Lorena García, creadora de 'Na Utopía': "Hai que normalizar crear todo tipo de contido en galego na Internet"

'Na Utopía' é a primeira plataforma de obradoiros online integramente en lingua galega.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Técnica básica de pandeireta, introdución á fotografía dixital ou á gravación e mestura de cancións, técnica básica do labor de gancho ou crochet, ou un obradoiro para enfrontarse a falar en público. Todo isto é o que ofrece, para abrir boca, 'Na Utopía', un proxecto que vén de nacer ao abeiro do mundo dixital co obxectivo de ofrecer a posibilidade de aprendermos en galego e online sobre temáticas diversas. Falamos coa súa creadora, a deseñadora gráfica Lorena García.

Lorena García, creadora da web de obradoiros dixitais 'Na Utopía'
Lorena García, creadora da web de obradoiros dixitais 'Na Utopía' | Fonte: remitida
 

Como bota a andar este proxecto? Que te impulsou?

Este proxecto nace como resposta a facer algo útil e valioso de cara á sociedade a través da miña profesión como deseñadora gráfica, realmente. O mundo do deseño está moitas veces moi vinculado ao da publicidade, e era algo do que eu me quería comezar a afastar, xa que non me acababa de sentir moralmente cómoda en moitos casos. Foi cando comecei a pensar en que podía facer coas ferramentas que eu tiña que realmente se aliñase cos meus ideais. Cando dei con esta idea, comezou a cobrar relevancia porque cumpría con moitas cousas importantes para min e espero que tamén para a xente. Non só significaba estar proporcionando algo á sociedade, como o é aprender, en calquera das súas formas, senón que o podía xuntar con outros valores moi importantes para min: o idioma, poder aprender na nosa lingua, dar visibilidade a persoas ligadas a traballos artísticos que polo xeral están pouco valorados e en non moi boas condicións, dar espazo sempre que poida ás mulleres, sobre todo en campos nos que estamos máis invisibilizadas, ou á comunidade LGBTQIA+. É un proxecto moi ilusionante para min e creo que necesario.

Que podemos atopar ‘Na Utopía’ e como funciona?

Na Utopía é unha plataforma de obradoiros online. Isto é, un sitio web no cal te podes inscribir naqueles obradoiros que che parezan interesantes. Contrario ao que poida dar pé a pensar, non son aulas virtuais ou videoconferencias. O que nós facemos é planificar e gravar un obradoiro coa persoa en cuestión e preparalo para que todo estea explicado do mellor xeito posible. Ese obradoiro, xa gravado, editado e en formato vídeo, subímolo á nosa plataforma para que ti poidas compralo e ter acceso a eses vídeos. Poderás velos ao teu ritmo, cando e onde queiras, parando onde e cando o necesites ou pospóndoo todo o que queiras, xa que unha vez que o compres, é teu para sempre. Neste sentido pode achegarse máis a un videotitorial que a un curso por videoconferencia, mais dándolle moita importancia á calidade tanto do contido como da forma.

Irase nutrindo de máis cursos? Hai algún que nos poidas adiantar?

Si, claro! Temos moitas ideas para o futuro, o panorama galego é abraiante. Hai persoas traballando en ámbitos interesantísimos e facendo traballos incribles. Aínda que Na Utopía vai estar moi ligada ao ámbito creativo, non queremos descartar nada. Imos contar con obradoiros de debuxo e ilustración, de escrita, de deseño, de vídeo, de música... Pero non queremos deixar de lado outras temáticas que tamén nos interesan, como o poden ser a saúde mental ou os videoxogos, por poñer dous exemplos. Algunhas cousas que poderedes ir vendo pouco a pouco serán obradoiros de escrita ou ilustración, como dixen antes, pero tamén outros relacionados con software de edición de foto e vídeo e incluso programación.

Como foi a acollida ata agora e que agardas deste proxecto? Falas de crear unha comunidade creativa en galego, non?

A verdade é que a acollida da idea foi sempre moi boa, desde que era só un concepto, ata agora que é unha realidade. Desde que lanzamos a plataforma, recibimos moitos comentarios positivos e seguimento a través das nosas redes sociais que realmente nos deixaron o corazón brandiño, haha! Con todo, quizais o que máis falte é confianza á hora de comprar e pagar por algo deste tipo. Por un lado, non todo o mundo está habituado a adquirir produtos dixitais e creo que é hora de dar o paso.

Hai novos xeitos de aprender e para nada teñen porqué rivalizar con outros. Nós non vemos

incompatible para nada a nosa idea co ensino presencial, por exemplo. Son experiencias totalmente diferentes. Pero así como non dubidamos en pagar unha cota mensual nun caso, é lícito para nós facelo tamén no outro. Isto é algo que quero puntualizar porque quero darlle o valor que merecen a estes traballos. Por unha banda, teño moi presente que quero que sexa o máis accesible posible para a xente (oxalá puidésemos ofrecelos de balde!), pero por outra, non deixa de haber moito traballo detrás que temos que compensar, tanto polo noso lado como por parte da xente coa que colaboramos e á cal obviamente lle pagamos polo seu traballo. Espero que a xente así o entenda e non lle dea medo pagar por contido dixital, porque cremos que paga a pena! A nosa idea é continuar creando máis contido e como dis, crear unha especie de comunidade. De feito, o primeiro paso pódese ver no sitio web, onde na sección de Comunidade se irá formando un directorio con todas as persoas que teñen obradoiros na plataforma e na cal podes consultar os seus sitios web e redes sociais.

A web destaca moito polo seu coidado deseño, pero ademais teño entendido que o proxecto ten unha banda sonora feita á medida. Como é isto?

Moitas grazas por velo así! Á parte de que é defecto de profesión ser un pouco perfeccionista con iso, quería que o proxecto e por tanto a súa aparencia tivesen moita personalidade. E aquí entran os distintos factores dos que falas: desde o acondicionamento do estudio ata a presenza online tanto nas redes como sobre todo no sitio web. Aquí non é todo mérito meu para nada. Traballei da man do deseñador web Anxo Sánchez que fixo un traballo incrible facendo dun proxecto complexo, un sitio web fácil de navegar sen renunciar ao deseño proposto.

Sobre a banda sonora, como os vídeos son a base coa cal traballamos e iamos precisar música para acompañalos, era moi importante para min que esta tamén reflectise un carácter propio. Para isto contamos coa colaboración de Canción DeSastre, un proxecto do músico Nando Pérez no cal el crea cancións feitas á medida para a ocasión que queiras: xa sexa unha celebración, unha canción para unha parella que casa, para a intro dun podcast, ou, neste caso para crear a música que acompaña os vídeos neste proxecto. Fixo un traballo incrible! 100% recomendado!

Na web explicas que este proxecto está en galego porque non tería sentido facelo doutro xeito, pero tamén por unha cuestión deliberada. Que reflexións hai detrás?

Si. Eu falo galego desde sempre e non concibo facer un proxecto noutra lingua. Primeiro, porque como dis, para min non tería sentido nin me sentiría cómoda facéndoo, por outra banda, isto máis ca unha opción, é tamén unha posición. Podemos atopar plataformas semellantes en castelán ou inglés, mais non en galego. Por que? Non é o galego apto para aprender ou para o ámbito online? Para nós é igual de válido que calquera outro idioma, e cremos que temos dereito a aprender na nosa lingua e non temos por que recorrer a outra. Consideramos, en todo caso, nun futuro, incluír lendas tanto en galego como noutros idiomas para que non sexa un impedimento para ninguén, mais a lingua principal vai ser sempre o galego.

Que papel cres que xogan as redes sociais e Internet en xeral no futuro da lingua?

Pois creo que xogan un papel moito máis importante do que podería parecer nun principio. A lingua mantense viva falándoa e empregándoa. Estando presente. E onde está todo e onde estamos (case) todas as persoas a día de hoxe, gústemos máis ou menos, é na internet. Hai que normalizar crear e encontrar contido de todo tipo na internet en galego, así pasará a ser normal para as xeracións que veñan, e non un idioma que serve só para certos ámbitos (igual de importantes, ollo, pero non os únicos). Hai moitos sitios nos cales aínda non estamos e deberiamos estar (plataformas de streaming, por exemplo) e penso que moitas veces facer isto posible está máis na nosa man do que cremos. Neste aspecto admiro e respecto moitísimo as persoas neofalantes. Para min é fácil comunicarme en galego na rede ou fóra dela, pero dar o paso de mudar de lingua en todos os ámbitos da vida paréceme moi valente e admirable.

O certo é que cada vez vemos que hai máis contido en lingua galega nas redes, e ti mesma tamén tes dúas canles de YouTube. Imos polo bo camiño? Que pensas que queda por diante para normalizar a lingua nestes lares?

Por un momento non me recoñecín no de ter dúas canles de YouTube, pero é certo, si! Teño unha canle de ASMR chamada 'Na Utopía non existe a vertixe' e son unha das dúas persoas detrás do podcast e canle do YouTube 'Gallifrey Ceive', na cal Jon Amil e mais eu falamos da serie Doctor Who. Ambas tamén en galego. A min paréceme importantísimo e estou contentísima co que creceu a rede en galego nestes últimos anos coa creación de canles do YouTube, vídeos no TikTok... Eu adoro ver que se está a facer todo isto, mais creo que sempre pode e debe haber máis. Máis xente que cree contido e de todo tipo de temáticas (ou das que xa hai!). Nunca seremos demasiadas persoas creando. Penso que si que estamos a facer un camiño moi importante, mais non debemos esquecelo e temos que continuar a dar pasos firmes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta