Falan as camareiras: "O que esiximos son traballos dignos e menos escravitude"

A falta de persoal na hostalaría volve poñer no foco a precariedade laboral do sector, que lle impide atraer e reter o talento: "A ausencia de oportunidades e as condicións laborais impulsáronme a marchar", recoñece unha traballadora do sector dende Alemaña.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2022 | Actualizada ás 21:53

Comparte esta noticia

Mónica (nome ficticio) mergullouse no mundo da hostalaría hai doce anos. É veterana no sector e coñece ben como funciona. Por iso mesmo, aos seus corenta anos, ten claro que o seu futuro profesional non está aquí: "Non é que este traballo non me guste, o que non me gustan son as horas maratorianas que unha bota nel, non poder conciliar, non cotizar toda a xornada nin cobrar as horas extra, ou ter que lidar con xente que che esixe moito máis do que ti podes dar". 

Arquivo - Unha camareira apunta pratos nunha lousa no interior dun bar. David Zorrakino - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Unha camareira apunta pratos nunha lousa no interior dun bar. David Zorrakino - Europa Press - Arquivo

Ela, coma moitas outras profesionais do sector, procuran facer camiño noutros ámbitos profesionais que lles ofrezan aquilo que precisan para "levar unha vida normal": estabilidade, bos salarios e posibilidades de conciliación. Nun contexto no que as empresas do sector do turismo e da hostalaría reiteran as súas queixas pola falta de persoal de cara á tempada de verán, todas as olladas van pousar sobre a precariedade laboral que arrastra o sector e que impide atraer e reter o talento, moito del fuxido cara a outros sectores ou outras zonas - Illas Baleares, Tenerife, Francia, Alemaña... - na busca de mellores condicións. 

"Moitos camareiros non dan a cara porque nos poñen facilmente a etiqueta de conflitivos, pero o único que esiximos é dignidade e menos escravitude"

E é que, segundo Mónica, que leva anos traballando como extra en hoteis e eventos tras facer "xornadas interminables" en bares nos seus comezos, o sector da hostalaría "xoga moito coa vulnerabilidade e as necesidades das persoas", sobre todo, desa mocidade que precisa ter traballo e gañar diñeiro, ben para seguir estudando ou para furar nun mercado laboral nada fácil. "Moitos camareiros non dan a cara porque nos poñen facilmente a etiqueta de conflitivos, pero o único que esiximos é dignidade e menos escravitude", defende Mónica, que demanda maior control e inspección laborais sobre os locais.

A INESTABILIDADE DE TRABALLAR COMO EXTRA

Mónica perdeu a conta de en cantos establecementos de hostalaría traballou durante estes doce anos, mais o que si sabe con claridade son todas aquelas veces que os seus superiores incumpriron o convenio laboral. "Sempre traballei máis horas do establecido no contrato e por unha categoría inferior á que me corresponde, como axudante de camareira mentres fago funcións de encargada ou estando soa no servizo", relata Mónica, que chegou a dobrar quendas que lle pagaron con tan só dez euros a maiores. 

Non esquece, en concreto, aquel ano en que as longas xornadas de traballo lle impedían ver o seu fillo. "Nin sequera podía deitalo; levábao ao cole, recollíao e non volvía velo. Para min foi o peor ano da miña vida porque non puiden disfrutar del nin facer de nai", explica. Desde aquel entón, Mónica decidiu non volver traballar en bares e restaurantes cun contrato fixo, mais iso relégaa á "inestabilidade" propia de traballar como extra, isto é, pendente dunha chamada para firmar contratos por horas ou por días para cubrir vacacións, baixas ou reforzar o cadro de persoal en épocas de maior carga de traballo.

Ademais de eventos, Mónica traballa habitualmente nun hotel durante as fins de semana e noutro cando requiren dos seus servizos. "Non todas as casas te dan de alta. Agora mesmo, a metade das horas non as cotizo, cóbroas en negro", explica Mónica. O soldo por hora, dependendo da modalidade de extra, oscila entre os 6,5 ou 7 euros ata os 10 e os 12 euros, "bastante menos" do que se cobraba no 2010. "As condicións laborais no sector foron a peor, os compañeiros do meu arredor fan 12, 13 e ata 16 horas seguidas, sen comer e tan só bebendo auga. Non levamos roupa nin calzado adecuados porque non nola dan, e non nos permiten mobilizar as bebidas adecuadamente. Temos tendinitis nos pulsos cada dous por tres", denuncia. 

12 HORAS DIARIAS POR 545 EUROS AO MES

"Fixen doce horas diarias e cobraba uns 545 euros ao mes"

A experiencia laboral de Nerea, que entrou no sector hai tan só uns meses para "sacar algo de diñeiro" mentres non atopa do seu - ela formouse en Educación Primaria -, é semellante á que relata Mónica. "Queren que traballes moitas horas por moi pouco diñeiro. No primeiro bar fixen practicamente doce horas diarias, pero estaba contratada por cinco, non se respectaban as quendas de descanso, só libraba os martes e cobraba uns 545 euros ao mes, na categoría de fregadora", sinala. Polo resto de horas traballadas fóra de contrato, o xefe do local dáballe "algunha vez, e en negro", uns 30 ou 50 euros. 

Durante esas longas xornadas laborais, Nerea tivo que facer "de todo": "limpar potas, poñer o lavavaixelas, ir ao supermercado e preparar algún plato, pelar patacas, atender o comedor e a terraza, limpar estanterías, forno, cortinas, barrer o patio... E ata irlle por tabaco ao xefe", enumera Nerea, que describe un ambiente laboral "moi pouco agradable", con berros por parte dos xerentes e onde mesmo sufriu algunha situación de acoso. "Querían que un traballador fixese o traballo de cinco, e se te equivocabas con algún pedido, repercutíancho o soldo", denuncia. 

Agora, Nerea vén de aterrar, de proba, noutro local onde as condicións son significativamente mellores. "Teñen un servizo de limpeza propio, hai máis persoal, máis descansos e polo momento están respectando os meus horarios laborais. Vexo que este non quere abarcalo todo: ofrece comidas, ceas, e pecha pola tarde", sinala. Con todo, para ela, isto é algo "temporal", e bate diariamente con traballadores con máis experiencia que din que "isto é de paso, non para quedar". 

"A FALTA DE OPORTUNIDADES LABORAIS IMPULSOUME A MARCHAR"

A precariedade laboral do sector está detrás do que os sindicatos denominan como a "gran escapada" de profesionais cara ao exterior ou cara a outros ámbitos laborais. S.P. estudou no Colexio Superior de Hostalaría de Galicia e desenvolveu as prácticas no 2019 dentro do departamento de recursos humanos dun hotel de Ibiza. Coa chegada da pandemia, o hotel pechou as súas portas e esta moza buscou outras alternativas: "primeiro centreime en Santiago e logo noutras zonas de España, pero recibía poucas respostas e as ofertas que atopaba non me resultaban atractivas, eran contratos temporais con moitas horas e salarios que deixaban bastante que desexar", explica. 

"Esta falta de oportunidades, e as condicións laborais, foi o que me impulsou a marchar", explica S., que sinala tamén que unha das cousas que máis lle chamaba do sector era a "facilidade de viaxar e coñecer diferentes destinos e departamentos". Hoxe, esta profesional da hostalaría atópase traballando en Alemaña no departamento de limpeza de habitacións dun hotel. "Non é un traballo idílico, pero non me importa empezar por aquí, isto dáme a oportunidade de independizarme e ter unhas condicións laborais que non ía atopar en España", remarca. 

"As condicións precarias e abusivas fan que valores a opción de marchar a outro país onde se respectan máis os dereitos dos traballadores"

S. recoñece que a maioría das compañeiras coas que estudou están empregadas fóra de Galicia, en zonas máis turísticas como Baleares, Canarias, ou noutros países europeos. "É unha realidade habitual", explica. "As condicións precarias e abusivas fan que valores a opción de marchar a outro país onde se respectan máis os dereitos dos traballadores. O problema non está en que a xente non teña ganas de traballar, senón que é normal que se canse de aguantar dificultades nun mundo laboral onde só se valora a experiencia", sentenza S. Ela non planea, por agora, volver a Galicia, pero ten claro o que a impulsaría: "Se atopase un traballo no que estivese cómoda e con boas condicións, si que me gustaría regresar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta