Bota a andar a IXP "Pemento de Oimbra"

Esta mañá constituíuse o consello regulador que xestionará a IXP baixo a tutela da Consellería do Medio Rural e do Mar. Trátase da cuarta variedade de pemento galega que obtén a IXP despois do de Herbón, Arnoia e O Couto.

Por GCAgro | Oimbra (Ourense) | 01/08/2014 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, presidiu hoxe a reunión de constitución do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pemento da Oímbra. O acto tivo lugar esta mañá na casa do concello de Oímbra. 

A aprobación do regulamento da IXP Pemento de Oímbra foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 15 de maio. O regulamento inclúe as características do produto protexido –aspectos como forma, peso, pel, etc–, a zona de produción –a totalidade da comarca ourensá de Verín–, as técnicas de cultivo, recolección, almacenamento, envasado e comercialización, entre outros aspectos.

Así mesmo, o documento especifica tamén os controis de calidade e rastrexabilidade sobre o produto, sinalando que se basearán en inspeccións ou auditorías das plantacións, almacéns e industrias, revisión de documentación e un control do cumprimento dos parámetros físicos descritos no propio regulamento.

A Consellería do Medio Rural e do Mar será a encargada de exercer a tutela administrativa sobre o Consello Regulador, sendo este o encargado da xestión da denominación Pemento da Oímbra. O control e certificación dos pementos acollidos a esta IXP competerá ao Instituto Galego de Calidade Alimentaria (INGACAL).

Sesión do Consello Regulador da IXP Pemento de Oimbra
Sesión do Consello Regulador da IXP Pemento de Oimbra | Fonte: GC

Pemento de Oimbra
Pemento de Oimbra | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta