O encarecemento dos alugueiros agrava a exclusión: "Hai que multiplicar a vivenda social"

O incremento dos gastos, que dificulta o acceso á vivenda, actúa "como un aspirador de rendas que impide de facto o éxito nos procesos de inclusión social".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2022 | Actualizada ás 23:19

Comparte esta noticia

O prezo do alugueiro subiu, tan só nos últimos seis anos, máis dun 20% en Galicia. Segundo o rexistro público do Insituto Galego de Vivenda e Solo, o importe medio dos alugueiros no 2022 sitúase nos 458,2 euros ao mes, oito euros máis ca o ano pasado e máis dun 20% por riba dos 372,8 euros que se abonaban no 2016. Outro dato máis corrobora a suba da vivenda: se no 2014 só o 3% dos alugueiros superaban os 600 euros mensuais, na actualidade xa son o 12% deles. Un encarecemento que, unido ás dificultades económicas derivadas da pandemia para moitas persoas, complica o acceso de milleiros de familias en Galicia a unha vivenda "digna, axeitada e accesible".

Bloque de vivendas en alugueiro
Bloque de vivendas en alugueiro | Fonte: arquivo

"Hai que entender que isto é unha emerxencia brutal que afecta moitísimas persoas, por moito que se intente poñer o foco mediático no tema das ocupacións. A realidade é que o difícil acceso á vivenda é o maior problema, xunto coa burocracia, que trasladan todos os colectivos en risco, tamén a clase media e media baixa", explica Xosé Cuns, director da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia), unha entidade que vén desenvolvendo dende o 2021 unha campaña enfocada a visibilizar a "gravidade da situación" e reclamar un "aumento drástico" dos orzamentos dedicados ao acceso da vivenda por parte da Xunta de Galicia.

DIFICULTADES PARA ACCEDER A UNHA VIVENDA DIGNA

Xa antes da pandemia, destaca Cuns, Galicia era a autonomía que se atopaba en peor situación, cun 35% da súa poboación, case un millón de persoas, afectadas por algún indicador de exclusión en vivenda - infravivenda, deficiencias na construción, insalubridade, gastos desproporcionados fronte a ingresos... -, unha porcentaxe que se elevaba ao 66% na poboación en situación de pobreza severa. Estes datos, engrosados pola pandemia e a crise, desvelan que cada vez máis familias se ven obrigadas a priorizar, a "tomar decisións entre as necesidades básicas da vida. Ou compro froita, ou manteño a casa quente, ou pago o alugueiro", explica Cuns.

E é que os gastos derivados da vivenda tamén soben no marco dunha inflación que vén de dispararse ata o 9,6% neste mes de maio polo encarecemento das gasolinas ou dos alimentos. Segundo os datos manexados por EAPN-Galicia, extraídos do INE e do Ministerio de Facenda, a porcentaxe de persoas que non poden manter unha vivenda axeitada pasou do 6% ao 9,6%, e quen non pode permitirse unha comida de carne, polo ou peixe cada dous días xa son o 15% da poboación. Neste contexto, tamén aumenta o número de persoas que manteñen atrasos nos pagamentos de gastos de vivenda. No primeiro trimestre do 2022 executáronse 447 desafiuzamentos en Galicia, 15 por cada caso de ocupación.

Vivendas As Somozas
Vivendas As Somozas

Este incremento dos gastos, que dificulta o acceso á vivenda, actúa, destaca a EAPN-Galicia, "como un aspirador de rendas que impide de facto o éxito nos procesos de inclusión social". De feito, a Lei de Vivenda estatal, agora en tramitación, procura precisamente reducir as dificultades de acceso para os colectivos máis afectados, como a mocidade ou as persoas de rendas máis baixas.

Colectivos sociais piden traballar en tres direccións: regulación dos prezos por parte do Estado, incremento do parque de vivenda social e dinamización da gran cantidade de vivendas baleiras que se espallan ao longo do país. Medidas que, "máis alá de axudas inmediatas", poden paliar un "problema estrutural" derivado da falta de políticas de vivenda "valentes" nos últimos anos", explica a traballadora social Marisé Fernández.

MÁIS VIVENDA SOCIAL E REHABILITACIÓN DAS BALEIRAS

Marisé Fernández, autora do documental 'A vivenda, un ben social?' e investigadora ao redor dos servizos sociais para persoas maiores, asegura en conversa con Galicia Confidencial que "levar a cabo cambios lexislativos e normativos que verdadeiramente constitúan garantías". O primeiro problema do que, di, adoece o parque de vivenda existente é que presenta "moita vivenda baleira e en ruínas" que cómpre "dinamizar", por exemplo, coa posta en marcha de recursos residenciais "en minifundio" para as persoas maiores. Segundo o informe recén publicado pola Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN), as vivendas baleiras alcanzan as 340.500; isto é, o 21,25% do total

"Temos que ser capaces de reverter a opinión moi espallada de que a vivenda é un ben privado que non se pode tocar", sinala Fernández. E é que para ela, outra clave pasa pola "intervención urxente" do mercado da vivenda por parte do Goberno. Neste sentido, a traballadora social tamén sinala o "exceso" de vivendas destinadas a alugueiros turísticos nalgunhas zonas máis tensionadas, que "impiden o asentamento da poboación e a xeración dunha economía estable, de redes e de dinamismo". 

A outra gran misión, di Fernández, está na "necesidade de multiplicar o parque de vivenda social, un dos mecanismos máis fortes para a redistribución da riqueza". Segundo os últimos datos, do 2019, Galicia tan só dispón de 3.534 vivendas para alugueiros destas características, un 0,32% das vivendas principais; 3 veces menos que a media estatal (do 0,96%) e 30 veces meor que no conxunto da Unión Europea (9,3%). "No meu día a día bato con familias que levan 17 anos esperando por unha vivenda. É imposible satisfacer a demanda", comenta Fernández, que critica o que parque de vivenda "se vendese en lugar de mantelo en alugueiro e en boas condicións". 

MULTIPLICAR O ORZAMENTO POR PARTE DA XUNTA

De forma máis inmediata, dende a Rede Galega contra a Pobreza, Xosé Cuns esixe, "un aumento drástico do complemento de alugueiro vía Ingreso Mínimo Vital e Risga" para facer chegar as políticas de vivenda a aqueles colectivos que se atopan nunha maior situación de vulnerabilidade. "Ten que haber medidas específicas para persoas en situación de pobreza", sinala Cuns, que se ben saúda o investimento en medidas a nivel europeo e estatal, asegura "non ter a mesma impresión" coa Xunta de Galicia, ao "non impulsar políticas con fondos propios" encamiñadas á rehabilitación, accesibilidade, infravivenda ou chavolismo. 

Cuns, na liña do expresado por Fernández, apela a ir "máis alá de parches impediatos" para afrontar de raíz a emerxencia en materia de vivenda. Dende a EANP-Galicia están en interlocución coa Consellería de Facenda, Política Social, e coa de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de onde esixen os "maiores retos". "Cómpre multiplicar con fondos propios o que xa está aportando o Estado e a Comisión Europea. Se esta é unha política prioritaria para a xunda, debe reforzar o persoal e o orzamento do Instituto Galego de Vivenda e Solo", demanda Cuns.

Galicia Confidencial preguntou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en torno ao bono alugueiro para a mocidade - polo momento, paralizado -,  vivenda social e medidas para que a vivenda deixe de ser un dos principais factores de exclusión social, mais, polo momento, non obtivo resposta. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta