Aproba case o 93% de estudantes na parte obrigatoria da ABAU en Galicia

O prazo de preinscrición para o alumnado que superou as probas nesta convocatoria abrirase o martes, 21 de xuño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2022 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

Case o 93% do alumnado que a semana pasada participou na parte obrigatoria da Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade (ABAU) conseguiu superar as probas. En concreto, segundo os datos ofrecidos este xoves pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), aprobaron 9.902 alumnos dos 10.654 que participaron na fase xeral. Así, a porcentaxe de aptos foi do 92,94%, lixeiramente inferior ao 93,22% do ano pasado.

Con todo, é unha cifra que mellora notablemente o resultado da ABAU do 2020, a primeira en pandemia, que estivo marcada polo confinamento domiciliario durante a primavera. Ese ano, os aprobados non chegaron ao 88%. Do total de 12.667 estudantes matriculados aos exames de selectividade en Galicia --incluída os da parte obrigatoria e a específica--, acudiron 12.529, polo que a porcentaxe de participación se situou no 98,91%.

PRAZOS DE PREINSCRICIÓN E MATRÍCULA

En base á súa nota da ABAU, que coñeceron este mesmo xoves, o alumnado terá que solicitar a súa entrada nos graos universitarios en próximas datas. O prazo de preinscrición --paso previo á matrícula-- abriuse xa este mércores, 15 de xuño, para estudantes que superasen a Selectividade en anos anteriores ou fóra de Galicia. Os que a aprobaron nesta convocatoria, terán a partir do día 21, este martes, ata o 30.

Haberá varios prazos de matrícula. A primeira lista de admitidos sairá o 14 de xullo e os que entren poderán matricularse do 15 ao 18 de xullo; a segunda chamada será o 22, con inscrición do 23 ao 27 de xullo; e a terceira o 29, podendo formalizar a súa matrícula do 30 de xullo ao 2 de agosto.

NOTAS DE CORTE

Segundo a listaxe de notas de corte --constitúen simplemente unha referencia, pois son as cualificacións obtidas polo alumnado que entrou en último lugar en cada grao o curso pasado--, as máis altas téñenas os dobres graos en Matemáticas e Física (13,600) e en Enxeñaría Informática e Matemáticas (13,510), ambos pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tamén teñen notas de corte alta Medicina (12,925), o dobre grao en Educación Infantil e Primaria (12,708), Biotecnoloxía (12,682) e Matemáticas (12,664), todas elas na USC.

Na Universidade de Vigo, as máis altas son a dobre titulación en Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica (12,141) e o grao en Enxeñaría Aeroespacial (12,020). Na da Coruña, son os dobres graos en Español e Galego e Portugués (11,820) e ADE e Dereito (11,802).

Varios estudantes esperan para facer un exame nunha aula da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela / César Arxina - Europa Press. / Europa Press
Varios estudantes esperan para facer un exame nunha aula da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela / César Arxina - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta