A APDR organiza este domingo unha marcha contra a presenza de Ence na ría de Pontevedra

A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) convocará ás persoas participantes nas alamedas de Marín e Pontevedra para confluír diante da empresa.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 15/06/2022 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

A “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), celebrará unha nova marcha contra ENCE para a saída do seu actual emprazamento en Lourizán e a "recuperación da Ría, a calidade de vida, e aeconomía da comarca".

Miles de persoas marchan en Pontevedra e Marín para esixir que Ence abandone a. Jesús Fernández - Europa Press
Miles de persoas marchan en Pontevedra e Marín para esixir que Ence abandone a. Jesús Fernández - Europa Press

Baixo o lema xeral “ENCE É O PASADO... LOITEMOS POLA RECUPERACIÓN DO FUTURO!”, a mobilización convocada pola Asociación ecoloxista partirá o próximo domingo 19 de xuño ás doce da mañá desde as alamedas de Marín e Pontevedra, xuntándose as dúas columnas diante da fábrica para reivindicar a necesidade de recuperar a zona roubada ao mar a finais dos anos 50, baixo a ditadura franquista.

A APDR asegura que "a loita contra a presenza de ENCE na Ría de Pontevedra atravesa polo mellor momento de toda a historia e permite albiscar unha raiola dun futuro que non se debeu perder nunca e que cómpre recuperar".

A APDR proponse traballar no deseño "do futuro que desexamos para a Ría, recuperando o medio, a saúde e a calidade de vida, un futuro que pasa pola explotación racional das múltiples potencialidades da Ría e na diversificación dos usos dos montes da comarca", vítimas da espoliación de ENCE, o que permitirá a creación de numerosos postos de traballo nestas actividades, impedidas hoxe pola presenza da fábrica ilegal.

Para a Asociación esta nova MARCHA CONTRA CELULOSAS vai ser o punto de partida da celebración da "vitoria cidadán fronte a ENCE e quen, como a Xunta do PP, insisten en perpetuar un modelo industrial fracasado e o desastre ambiental e social que ten provocado, e que non dubidan en buscar subterfuxios para burlar a Lei na busca do beneficio propio e contra o dereito do conxunto da cidadanía a desfrutar do dominio público".

Desde a APDR chaman ao conxunto da cidadanía a participar nesta nova Marcha e, ao seu remate, no xantar que se vai celebrar na alameda de Pontevedra, "un xantar no que os prezos serán populares".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta