O PSOE, disposto a poñerse do lado da dereita española para rexeitar o uso do galego, catalán e éuscaro no Congreso

Todo indica que os socialistas votarán en contra da proposta de Unidas Podemos, ERC, Bildu, Compromís, Junts, PDeCAT, PNV, BNG, Más País e a CUP.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/06/2022 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

O PSOE está disposto a rexeitar este martes no Pleno do Congreso a toma en consideración da proposta de Unidas Podemos e os principais aliados parlamentarios do Goberno para permitir intervencións en linguas cooficiais na Cámara, coa correspondente tradución simultánea.

O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, intervén nunha sesión plenaria, no Congreso dos Deputados
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, intervén nunha sesión plenaria, no Congreso dos Deputados | Fonte: Alberto Ortega - Europa Press

Trátase dunha reforma do Regulamento do Congreso que chega coa firma de Unidas Podemos, ERC, Bildu, Compromís, Junts, PDeCAT, PNV, BNG, Más País e a CUP, e que se debaterá e votará este martes, na primeira sesión plenaria tras as eleccións andaluzas.

Dado que o PP, Vox e Ciudadanos son contrarios a xeneralizar o uso das linguas cooficiais no Congreso, o voto do PSOE será determinante para o futuro da iniciativa e, segundo indicaron fontes socialistas, a intención é votar en contra da súa tramitación.

O PSOE veu descartando o uso das linguas cooficiais no Congreso alegando que o castelán é o único idioma recoñecido en todo o Estado e a lingua común de todos os españois. Desde a época do socialista Manuel Marín, o que se permite no Pleno é pronunciar citas ou frases en linguas cooficiais, facilitando a correspondente tradución aos servizos de taquigrafía.

Os socialistas remiten o uso das linguas cooficiais ao Senado, por ser a Cámara de representación territorial. Na Cámara Alta o uso destas linguas está permitido para os debates de mocións no pleno e recentemente tramitouse, con apoio do PSOE, unha proposta de Junts para universalizar o seu uso en todos os debates e trámites.

A proposta de Podemos e os socios de investidura é que o Congreso continúe "a senda" iniciada polo Senado. A iniciativa busca modificar o Regulamento do Congreso para que, no seu artigo 6, se recoñeza o dereito a intervir en sesións parlamentarias en catalán, galego ou eúscaro, así como presentar os distintos escritos nas linguas cooficiais.

Ademais, propoñen unha nova disposición adicional para garantir os servizos de tradución simultánea ao castelán das iniciativas que cheguen ao rexistro xeral e das distintas comisións, coa condición de que se publiquen no Boletín do Congreso polo menos na lingua na que foron elaboradas e en castelán.

O mesmo demandan no caso das intervencións orais dos deputados, pautando a tradución simultánea tanto no Pleno como nas comisións da Cámara, ademais da publicación no Diario de Sesións no formato orixinal e en castelán.

E para dar tempo a preparar a aplicación desta reforma, planifican que a entrada en vigor se aprazaría ao seguinte período de sesións ao da aprobación da proposta.

Precisamente o uso das linguas cooficiais foi o que frustrou en 2005 o intento máis avanzado de actualizar o Regulamento do Congreso, que data de 1982 e cuxa revisión xeral chegaran a pactar PSOE e PP.

Á marxe das modificacións puntuais para adaptar a denominación das súas comisións parlamentarias aos Ministerios do Goberno, nesta lexislatura o Congreso só completou esta lexislatura unha reforma do seu regulamento, a destinada a permitir o voto telemático aos deputados que están de viaxe oficial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Rui do

Normal. Después de lo de Madrid, Castilla y León o Andalucía, los barones socialistas adivinan la debacle electoral que se avecina de juntarse a golpistas, separatistas y nacionalistas varios.