Máis de 200 actividades en Ourense, con concertos de Loquillo ou Taburete

Orquestras, parques infantís e feira medieval completan, entre outros, os festexos sen pregón pero con discurso de alcalde ou concelleiro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2022 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense programou máis de 200 actividades para as que, segundo o rexedor municipal, serán as últimas festas da cidade no mes de xuño, xa que a súa intención é celebralas no mes de maio a partir do 2023. "En Galicia agora mesmo estámonos contraprogramando con tantos eventos", expresou.

Así pois, o rexedor municipal presentou o programa de festas que estarán concentradas en cinco días, entre o 22 e o 26 deste mes, cun custo estimado que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, cifra en 350.000 euros totais.

As festas comezarán o día 22 co primeiro concerto na rúa Pardo de Cela. Ese mesmo día, será o de Morad, unha actuación de acceso gratuíto do mesmo xeito que a de Loquillo, para o día 25; e a de David Otero e Taburete para o día 24, aínda que neste caso cunha "zona fan" con capacidade para 3.000 persoas que pasarán por despacho de billetes.

Concretamente, terán que abonar un prezo de 5 euros porque, segundo sostivo Pérez Jacome, así "o esixiu o provedor", aínda que "é un prezo popular" e o resto, "entre unhas 7000 ou 8000 persoas estarán tan só a 50 metros máis".

Os tres concertos compleméntanse con catro orquestras, o xoves 23 o Combo Dominicano, o 24 a Orquestra Capitol, o sábado quenda para a Olympus e o domingo para Orquestra Fórmula. As horas para os primeiros pases serán entre as 20.00 e as 21.00, para "evitar que se contraprogramen os concertos" e para facilitar a asistencia.

PARA TODAS AS IDADES

Segundo o rexedor municipal cos concertos están atendidas tres franxas de idade, "desde os adolescentes ata os máis adultos". Aínda que para o público infantil tamén hai un apartado de actividades, delas o alcalde destacou a apertura dun parque de xogos de auga no Xardín do Posío, os días 23, 24 e 25, durante todo o día, "como xa se fixo durante as vacacións de Nadal coas tirolinas de maneira gratuíta".

O programa ao completo pódese consultar na propia páxina web do Concello e a través das redes sociais do mesmo, desde onde se poderá descargar en formato de PDF porque este ano non se imprimirá, só se difundirá en formato dixital. Nel pódense ver outras citas como a recuperación da feira medieval, que se instalará nas prazas do casco antigo, e tamén un encontro de videoxogos no Auditorio Municipal. O broche porao o día 26 a tirada de fogos artificiais a beiras do río Miño.

Pérez Jacome explicou que as festas non terán pregón, aínda que o primeiro día avanzou que el mesmo ou outro representante se subirá ao escenario para presentar os eventos máis destacados, que "seguro serán un espectáculo".

O Concello de Ourense organiza máis de 200 actividades para as 'últimas festas' da cidade no mes de xuño
O Concello de Ourense organiza máis de 200 actividades para as 'últimas festas' da cidade no mes de xuño | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta