A Xunta insiste en que é o Estado quen debe incoar o BIC dos bens do Pazo de Meirás

A administración quere converter o pazo nun espazo para o "entendemento", a "concordia" e nun "faro da igualdade" e o BNG acúsaa de "antimemoria".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2022 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

A Xunta insistiu en que o Estado é a administración competente tanto para reclamar a titularidade como para incoar a declaración como ben de interese cultural (BIC), procedementos para os que trasladou a súa disposición a colaborar.

Así o destacou a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, durante a Comisión primeira do Parlamento de Galicia, na que deu resposta a unha pregunta formulada polo deputado Luís Bará, quen censurou que o Goberno galego "non estea a facer nada" a respecto da ampliación do BIC.

"Fala da propiedade pero non da protección e di que, en todo caso, están a estudar os bens que poden ter valor patrimonial e cultural, supoño que para a protección do BIC, pero o problema non é ese, o problema é que hai que protexer o conxunto, o continente e o contido e, por tanto, todos os elementos que son imprescindibles para contar a historia dese lugar histórico", sostivo Bará, que dixo que esta historia a contan os elementos que están dentro, fóra dos que foron adquiridos pola familia Franco a partir de 1975. "Eses poden levalos, non hai ningún problema", expresou.

Respecto diso, a directora xeral de Patrimonio Cultural replicou a Bará que estas afirmacións "non se axustan á realidade" e incidiu en que, desde o primeiro momento, a Xunta explicou quen era o órgano competente. Con todo, destacou que, por parte da Xunta, se mostrou a "colaboración coa Administración estatal". "E ese é o motivo polo cal se está traballando no convenio e na elaboración do anexo que ten que integrar esa declaración BIC", sinalou.

Sobre este anexo, sostivo que "non todos os bens mobles existentes no Pazo de Meirás teñen valor cultural destacado". "Quero que non se esqueza que ese é o obxectivo principal dun procedemento de ben de interese cultural", asegurou.

Neste sentido, afirmou que "un procedemento de ben de interese cultural ten que recoñecer o valor cultural destacado, e ese é o obxectivo no que se está traballando por parte dos técnicos de ambas as administracións para chegar a definir cales son aqueles bens que cumpren esa finalidade e esa cualidade e que están vinculados ás dúas figuras históricas relativas ao Pazo de Meirás", apuntou.

USOS DO PAZO

Na comisión, ademais, a directora xeral subliñou que a Xunta considera Meirás como "un símbolo de reconciliación e de creación cultural, baseado na figura da persoa que fixo posible ese espazo, a escritora Emilia Pardo Bazán".

"Por tanto, ao Goberno de Galicia parécelle máis adecuado restituír a esencia de Meirás e convertelo nun faro de igualdade en dúas vertentes: potenciar a importancia da muller na creación intelectual e aproveitar o legado de Emilio Pardo Bazán como unha das pioneiras do feminismo de España", sinalou ,para incidir en que "a Xunta pretende que as Torres de Meirás volvan ao "seu sentido orixinal deturpado polo Franquismo" e "sen obviar tamén que foi residencia dun ditador".

Deste xeito, sostivo que se aposta por un espazo para o "entendemento" e a "concordia" que explique "toda a súa historia" e "non só a etapa referente ao Franquismo".

Respecto diso, o deputado do Bloque acusou á Xunta de "utilizar" o "faro de igualdade" como unha "trampa" para "borrar máis de 80 anos de historia". "Vostedes queren borrar dunha plumada a historia da ditadura, na que este lugar cumpriu un papel fundamental político e tamén represivo", reprochou.

Tamén criticou que a Xunta busque "borrar tamén todo o que pasou despois na Transición" e, a partir do 2004, no proceso de "loita e recuperación". "Queren facer a mesma operación que coa Illa de San Simón, a antimemoria", apuntou.

Un home observa a fachada do Pazo de Meirás. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Un home observa a fachada do Pazo de Meirás. M. Dylan - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta