Turismo efémero, padróns irreais e precariedade estrutural: por que non medra o rural galego?

"Queremos máis xente no rural... pero para que?", pregúntase o investigador da USC Valerià Paul Carril, que cuestiona o discurso dominante sobre o retorno ao rural e pon o foco na falta de oportunidades, de servizos e de políticas reais que sustenten ese desexo do que leva décadas falándose pero que non remata de materializarse.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 23/05/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Dende hai anos, e especialmente trala irrupción da pandemia da covid, medraron os discursos institucionais e mediáticos arredor do chamado 'retorno ao rural'. Fálase dun 'renacemento do territorio', dunha recuperación dos espazos abandonados, dunha nova oportunidade para a vida fóra das cidades. Mais a realidade, segundo explica o profesor e investigador Valerià Paul Carril, do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), é moito máis complexa. A súa análise desmonta moitos destes relatos triunfalistas e pon o foco en cuestións de fondo que as políticas públicas adoitan ignorar: a calidade dos servizos, a sustentabilidade real das dinámicas económicas, a emigración xuvenil, o impacto das políticas natalistas ou os perigos da turistificación. O que segue non é unha diagnose apocalíptica, senón unha reflexión pausada e fonda sobre os retos que enfronta o rural galego, e tamén sobre as oportunidades que existen nel, sempre que se actúe dende abaixo e con compromiso real co territorio.

Aldea no Concello de Santiso, na provincia da Coruña
Aldea no Concello de Santiso, na provincia da Coruña | Fonte: Wikipedia - Arquivo

RETORNO AO RURAL: MOITA RETÓRICA, POUCA REALIDADE

"Non é a primeira vez que se fala do renacemento do rural", advirte Paul Carril ao comezo da conversa con Galicia Confidencial. Este concepto vén sendo manexado xa dende os anos 80, e leva décadas sobrevoando os discursos públicos. O problema, segundo sinala, é que esa idea que se leva tanto tempo anticipando "semella que nunca remata de aterrar". A pandemia trouxo consigo unha certa idealización da vida no campo e reactivou o interese social e mediático por estes movementos, pero os datos non acompañan. "Non se produciu ese retorno masivo", amósase contundente o investigador da USC. "Non digo que non haxa xente que se movese ao rural e que se rexistrasen algúns empadroamentos novos, pero non chegan para compensar a tendencia xeral, que é de regresión absoluta", advirte.

Así as cousas, chama tamén a desconfiar dos datos do padrón como única fonte, pois a realidade é que a día de hoxe moitas persoas seguen estando empadroadas en concellos rurais sen vivir alí, e outras moitas residen no rural pero manteñen o empadroamento en cidades por razóns moi diversas, como pode ser o acceso a unha sanidade que consideran mellor. E isto, como di Paul Carril, "non é un problema menor, pois significa que hai xente que vive no rural que, cando ten un problema de saúde grave, considera que o tipo de servizos que lle ofrecen alí non os satisfacen, polo que prefiren tratarse nas cidades". Deste xeito, "o do padrón é un sistema que non reflicte ben o que está pasando", di Paul Carril. E é que o retorno existe, si, pero é cualitativo, non cuantitativo, e afecta a casos puntuais máis que a dinámicas estruturais, tal e como defende o investigador. Polo que, aínda que "pode haber algún concello rural de Galicia que está medrando demograficamente, non ten tanto que ver con ese proceso de 'renacemento' ou 'retorno ao rural', senón con outras circunstancias".

A PREGUNTA CLAVE: PARA QUE QUEREMOS MÁIS XENTE?

Aldea no Concello de Muras, na provincia de Lugo
Aldea no Concello de Muras, na provincia de Lugo | Fonte: Wikipedia - Arquivo

Paul Carril tamén lanza unha das preguntas máis necesarias --e incómodas-- do debate demográfico: "Queremos que vaia máis xente vivir ao rural, si, pero para que? Para traballar de que? Con que salarios? Con que postos de traballo? Con que condicións de vida?", plantéxase. O investigador insiste en que sen traballos dignos, sen servizos e sen infraestruturas, o discurso do repoboamento é baleiro. Poñendo como exemplo a súa propia vila, sinala o caso que se dá en Celanova, onde se contabilizan arredor de 500 persoas nadas en Venezuela, o cal é moito tendo en conta que o concello está habitado por 5.727 veciños. "Moitos teñen xa nacionalidade española, pero que traballos hai alí para eles? Que oportunidades poden ofrecerlle aos seus fillos?", pregúntase. E é que o chamado 'soño español' para moitos inmigrantes xa non é o que era. Chegan aquí en busca dunha vida mellor, pero, verdadeiramente podemos ofrecerlla? Realmente a atopan?

Esta idea conduce a outro fenómeno: o de Galicia como 'terra de paso'. Ao longo dos anos 2000, moita xente procedente de Arxentina ou doutras zonas de Latinoamérica pasou por concellos galegos, pero sen quedar neles. "Veñen, comproban que aquí tampouco hai oportunidades para eles, e marchan para outras cidades españolas como Madrid ou Barcelona ou, directamente, vanse fóra de España", explica o investigador, que resalta que isto é algo que "xa pasaba hai 15 ou 20 anos, e agora segue pasando". E incide no feito de que "a maioría destas persoas inmigrantes entran na nosa terra pola Galicia rural, pero o problema é que logo non somos quen de retelos nela, pois non se fai nada para que así sexa".

EMIGRACIÓN XUVENIL E AVELLENTAMENTO: DÚAS CARAS DO MESMO PROBLEMA

Lonxe do relato oficial, Galicia segue a perder unha parte moi valiosa da súa poboación: a xuventude formada. Miles de mozos e mozas emigran cada ano, a maioría deles con estudos universitarios, buscando saídas profesionais que aquí non atopan. "Isto é un drama, un drama brutal, porque, por unha banda, estamos perdendo futuros pais e nais, o cal non é un asunto menor, pero, pola outra, estamos incrementando por un efecto estrutural o avellentamento poboacional", resalta. "Eu véxoo cos meus propios estudantes. Moitos rematan traballando fóra, en empresas tecnolóxicas ou en sectores vinculados á información xeográfica, pero non en Galicia", conta Paul Carril, que sinala que "aquí, ou rematas traballando en función pública, ou atopas traballos precarios no sector privado, con malas condicións e salarios á baixa na súa maioría".

Esta emigración contribúe a outra das preocupacións recorrentes: o avellentamento. Pero para Paul Carril, non se debe ver este feito como unha traxedia. "Vivimos máis e vivimos mellor, o cal é un éxito colectivo", considera. "Tendemos a patoloxizar o feito de que teñamos moita xente maior, cando iso non é algo patolóxico, iso é unha nova marabillosa que demostra que hoxe por hoxe vivimos moito máis", sinala. O verdadeiro problema é que o sistema non está preparado para iso. "Hai servizos axeitados? Casas adaptadas? Mobilidade pensada para as persoas maiores? Responden os concellos ás súas necesidades? Hai os suficientes centros de día e sistemas de distribución de comida para as casas nas que habitan? Hai un bo coidado das persoas dependentes nos seus domicilios?", cuestiónase o investigador da USC. A resposta, como di, é clara: "Non".

NATALIDADE E MATERNIDADE: O ERRO DAS POLÍTICAS PRONATALISTAS

Outro dos puntos nos que incide con forza é a idea, moi extendida, de que as mulleres deberían ter máis fillos para que así se revertese a crise demográfica. Un proposta, di, "simplista e perigosa". Por unha banda, considera que está máis que demostrado polas experiencias de outros países como Francia que "cunha política decente para o rural, que aposte por dotalo de servizos, equipamentos e infraestruturas moi ben mantidas, pódense lograr moi bos resultados, pero este non é o caso de Galicia". Pola outra, como apunta, na nosa terra apóstase todo ás políticas pronatalistas, "coma se fose a mellor e máis rápida solución". Pero, segundo estudos realizados, moitas mulleres queren ter máis fillos, pero non poden telos. As súas traxectorias vitais e profesionais vense gravemente afectadas pola maternidade, o que as leva a retrasar esa decisión ata idades nas que xa é máis difícil e mesmo perigoso para a súa saúde telos.

"Temos que garantir que quen queira ter fillos poida facelo sen que iso supoña un lastre vital, e respectando tamén a aquelas mulleres que deciden non telos", asevera Paul Carril, que lamenta que "o problema non é que as mulleres non queiran ter fillos, é que, de quere telos, o sistema non llo permite". E denuncia tamén que as políticas públicas seguen a dirixirse a elas como se fosen as únicas responsables do futuro da natalidade, sen ter en contar a realidade na que viven. "Se seguimos facendo fincapé en cuestións estritamente natalistas, estamos nesgando absolutamente o foco do asunto, que non é este", denuncia o investigador.

O TURISMO COMO TRAMPA: DEPENDENCIA E DISTORSIÓN

Un dos puntos máis críticos da análise de Paul Carril é a turistificación do rural galego. Exemplos como os das comarcas de Sarria, A Ulloa ou Terra de Melide, onde os negocios enfocados ao turismo ou directamente os albergues para os peregrinos que fan o Camiño de Santiago se multiplicaron nos últimos anos, amosan o problema: "O turismo non pode ser o vector central do desenvolvemento rural, non pode substituír a actividade económica real nin garantir sustentabilidade a longo prazo". Ademais, cuestiona o impacto económico real do Camiño: "A Xunta leva anos sen facer públicos estudos actualizados, pero os últimos datos que temos amosan que os peregrinos gastan pouco, e o seu impacto económico é moito menor que o dun turista tradicional". Isto contrasta, di, coa obsesión institucional por vincular o futuro de Galicia ao Xacobeo e ao turismo do Camiño. "Lévase apostando polo mesmo modelo dende Fraga e o Xacobeo 93, e seguimos igual", denuncia.

DESENVOLVEMENTO DENDE ABAIXO: O VALOR DO COMUNITARIO

Fronte a este modelo, Paul Carril defende outra forma de actuar: o desenvolvemento comunitario, local e de base. Fala de proxectos que xorden espontaneamente en aldeas e parroquias, impulsados pola xente que vive alí, sen depender sequera --ou depender minimamente-- das administracións. Experiencias que nacen do compromiso co territorio e que conseguen funcionar á marxe dos fondos institucionais, que moitas veces só reparten "catro migallas". "Hai grupos de desenvolvemento rural que parten de experiencias moi de base das súas aldeas e respectivas parroquias, xente que quixo facer cousas e, a partir de aí, foi medrando, e non ao revés, non chegou un día o Concello ou a Xunta a ofrecer cartos para poñer en marcha un proxecto", resalta.

Tamén destaca o papel dos 'neorurais', persoas que chegan de fóra pero que se implican fortemente nas loitas locais, como a oposición ás plantacións forestais de especies como os eucaliptos, proxectos minerais ou plans eólicos. "Hai xente loitando contra proxectos como o de Altri, e son moitas veces estes neorurais quen lideran a resistencia en moitas comarcas como é o caso da Ulloa, mentres que outras quedan máis pasivas", afirma. "Estes 'neorurais' adoitan ser sabia fresca para a comunidade e acostuman a crear proxectos", asegura o investigador da USC.

CONTRA OS ESTEREOTIPOS: O RURAL TAMÉN TEN CULTURA E IMAXINARIO

Por último, o investigador da USC aborda o papel que xogan os imaxinarios culturais na percepción do rural. "Falar de España baleirada ou de Galicia profunda simplifica demasiado e non axuda en nada", considera, pois resalta que "o rural galego non está baleiro, no rural hai vida, hai xente que resiste, que crea e que constrúe". "Loxicamente a Galicia rural é unha Galicia con menor densidade demográfica, o cal tampouco é algo negativo", sinala. Reivindica, en cambio, un rural vivo, con identidade propia, que non sexa só escenario para turistas ou pano de fondo para campañas institucionais. Un rural pensado para quen o habitan, non para quen o visita.

Vista xeral da aldea da Pobra de Burón, a 16 de febreiro de 2022
Vista xeral da aldea da Pobra de Burón, a 16 de febreiro de 2022 | Fonte: Carlos Castro - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta