Produtores de alimentos mobilízanse contra alza de custos: "Non aguantamos máis; Ourense vai quedar deserta"

Protestan ante a Delegación da Xunta e a Subdelegación do Goberno central. O BNG acusa o PP de "conducirao rural a unha morte lenta",

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/07/2022 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

Centos de produtores secundaron este martes en Ourense a mobilización convocada pola Asociación de Empresarios, Gadeiros e Agricultores da Limia (Adegal), a asociación de produtores de pataca da Limia, Fruga, Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias, en demanda de medidas urxentes para garantir a supervivencia do sector primario.

Manifestación do agro en Ourense
Manifestación do agro en Ourense | Fonte: Europa Press

Baixo o lema de "Non aguantamos máis", os produtores de alimentos esixiron aos gobernos, tanto galego como estatal, "medidas inmediatas" que freen a situación provocada pola crise dos custos. Denuncian que "o incumprimento da lei de cadea alimentaria e as nefastas políticas agrarias aplicadas nas últimas décadas" son responsables do peche de miles de explotacións agrarias por todo o país.

A manifestación, que partiu da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense ata a Subdelegación do Goberno, contou cunha comitiva con agricultores e gandeiros na que non faltaron os tractores.

O presidente da asociación de produtores de pataca da Limia, Amador Díaz, foi claro, pide "ser escoitado" e que "se tente buscar unha solución", que "boten unha man". Critica que os custos de produción "aumentan chegando a ser inasumibles". Expón que "hai moitas explotacións que o están pasando mal", á vez que propón un prezo fixo para o gasóleo co que poder afrontar gastos.

"OBRÍGANNOS A ABANDONAR O CAMPO"

Carlos Basalo (Unións Agrarias) lamenta que, tras a tractorada en Xinzo de Limia, hai xa un par de meses, os problemas seguen sendo os mesmos "porque soben os prezos de todo: plásticos, gasóleo, fitosanitarios". Con todo, os seus produtos "non soben de prezo ou soben o mínimo". "Estamos nunha situación que nos leva á auténtica ruína, a ter que abandonar, están a obrigarnos a abandonar o campo", sentenciou.

Deste xeito, asegura que se ven "abocados a berrar outra vez, a pedirlle aos gobernantes dunha vez por todas que se poñan a traballar, que as axudas prometidas pola Conselleria de Medio Rural saian, porque están á espera desde hai seis meses e non aguantan máis".

Lembra que están en vésperas das campañas de sega, vendima ou recollida da pataca, pero "cos prezos actuais é inasumible, mesmo haberá que deixar produtos sen recoller". "Pedimos que se poñan a traballar por nós, que defendan o sector primario e un dos motores económicos desta provincia. Ourense vai quedar deserta se esta situación se mantén", alertou Basalo.

Insiste en que hai apenas un ano o litro de gasóleo estaba a 0,6 euros e agora chega "a cifras inasumibles", polo que demandan descontos especiais para o sector primario. "Se unha persoa vai traballar todos os días e sáelle máis caro ir que o que vai cobrar, o que ten que facer é deixar ese traballo, e iso está a pasar no sector primario", denunciou.

CRÍTICAS AO CONSELLEIRO

Pola súa banda, a gandeira e integrante da executiva nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, Sonia Vidal, remarcou a importancia de transitar cara a un cambio de modelo agroalimentario que protexa e garanta a produción de alimentos de calidade no territorio.

Centrándose na súa propia situación, contou que ten unha gandaría pequena no Concello de Xunqueira de Ambía de 40 vacas e gasta "200 euros diarios de gasóleo", o cal "non é asumible".

Así mesmo, Vidal lembrou que desde marzo están todas as organizacións unidas porque todas teñen en común "a auga ao pescozo". "Se en marzo non podiamos asumir os custos cando estaba o gasoil a 1,50 euros, agora que está a 1.69 euros, menos", manifestou.

Xunto a isto, afeou que a resposta do conselleiro de Medio Rural, Jose González, "é moi a longo prazo, non son medidas inmediatas" que poidan liquidar a produción deste verán. Tamén se queixa de que a mediación da Subdelegación do Goberno "foi dar traslado ao Ministerio xa no mes de marzo", pero aínda están a esperar a resposta.

"Se nós non seguimos producindo, non haberá pataca na mesa, non haberá unha hortaliza e non haberá carne nos supermercados, isto é unha realidade", dixo Vidal. Reproba que "a Xunta de Galicia está a actuar dun modo irresponsable", xa que que os alimentos "sexan cada vez máis caros é unha situación de mercado coa que se atopan moi cómodos, unha inxustiza na que están dispostos a colaborar activamente, insistindo na política de brazos caídos que acelera a morte do sector primario".

PREVÉN ACUDIR A SANTIAGO

Así pois, desde a Delegación da Xunta de Galicia en Ourense partiu a comitiva. Os manifestantes percorreron Ourense ata a Subdelegación do Goberno, tamén con tractores, para ler ante a administración os manifestos esixindo o cumprimento da lei da cadea alimentaria e o apoio á agricultura e á gandaría galega.

Neste sentido, chamaron a atención sobre a caída do número de persoas produtoras de alimentos en todo o país. Chaman a atención acerca de que na Limia o sector "xera o 20% da actividade económica da comarca e de modo indirecto repercute no resto de actividades".

"O peso deste sector pon de relevancia a necesidade da súa defensa como futuro da economía comarcal", subliñan. "A cidadanía galega ten que saber que a irresponsabilidade política está a pór en risco a produción de alimentos, morrendo non podemos producir", sentenciaron para advertir que "se non se atenden as esixencias", o seguinte paso é acudir a Santiago de Compostela.

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao PP de "conducir ao rural" coas súas políticas cara a "unha morte lenta" que provoca que haxa "cada vez menos xente, menos actividade e menos servizos".

"As políticas do PP conducen o rural a unha morte lenta", aseverou Pontón, que puxo o acento na necesidade de articular medidas de "discriminación positiva" para evitar que a poboación se marche das poboacións rurais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta