O sapo lusitánico, outra especie tropical que coloniza as Rías Baixas por mor do cambio climático

Desde o primeiro rexistro en augas galegas dun exemplar desta especie, en 2018, contabilizáronse numerosos individuos que iniciaron un proceso de asentamento nas rías, advirten investigadores mariños.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O quecemento do mar por mor do cambio climático está alterando e mudando os ecosistemas das rías galegas. Un dos efectos do aumento da temperatura dos océanos é a chegada de especies mariñas até agora inéditas en Galicia. E un deses novos moradores é o sapo lusitánico, ou lusitano (Halobatrachus didactylus), peixe tropical propio da costa atlántica de África e do Mediterráneo occidental que está iniciando un proceso de colonización nas Rías Baixas.

Exemplar de sapo lusitánico capturado en Sanxenxo, en xullo de 2019, por Carlos Montes, patrón da embarcación 'Nuevo Vendaval'
Exemplar de sapo lusitánico capturado en Sanxenxo, en xullo de 2019, por Carlos Montes, patrón da embarcación 'Nuevo Vendaval' | Fonte: CEMMA Cetáceos.

“O cambio climático está a provocar un desprazamento cara ao norte de especies de peixes e a tropicalización de zonas temperadas”

O primeiro rexistro dun exemplar de sapo lusitánico en augas galegas produciuse no ano 2018, na ría de Vigo. Co tempo, comprobouse que a presenza desta especie nestas latitudes non era algo accidental, senón froito dun proceso de espallamento e colonización. O sapo lusitánico chegou a Galicia para quedar e crear colonias. Así o constatan os científicos, que puideron identificar até 39 exemplares desta especie capturados nas Rías Baixas.

“O cambio climático está a provocar un desprazamento cara ao norte de especies de peixes e a tropicalización de zonas temperadas”, comentan os responsables das investigacións, adscritos ao Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), o Centro Oceanográfico de Vigo e o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e o Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo, que contaron coa colaboración das confrarías de pescadores San Xoán de Redondela, San Antonio de Cambados e San Xosé de Cangas do Morrazo.

Entre esas especies, atópase o sapo lusitánico, capturado por primeira en Galicia o 11 de xullo de 2018, na ría máis ao sur, a de Vigo, por José Manuel González, patrón da embarcación ‘María José’, con base no porto de Panxón (Nigrán). Aquel exemplar foi recollido polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), para o seu estudo. No laboratorio confirmouse que se trataba dun Halobatrachus didactylus, o primeiro do que se tiña rexistro en augas galegas.

Exemplar de sapo lusitánico capturado en Sanxenxo, en xullo de 2019, por Carlos Montes, patrón da embarcación 'Nuevo Vendaval'
Exemplar de sapo lusitánico capturado en Sanxenxo, en xullo de 2019, por Carlos Montes, patrón da embarcación 'Nuevo Vendaval' | Fonte: CEMMA Cetáceos.

Un ano despois rexistrouse outro exemplar en Sanxenxo. Foi grazas á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), avisada por Carlos Montes, do barco ‘Nuevo Vendaval’, da captura dun “peixe raro” que resultou ser un sapo lusitánico “de pequeno tamaño”, como sinalaron desde a CEMMA. E así, sucesivamente, foron aparecendo máis individuos, espallándose aínda mais ao norte, até a ría de Arousa, onde os rexistros desta especie comezaron nos primeiros meses de 2021.

Os científicos confirmaron rexistros de individuos de sapo lusitánico nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa

Como explican desde a Rede de Observadores do Medio Mariño galego (RedOGAL), o rango de distribución desta especie “abarca o Atlántico leste, desde Portugal ata Ghana ou Nixeria e o Mediterráneo” e “introduciuse nas nosas augas por desprazamento natural cara ao norte debido, probablemente, ao aumento da temperatura da auga, a diminución dos afloramentos e o incremento das fases de afundimento que provocan un aumento das correntes de sur cara ao norte”.

Desde aquel primeiro achado, as capturas e identificacións de individuos de sapo lusitánico sucedéronse até agora, coa confirmación dun espallamento cara ao norte, atopándose exemplares nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa que estarían nun proceso de colonización das augas galegas.

CARACTERÍSTICAS

Como se pode identificar? Sábese que o sapo lusitánico é un peixe que pode medir ata 55 centímetros de lonxitude e que presenta un corpo esmagado e repoludo, cabeza grande e boca ampla. Ten dúas espiñas cubertas pola pel no ángulo superior do opérculo; dúas aletas dorsais, a primeira con tres espiñas fortes e curtas cubertas pola pel; a segunda longa, con 19 a 24 radios brandos. Ten pel lisa, sen escamas, cuberta de mucus. É de cor marrón clara, con numerosas manchas marróns escuras de distinto tamaño que forman bandas transversais irregulares no corpo e filas lonxitudinais e radiais de manchas escuras nas aletas. 

Esta especie aliméntase a base de moluscos, crustáceos e pequenos peixes, polo que é considerada depredadora

O sapo lusitánico vive a pouca profundidade, sobre fondos areosos e rochosos, ata 100 metros de profundidade; os xuvenís, a menor profundidade que os adultos. E aliméntase a base de moluscos, crustáceos e pequenos peixes, polo que é considerada unha especie depredadora.

O aspecto da súa pel e a capacidade de emitir unha sorte de ronquidos, similares ao croar das ras, fan que se coñeza vulgarmente como sapo. 

Nas análises dos exemplares capturados feitas polos científicos galegos comprobouse, precisamente, que estes individuos atopados en augas de Galicia mantiveran unha dieta baseada principalmente en crustáceos e moluscos. Neste caso, os individuos atopados nas rías tiñan unha lonxitude que variou entre 17 e 40 centímetros. No caso de sete destes exemplares, con tamaños entre 18 e 35 centímetros, calculouse unha idade que oscilaba entre 3 e 7 anos.

Por outra banda, ao aplicar unha análise histolóxica sobre a reprodución de 17 exemplares, atoparon “unha proporción de sexos desequilibrada de 2,4:1, favorable para os machos”. Dos 12 machos identificados, dous (17%) eran inmaturos, con tamaños comprendidos entre 18 e 26,6 centímetros de lonxitude, mentres que os outros 10 (83%) eran maduros e tiñan máis de 25,8 centímetros de tamaño. Ademais, seis deles estaban en fase de desova activa. Só se atoparon cinco femias, unha (20%) en fase de desenvolvemento e as catro restantes (80%) en fase de desove.

“Os datos suxiren que esta especie é reprodutivamente activa en augas galegas”, avisan os científicos

A confirmación dos rexistros feitos até agora e os datos das análises realizadas polos científicos “suxiren que esta especie é reprodutivamente activa en augas galegas”, polo que se estaría naturalizando.

Desde o punto de vista molecular, a poboación foi comparada con outras atopadas na costa portuguesa, que era até agora a parte máis setentrional na que se asentara o sapo lusitánico. Os investigadores identificaron un único haplotipo (conxunto de marcadores xenéticos estreitamente relacionados presentes nun cromosoma e que tenden a herdarse xuntos), que, como explican os autores das análises, “é o mesmo que en todos os individuos capturados máis ao sur nos esteiros do Texo e do Sado” (Portugal) e “non se detectou ningunha tendencia cara a unha menor diversidade xenética que puidese indicar a selección da liñaxe”.

ESCASO VALOR COMERCIAL, PERO GRAN VALOR CIENTÍFICO

Os datos que manexan os científicos “parecen apoiar un evento de colonización moi recente” do sapo lusitánico en Galicia, salientan os científicos, que veñen de presentar os resultados das súas investigacións no IX Congreso Ibérico de Ictioloxía, celebrado na cidade de Porto (Portugal), do 20 ao 23 de xuño.

Así que agora que se confirma o proceso de colonización natural do sapo lusitánico en Galicia, máis marcado na ría de Vigo, haberá que prestar atención especial ao seu proceso de reprodución. Sábese que esta especie ten un ciclo reprodutivo de marzo a agosto, cun pico entre os meses de maio e xuño. E haberá que avaliar o seu impacto nos moluscos e crustáceos das rías, como predador destes.

Esta especie é de importancia comercial menor e apenas se explota, pero se lle atribúe un interese científico "para experimentos de toxicoloxía e cardioloxía”

Con todo, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) considera o sapo lusitánico unha especie de “preocupación menor” no que a conservación se refire. E se alguén se pregunta se a presenza deste peixe será un beneficio para o sector pesqueiro, a resposta é non, xa que esta especie é de importancia comercial menor e apenas se explota, como indica a IUCN, que si lle atribúe un interese científico, xa que “recibiu unha atención especial nos últimos anos polo seu uso como especie para experimentos de toxicoloxía e cardioloxía”.

OUTRAS AMEAZAS

O impacto de individuos de especies exóticas —algunhas delas, invasoras— atopados en augas de Galicia pode ser maior do que se pensa, non só polo seu comportamento, tamén polo que transportan: novos parasitos. Así o alertaron científicos do IIM nun estudo no que atoparon nematodos nunca antes identificados nestas latitudes, tras analizar exemplares de dúas especies exóticas capturados en augas galegas.

Os científicos centráronse na busca e identificación de parasitos no tracto dixestivo de dous espécimes capturados por primeira vez en augas galegas: o primeiro rexistro en Galicia de peixe globo (Ephippion guttifer) e de riscado (Parapristipoma octolineatum), especies típicas de augas africanas e máis cálidas, nunca antes vistas na nosa costa.

No caso do peixe globo, tratábase dun espécime macho de 570 mm capturado o 10 de xaneiro de 2017 na desembocadura da ría de Vigo. O segundo individuo analizadfo foi unha femia de riscado de 293 mm capturada por un pescador en Punta Faxilda, na desembocadura da ría de Pontevedra, o 21 de xullo de 2018..

A identificación molecular dos parasitos é clave para entender as ameazas ás que se enfronta a fauna nativa ante a chegada de organismos estraños e, en última instancia, o ser humano, ao que poderían afectar eses novos parasitos.

As especies tropicais e subtropicais que están chegando a Galicia poden estar transportando parasitos inéditos nas rías

O exame de E. guttifer mostrou unha alta intensidade de nematodos, de tres xéneros diferentes: CucullanusHysterothylacium e Anisakis, con patoxenicidade demostrada para os humanos; é dicir, son fontes de enfermidades. Mentres que as análises no riscado mostraron un nivel moi baixo de parasitos e só se observaron dúas larvas de Hysterothylacium, xeneticamente identificadas como Hysterothylacium deardorffoverstreetorum, descrita por primeira vez en peixes en augas de Brasil, sendo este o primeiro informe no Atlántico leste.

Sobre os parasitos atopados no peixe globo, a identificación molecular permitiu a identificación da especie Anisakis pegreffii, xa descrita en augas europeas, principalmente no Mediterráneo, mentres que o Anisakis simplex é o máis común no Atlántico norte. Como se trata dun parasito xa descrito na área, os investigadores non descartan que se transmitise de especies nativas ao exemplar de peixe globo analizado.

O máis preocupante deste estudo foi o achado en Galicia das primeiras mostras informadas en augas europeas de Cucullanus dodsworthiHysterothylacium reliquens e unha nova especie de Hysterothylacium.

Estes achados son importantes para analizar os posibles impactos que terán as especies tropicais e subtropicais que se están desprazando cara ao norte, até Galicia, como o sapo lusitánico, transportando parasitos inéditos nas augas galegas. Segundo os científicos, “o posible impacto ecolóxico da presenza de dous peixes individuais non nativos nunha nova área podería ser notablemente máis alto se vemos este problema a través da perspectiva parasitolóxica, na medida en que só dous peixes poden albergar máis de cen parasitos nematodos pertencentes a diferentes especies, a maioría delas tamén novas especies para esa área”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta