Un estudo ve riscos de incendios "sen precedentes" en Europa pola crise climática

Prevé 20 días máis ao ano de risco extremo en 2100, se a temperatura sobe dous graos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/06/2022 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

Un estudo do Centre de Recerca Ecològica i Aplicacions Forestals (Creaf), da Universitat de Barcelona (UB) e outras institucións identificou un cambio "sen precedentes" no réxime de incendios en Europa, con veráns e primaveras cun risco de incendio inédito nos últimos anos. Ambas as institucións explicaron que moitas zonas da Europa meridional e o Mediterráneo experimentan "condicións extremas e propicias ao lume", cada vez máis frecuentes polo aumento das ondas de calor e a seca hidrolóxica.

Infografía sobre o risco de incendio ata 2100
Infografía sobre o risco de incendio ata 2100 | Fonte: CREAF - UB.

O traballo, publicado en 'Scientific Reports', vincula o aumento do risco de incendio cunhas maiores emisións de CO2 derivadas do lume, medidas en observacións por satélite e observadas tamén na Europa do norte, que posúe importantes reservas de carbono na tundra e os bosques boreais.

"As zonas boscosas e montañosas do sur e centro de Europa son as áreas nas que se detectan os aumentos máis grandes do risco de incendio", apuntou o autor do estudo, Jofre Carnicer, que citou os Pireneos, o macizos ibérico e cantábrico, os Alpes, o Macizo Central francés, os Apeninos, Cárpatos, Balcáns, Cáucaso e o Póntico.

O estudo tamén predí a evolución do risco de incendio en Europa ata 2100 en función de canto aumente a temperatura media: se son dous graos (cunha redución "drástica" de emisións de CO2), haberá 20 días máis de risco de incendio extremo, e se son catro graos de aumento, 40 días máis ao ano.

Os científicos consideran que o risco de incendio "podería pór en perigo as estratexias de descarbonización baseadas nos usos do bosque e o territorio agrícola se non se adoptan estratexias de xestión forestal efectivas", e podería retroalimentar o cambio climático en ciclos progresivos de quecemento, aumento do risco de incendio e de máis emisións de CO2.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta