Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 08/06/2022 | Actualizada ás 22:16
A hostalaría leva meses levantando a voz ante a falta de persoal para cubrir prazas de cara ao verán. Hai uns meses o empresariado hostaleiro falaba de ir á folga ante a suba de prezos en insumos como carnes, peixe, luz, auga, etc., que podería levar ao peche a numerosos negocios. Para os sindicatos estamos diante dunha contradición, posible creba do sector e ao mesmo tempo reclama man de obra. Tanto empresarios como sindicatos apuntan que logo dos ERTE e ante a escasa ou baixa cotización de moitos e moitas empregadas de hostalaría, pasado peor da COVID decidiron traballar noutros sectores cuxos emolumentos superaban amplamente os recibidos no seu antigo posto.
HAI UNHA “GRAN DIMISIÓN”?
A “gran dimisión” é o fenómeno de renuncia aos postos de traballo pre-pandemia e que xa non dan satisfeito as necesidades do persoal. É o que ocorre en Galicia coa hostalaría? “Faltan traballadores, si, pero isto hai anos que ocorre, despois da pandemia moitos optaron por entrar en sectores onde se sentían máis cómodos” di Thor Rodríguez, presidente de Hostalaría de Compostela. “Tamén debemos ter en conta a dificultade de conciliar, pois traballamos fins de semana e festivos”.
“É o que din as patronais, mais eu non teño esa sensación dun gran abandono de postos, houbo unha serie de melloras salariais, en horarios e conciliación” di Suso Mosquera de UGT. “Si existen diferencias entre empresas pois nalgunhas hai condicións de explotación laboral, con contratacións de persoal estranxeiro que realiza traballos máis penosos e horas extra que non se rexistran”.
“O presidente dos EE.UU cando lle preguntaron sobre a “gran dimisión” e por unha solución dixo: 'páguenlles máis' e nós dicimos 'pagade máis e deixádenos vivir'” di José Mirás de CCOO en referencia ao exceso de horas extraordinarias e a case ausencia de conciliación. “Hai como unha cultura de non deixar vivir e iso trae a sensación de que é un sector moi duro, non é así, vólveno duro algúns empresarios”.
“Seguimos con contratacións en precario, facendo máis horas das fixadas no contrato, sobre todo dentro dos que son cafetarías e hostalaría en xeral” di Transi Fernández da CIG. Para Fernández a non renovación do convenio provincial da Coruña, o máis grande do sector en Galica. é un exemplo de que non se queren cambiar as cousas por parte do empresariado. “Prefiren ter un axudante de camareiro cobrando 1.000€ facendo o traballo de camareiro e cociñeiro”.
O ERTE DESTAPOU CASE TODO
“Recoñezo que hai ofertas de traballo que se aproveitan das persoas e fan dano á hostalaría, sei de persoas que non acudiron a ofertas de emprego porque cando viron o salario pensaban que non era certo” explica Rodríguez. “Nestes momentos hai salarios por riba do SMI, contratacións que pasan a ser fixos e agora estamos a negociar o convenio da Coruña porque o sector merece ter unha imaxe decente”.
“Os ERTE durante a pandemia destaparon a realidade. O SEPE págache segundo a túa nómina, pois moito persoal da hostalaría descubriu que a súa nómina real era de 500€ cando cobraba 1.000€” sinala Transi Fernández. Isto un 50% do salario en “B” que non se rexistraba e non computaba para as axudas. Este foi o punto de inflexión onde moitos e moitas dixeron “xa!” e cambiaron de emprego. Fernández sinala ademais a posición dalgúns empresarios coa frase “non queren traballar”. “O que están facendo é desprofesionalizar o sector contratando a xente sen formación e que só lles faga horas”.
“Os emprearios só contratan o persoal imprescindible baixo a premisa “logo xa verei””, di José Miras quen engade tamén que “a fluctuación de persoal é moi alta” ante a precariedade e dificultade de conciliar. “As quendas de fin de semana deberan repartirse de maneira equitativa entre os traballadores e traballadoras, tamén é necesario baixar o ritmo de traballo porque un cociñeiro ou un camareiro están ao 100% durante todo o día”. Aplicar unha reducción da xornada completa por día.
“Estamos diante dun nicho laboral que até o de agora abosrbe xente que non está preparada para entrar noutras profesións” di Suso Mosquera. “Isto permitía abusos na contratación aínda máis se a persoa empregada descoñecía os seus dereitos”. Mosquera reafirma as súas palabras engadindo que “é necesario un cambio na cultura profesional pois aquí temos xente moi cualificada que ao final emigra”, ante as condicións e os salarios ofertados.
“Estamos negociando o convenio da hostalaría da Coruña e queremos introducir unha cláusula que obrigue ás empresas a formar o seu persoal e quen non cumpra paguen un complemento” di Juan Zas de CCOO. Actualmente a reforma laboral fará que as empresas introduzan unha serie de cambios obrigatoriamente. “As empresas son reacias e máis dun vai quedar cos ollos abertos ante as denuncias da inspección de traballo e cando paguen sancións, todo isto veu para quedar e non volveremos á situación anterior”.
Se hai unha “dimisión” no sector da hostalaría ten as súas raíces tanto nas condicións salariais como laborais. As primeiras por non estaren cotizando todas as horas que traballaban e logo porque non se ten en conta moitas veces a conciliación. Ademais, son necesarios cambios importantes na cultura empresarial e laboral para aceptaren cambios que eliminen xornadas abusivas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.