O trobador Martín Códax, homenaxeado no Día das Artes Galegas 2023

Esta será a primeira vez que o Día recaia nunha figura do mundo da música.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2022 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou o pasado sábado, 18 de xuño, a súa sesión ordinaria en Verín, onde decidiu homenaxear ao longo de 2023, e en especial no Día das Artes Galegas --que se conmemora o 1 de abril--, a Martín Códax, trobador galego da segunda metade do século XIII e comezos do XIV, posiblemente de orixe viguesa.

Esta será a primeira vez que o Día das Artes Galegas recaia nunha figura do mundo da música, polo que a Academia quixo tomar en consideración o conxunto da "grandeza da lírica medieval galega", que "se explica pola conxunción de texto e música" e conta con "unha dimensión, cultural e identitaria da que posiblemente non se chega a ser plenamente conscientes".

Fóra das Cantigas de Santa María de Alfonso X, as cantigas que se conservaban dos trobadores e xograres galegos carecían do texto musical correspondente. Por isto, o descubrimento en 1914 por parte de Pedro Vindel, do pergamiño que leva o seu nome e que contén a música de seis cantigas de Martín Códax, supuxo unha revelación para os estudos da música medieval europea de gran transcendencia internacional, lembra a RAGBA.

O Día das Artes Galegas foi creado pola Real Academia Galega de Belas Artes en 2015, celebrando o Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixiu a colocación dos dinteles do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta neles. Na última edición, de 2022, a figura homenaxeada foi o pintor lalinense José Otero Abeledo 'Laxeiro'.

O Pergamiño Vindel, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax
O Pergamiño Vindel, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax | Fonte: DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta