Por Galicia Confidencial | A Coruña | 29/07/2014 | Actualizada ás 14:00
Despois de 38 anos cun treito do río Eume totalmente curtocircuitado por unha presa propiedade de Endesa, a actual concesionaria ten o imperativo legal de desaugar o caudal ecolóxico fixado na regulamentación vixente, e actualizalo segundo as novas determinacións de caudais ecolóxicos que Augas de Galiza está a elaborar para as bacías de Galiza-Costa.
Por iso, Endesa Generación S.A. presentou o proxecto de “Modernización dos desaugadoiros de fondos da presa”. Un proxecto que para ADEGA, FEG, Ríos con Vida-AEMS e Verdegaia “prolonga a vulneración da lexislación en materia hidrolóxica” e amosa unha “deficiente caracterización” dos sedimentos depositados no muro do encoro.
Estes grupos ecoloxistas instan á Administración a condicionar a aprobación da declaración de impacto ambiental a que se garanta o cumprimento do caudal ecolóxico preciso para o normal desenvolvemento da vida no río Eume no treito entre o encoro da Capela e a central hidroeléctrica.
Tamén piden a completa caracterización cualitativa e cuantitativa dos sedimentos susceptíbeis de seren mobilizados para evitar o risco elevado de contaminacións no río Eume. Din que os sedimentos depositados no muro do encoro, logo de décadas de explotación da mina de lignito pardo de As Pontes, “non fican correctamente caracterizados na documentación achegada pola peticionaria”.
Así, lembran que, ao longo de toda a vida útil da mina, Endesa verteu no Eume non só as augas de escorrentía da explotación mineira e as augas procedentes da estación depuradora, senón tamén unha serie de reactivos e substancias perigosas. “Esta deficiente caracterización dos resíduos pode supoñer por un lado, que os resíduos mineiros extraídos do vaso do encoro sexan trasladados a un vertedoiro inadecuado; por outro, existe un risco elevado de mobilización, especialmente dos metais pesados, durante os labores de extracción dos sedimentos que poderían contaminar o río Eume”, denuncian.
Por iso, instan á Administración a considerar a posibilidade de que logo de “liberados” os desauges do fondo do encoro da masa de sedimentos que os atora, parte dos materiais presentes no vaso e non extraídos poderían remobilizarse polo efecto de arrastre causado polo fluxo de fondo. “Para evitar os riscos, a Administración debería esixir da peticionaria, con carácter previo a calquera autorización, unha completa caracterización cualitativa e cuantitativa dos sedimentos susceptíbeis de seren mobilizados unha vez estean operativas as válvulas de fondo”, conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.