Os títeres regresan a Rianxo

As titiriteiras lusas de Teatro e Marionetas de Mandrágora e a artista transalpina Irene Vecchia formarán parte dunha programación que volverá apostar pola creación de públicos, os espectáculos de rúa e a descentralización polas parroquias do municipio.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de Títeres tradicionais celebrará en Rianxo entre os días 24 e 31 de xullo a súa sétima edición. Neste 2022, despois de dous anos de pandemia e de restricións por mor da situación sanitaria, Titiriberia recuperará a súa condición de festival internacional ao contar na súa programación con artistas procedentes de países como Portugal e Italia. 

Títeres Mandragora
Títeres Mandragora | Fonte: Titiriberia

Deste xeito, o cartel incluirá a compañía lusa Teatro e Marionetas de Mandrágora e a Irene Vecchia, titiriteira do país transalpino. Os seus espectáculos traerán ata Rianxo dúas das tradicións europeas máis lonxevas dentro da escena das marionetas de cachaporra: o Dom Roberto portugués e o Pulcinella italiano.

Titiriberia, que está organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das

Industrias Culturais (Agadic), prepara para a que será a súa terceira edición en Rianxo un completo programa ideado para todos os públicos, con funcións destinadas á cativada e espectáculos para as persoas adultos.

Ademais, a edición deste 2022 terá dous grandes obxectivos: crear públicos, con especial atención á audiencia xuvenil, e afondar nunha decidida aposta pola descentralización da actividade. Así, Titiriberia converterá o municipio rianxeiro nun gran escenario ao levar espectáculos ás parroquias de Taragoña, Leiro, Asados, O Araño ou Isorna. E coa meta de achegarlle ao conxunto da veciñanza o teatro de títeres, o Titiriberia volve presentarse nesta sétima edición como un festival de espectáculos de rúa, cunha programación eminentemente gratuíta e con gran parte das súas funcións representándose en espazos da vía pública.

A presenza italiana na sétima edición de Titiriberia chegará da man dunha artista que, ao longo da súa traxectoria, procura a renovación da tradición da cachaporra dende a perspectiva de xénero. Irene Vecchia ofrecerá así o seu espectáculo A Lúa e Pulcinella, peza que retrata como despois dun novo abuso, todas as mulleres da Terra acaban por se trasladar á Lúa.  A investigadora mexicana Elvia Mante, pola súa banda, explicará nunha videoconferencia os

resultados da pescuda que está a desenvolver sobre o traballo feminino no mundo do títere a nivel internacional. 

Ademais, a compañía portuguesa de Teatro e Marionetas de Mandrágora centrará a súa

participación en Rianxo no Dom Roberto, o equivalente luso ao Barriga Verde galego. A

formación, coa dirección artística de Clara Ribeiro e Filipa Mesquita e dirección plástica

de enVide neFelibata, traerá dúas funcións diferentes: O mais maior grande Dom Roberto e Teatro de Robertos.

Dentro do programa, que se dará a coñecer polo miúdo nos vindeiros días, está aberta xa a inscrición ao curso que impartirá Irene Veccia sobre técnicas tradicionais de manipulación de títeres. Centrado nos guaratelle napolitanos, esta formación práctica de 8 horas está aberta tanto a persoas sen experiencia no manexo de monicreques como a profesionais e afeccionados ao sector. As inscricións están abertas en info@barrigaverde.eu e pódese atopar máis información da actividade en https://titiriberia.com.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta