do CIEMAT presentan o primeiro estudo a nivel de toda España sobre o impacto da combustión de biomasa na mortalidade en cidades. Os científicos atoparon evidencias de que a advección de partículas en suspensión PM10 se asocia cunha maior taxa de falecementos nas rexións nas que os incendios forestais son máis frecuentes, como Galicia. Julio Díaz Jiménez, xefe de Área do Departamento de Epidemioloxía e Bioestatística da Escuela Nacional de Sanidad do Instituto de Salud Carlos III, explica a Galicia Confidencial os achados desta investigación.

Por Alberto Quian | Madrid | 04/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Científicos do Instituto de Salud Carlos III e do Centro de Investigaciones Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas (CIEMAT) veñen de facer público un estudo pioneiro en España sobre o impacto da combustión de biomasa na mortalidade humana. Os resultados suxiren unha relación entre os incendios forestais e un aumento de falecementos nas cidades posiblemente relacionados coa advección de partículas en suspensión pola combustión de biomasa. 

Lume en Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume en Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez

O traballo, titulado 'Impact on mortality of biomass combustion from wildfires in Spain: A regional analysis', vén de ser publicado na prestixiosa revista científica Science of The Total Environment. As conclusións principais dos investigadores son: primeiro, que as concentracións medias diarias de partículas en suspensión no aire (PM) son máis altas en días con adveccións de biomasa (cando se producen incendios); en segundo lugar, que as PM10 (partículas en suspensión de menos de 10 µm de diámetro, que son as que presentan unha maior capacidade de acceso ás vías respiratorias e, polo tanto, maior afección ás mesmas) se asocian cunha maior mortalidade diaria en días con adveccións de biomasa nas rexións nas que os incendios forestais son máis frecuentes; en terceiro lugar, que o aumento de partículas en suspensión está relacionado cun incremento significativo do risco relativo de mortalidade en España; e por último, o escenario do cambio climático, con incendios máis frecuentes, fai necesario seguir realizando análises deste tipo para aplicar medidas preventivas.

Co cambio climático haberá máis incendios, cada vez máis devastadores e máis frecuentes, ao longo de todo o ano.

A Unión Europea, a través do EU Science Hub —o servizo de ciencia e coñecemento da Comisión Europea—, emitiu precisamente un comunicado a mesma semana que se produciu a última onda de incendios en Galicia e Portugal, a mediados do pasado mes de outubro, no que alertou de maiores e máis frecuentes lumes no futuro e das graves consecuencias que terán para a saúde pública pola contaminación do aire.

O último informe anual dos incendios forestais do Centro Común de Investigación, máis coñecido como JRC (en inglés, Joint Research Centre), confirma unha tendencia cara a tempadas de incendios máis longas e intensas en Europa, con incendios forestais que se sucederán ao longo de todo o ano e non só en tempada cálida. O informe coincide cun estudo internacional que conclúe que as tendencias mundiais de incendios forestais poderían ter importantes implicacións para a saúde debido ao aumento das emisións nocivas.

Mozas protéxense do fume e as cinzas en Pazos de Borbén, Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Mozas protéxense do fume e as cinzas en Pazos de Borbén, Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Ademais do perigo inmediato para a vida e o sustento, o servizo de ciencia e coñecemento da Comisión Europea subliña que o fume destes incendios destrutivos tamén representa un risco substancial para a saúde humana. Neste contexto, un grupo internacional de investigadores do JRC, a Universidade de Lund en Suecia e o Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas dos Estados Unidos (NCAR) tentaron investigar ese risco. Os seus resultados foron publicados na revista científica Atmospheric Chemistry and Physics. Os científicos utilizaron modelos matemáticos para simular como é de probable que se produzan incendios forestais e como a liberación resultante de pequenas partículas na atmosfera pode afectar a calidade do aire.

"A medida que estas tempadas de incendios se alonguen, inevitablemente crecerán os problemas potenciais para a saúde", advirten científicos da UE

As directrices da Organización Mundial da Saúde (OMS) establecen que mesmo concentracións moi baixas de contaminación de partículas pequenas poden ser perigosas. Os valores de referencia establecidos para os países son unha concentración anual media inferior a 10 microgramos por metro cúbico e unha media diaria inferior a 25 microgramos por metro cúbico.

As simulacións feitas por estes científicos atoparon que, cando os países implementan medidas efectivas para reducir a contaminación do aire, as emisións dos incendios forestais poden non facer que os niveis medios anuais suban por enriba dos limiares recomendados polas directrices. Os científicos observaron este resultado para a maioría das rexións do mundo. Con todo, durante as tempadas de incendios, estas emisións poden causar unha forte contaminación do aire, con severos impactos na saúde. "A medida que estas tempadas de incendios se alonguen, inevitablemente crecerán os problemas potenciais para a saúde", advirten os científicos da UE.

Agora, o estudo realizado en España sobre o impacto da combustión de biomasa na mortalidade humana abre novas vías de investigación. O traballo foi coordinado por Julio Díaz Jiménez, xefe de Área do Departamento de Epidemioloxía e Bioestatística da Escuela Nacional de Sanidad do Instituto de Salud Carlos III, co que falou Galicia Confidencial.

O estudo feito en España atopou que Galicia é unha das zonas nas que a mortalidade nas cidades aumenta arredor dun 5 por cento nos días de incendios.

Por que se realizou este estudo e cales son as súas principais achegas metodolóxicas?

Este estudo é un das poucas investigacións que hai realizadas a nivel de todo un país, aínda que si as hai en cidades illadas de diferentes países. A principal achega é que, ao realizar un estudo a nivel nacional, coa mesma metodoloxía e coa mesma orixe de datos pódense eliminar posibles rumbos asociados a diferentes métodos de medida e de asignación dos días con e sen advección de PM por combustión de biomasa (DBA), diferentes condicións socioeconómicas e diferentes factores sanitarios que varían duns países a outros.

Considérano un estudo pioneiro pola súa amplitude?

Sabemos que en revistas científicas internacionais e de impacto se publicaron estudos nos que se analizou o impacto dos incendios forestais en diversas cidades; de feito, nós participamos nalgúns. Pero a nivel de todo un país, este é dos poucos que vin publicados.

Cales son os principais resultados conseguidos a nivel xeral e por rexións?

En primeiro lugar, hai que dicir que as noves rexións xeográficas delimitadas para analizar as adveccións de PM son as que marca o Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente: Norte, Noroeste, Nordés, Centro, Suroeste, Sueste, Levante, Canarias e Baleares.

Hai dous tipos de resultados, un a nivel das concentracións de PM10 e o outro en relación ao impacto sobre a mortalidade. A nivel de PM10 é que en cinco das sete rexións peninsulares nos DBA a concentración de PM10 é significativamente maior que nos días sen advección (NDBA). A nivel de toda España, en estudos realizados con anterioridade, observábase que de media por cada 10 micg/m3 que aumente a concentración de PM10 a mortalidade aumenta arredor do 0,9 por cento na media de toda España; porén, os días con DBA por cada 10 micg/m3 a mortalidade aumenta arredor do 5 por cento nas rexións onde hai asociación significativa. Estas rexións son noroeste, centro e suroeste de España.

Polo tanto, parece que, en xeral, hai máis partículas PM10 e maior incidencia destas na saúde humana en días nos que se producen incendios que coa contaminación antrópica ou cando hai intrusión do po do Sáhara. Pero de momento só se pode falar de estatística.

Pero chama a atención que a porcentaxe se quintuplica...

Certo, pero non se pode dicir que a nivel global sexa cinco veces maior. Hai que subliñar que non en todas as rexións se dá esa asociación. Nós o que comprobamos é que hai comportamentos diferentes. Así, hai rexións nas que hai un comportamento igual cando hai advección e cando non a hai. Pero nas que si sae esa asociación e se produce un efecto na saúde humana, é máis importante nos días de advección de PM por combustión de biomasa.

"En Galicia, nos meses de verán, cando hai máis incendios, a mortalidade non é estatísticamente significativa, pero si o é se consideramos todo o conxunto do ano".

Que datos se poden destacar para Galicia en comparación con outras zonas de España? Existe algunha singularidade destacable para esta zona?

En Galicia, no período 2004-2009 producíronse 186 DBA, o triplo que na seguinte rexión española que é a suroeste con 60, dos cales 120 se produciron no verán (xuño-setembro) e 66 no resto do ano. Con todo, aínda que se produce un maior número de incendios en Galicia, é en Andalucía (suroeste-sueste) onde se produce a maior superficie queimada, segundo datos do MAPAMA en 2012 . É dicir, que en Galicia hai maior número de incendios, pero estes afectan a menos extensión. Isto tradúcese en que en Galicia, nos meses de verán, que é cando máis incendios se producen, ao ser menos extensos, non afectan de forma estatisticamente significativa a mortalidade, pero si o fan se consideramos todo o conxunto do ano.

É dicir, en global, se tomamos os datos de todo un ano, a mortalidade aumenta arredor dun cinco por cento en Galicia nos días de incendios, pero se só tomamos o verán, non se ve tan clara esa asociación, o cal non quere dicir que non a haxa, senón que non é estatísticamente significativa. Hai estudos que indican que cando a superficie queimada supera as catro hectáreas si se pode relacionar con incrementos da mortalidade. E o que sucede en Galicia é que hai moitos incendios, pero moitos son pequenos, e polo tanto non teñen tanto impacto na saúde, mentres que na zona suroeste de España si observamos un impacto estatísticamente significativo tanto en inverno como en verán, porque os incendios aí son menos pero máis grandes. Con todo, faltan moitas cousas por facer en investigación.

Por exemplo?

Por exemplo, no noso estudo non analizamos se esas mortes se producen por causas específicas, é dicir, se aumentan máis por causas cardiovasculares ou respiratorias, etc. Tampouco vimos cales son os grupos de poboación especialmente vulnerables ou de risco... Este é un dos poucos estudos feitos en España sobre este problema, pero queda aínda moito por facer.

"Os incendios forestais poden ter impacto sobre a mortalidade nas grandes cidades, aínda que o foco estea a moitos quilómetros. En moitas ocasións nin sequera se ve ou cheira o fume e non somos conscientes de que si nos afectan esas partículas".

Que conclusións se poden extraer con eses datos para España e para o caso de Galicia?

A primeira conclusión que hai que extraer é que os incendios forestais poden ter impacto sobre a mortalidade nas grandes cidades, aínda que o foco do incendio estea afastado da cidade, e que este impacto, asociado ao incremento das PM10, pode relacionarse cun incremento da mortalidade diaria. Nos días de incendios o efecto das PM10 é superior en relación aos días nos que non hai advección de partículas procedentes dos lumes (pasa do 0,9 ao 5 por cento). Este efecto das PM10 tamén é superior ao que se produce en relación á entrada de po do Sáhara, que é ao redor do 1,5 por cento de media para toda España para incrementos de 10 micg/m3 na concentración de partículas.

Este estudo abre un camiño para aplicar medidas preventivas?

Si, por suposto. Cando se produce un incendio, cos modelos de predición que existen podemos saber cal vai ser a rexión afectada, e vendo a magnitude do incendio pódese alertar á poboación e, sobre todo, aos grupos de risco. Hai que ter moi en conta que en moitas ocasións, a xente das cidades nin sequera ve ou cheira o fume dun grande incendio que se produciu a moitos quilómetros de distancia e non é consciente de que si lle están a afectar as partículas producidas por ese lume, ao mellor a 100 ou 200 quilómetros de distancia. Non hai que esperar a que ti "cheires" ese incendio, hai que tomar medidas antes de que poidan chegar esas partículas.

Que recomendacións fan para abordar esta problemática e para previr nefastas consecuencias na saúde humana?

O que propoñemos é que haxa un plan de prevención autonómico ou estatal. Ao ser un fenómeno relativamente frecuente e con importantes implicacións na saúde, a primeira medida é avisar ás autoridades da chegada desta achega de partículas provenientes de incendios forestais e que estas alerten á poboación para que minimicen no posible a exposición da xente e, en especial, aos grupos máis vulnerables como son os anciáns, os nenos e aquelas persoas que posúan patoloxías cardiovasculares e respiratorias previas.

En relación á onda de incendios en Galicia, Asturias e Portugal do pasado mes de outubro, documentouse que a conxunción daqueles lumes co impacto do furacan Ophelia en Europa e unha nube de po sahariano levou a cubrir zonas máis setentrionais de Europa, en concretro, noroeste de Francia e parte de Reino Unido e Irlanda, tinguindo dunha cor amarelada ou alaranxada os ceos de amplas zonas destes países. Como se pode valorar un fenómeno como este?

En xeral, os incendios forestais en España adoitan coincidir con días con advección de po do Sahara e é normal que estas adveccións tamén afecten a Galicia (119 días no período 2004-2009) e a outras rexións de Europa. Cando se trata dun fenómeno excepcional como foi Ophelia, e ao coincidir advección de po do Sahara con grandes incendios, este impacto é moito máis aprezable a primeira vista e pode afectar a rexións de Europa nas que en condicións normais non se verían afectadas, e menos con esta intensidade de PM.

"Temos que concienciarnos de que os incendios van aumentar en intensidade e frecuencia, e de que se van producir durante todo o ano".

Que escenario plantexa o cambio climático?

O cambio climático está a intensificar as condicións de altas temperaturas e seca que están presentes en moitos dos incendios forestais, polo que desgraciadamente vai ser un fenómeno frecuente en España. Temos que concienciarnos de que os incendios van aumentar en intensidade e frecuencia, e de que se van producir durante todo o ano. E temos xa a constancia de que causan impacto na saúde. Por tanto, as medidas deben ser destinadas tanto a evitar a produción e propagación de incendios como á implementación de plans de prevención para minimizar o posible impacto en saúde da poboación, mesmo en lugares afastados do foco do incendio. Ten en conta, ademais, que nós estamos medindo un indicador, que é a mortalidade, pero hai outros indicadores de saúde, como por exemplo os ingresos hospitalarios por causas específicas, as visitas de atención primaria... 

E o custo económico que todo isto supón...

O custo económico pode ser brutal. Por exemplo, nós en Madrid observamos unha relación entre as PM, na súa maioría causadas pola contaminación do tráfico, con partos prematuros e baixo peso ao nacer. Ese cativo ao mellor arrastrará unha serie de problemas de saúde toda a súa vida e, polo tanto, o custo económico dispárase. Cuantificar isto, o custo económico, é moi importante, pero para facelo primeiro hai que determinar o impacto desas partículas na saúde humana: cantas persoas ingresan, que tipo de persoas, por que causas...

Sería aconsellable facer un estudo exclusivo para Galicia?

Si. O que fixemos nós é un primeiro estudo, pero ao mellor sería bo por exemplo para Galicia facer un estudo cun maior número de cidades e facelo máis a nivel local. Se fas unha investigación coas catro capitais de provincia máis outros dez dos núcleos urbanos máis grandes, talvez atopes unha certa evidencia epidemiolóxica de que eses incendios teñen un impacto. Nós, repito, o que comprobamos é que cando os lumes se producen ao longo do ano, observamos un impacto, pero se só analizas os datos restrinxidos ao período do verán, o impacto non é estatísticamente tan significativo. Por que? Pois ao mellor porque hai outros factores en verán que están enmascarando ese efecto, como pode ser a temperatura ou outras variables que están levando parte do impacto na mortalidade... Ao mellor lle estamos asignando boa parte da mortalidade en verán á temperatura cando en realidade pode ser parte pola temperatura, parte polos incendios...

Julio Díaz Jiménez, xefe de Área do Departamento de Epidemioloxía e Bioestatistica da Escuela Nacional de Sanidad do Instituto de Salud Carlos III
Julio Díaz Jiménez, xefe de Área do Departamento de Epidemioloxía e Bioestatistica da Escuela Nacional de Sanidad do Instituto de Salud Carlos III | Fonte: Instituto de Salud Carlos III.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

É interesante que se resalte o influxo que teñen os incendios, a contaminación, etc sobre a saúde das persoas, e non só polo aspecto humanitario primordial, senon tamén polo económico...Cando nos falan da "necesidade económica" de manter tal ou cal actividade "productiva", habería que facer unha análise dos seus custes reais (a nivel ecolóxico, a nivel sanitario)...Veríase que as contas REAIS de custes e beneficios simplemente non cadran...

1 Efixio

É certo. Hai moita xente "queimada" no país. Nas pequeninhas e provincianas urbes (véxase Corunha ou Vigo) ou nos povos.