A Xunta alerta dunha "seca prolongada" e de "risco de desabastecemento de auga" a finais de agosto

"Van ser semanas complicadas", di a conselleira Ethel Vázquez.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/07/2022 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, indicou que "todo apunta" a que a demarcación hidrográfica de Galicia Costa continuará, polo momento, nunha situación de "seca prolongada", algo que "non fai máis que acrecentar a preocupación da Xunta en materia de subministración de auga".

Seca no encoro de Lindoso, na Baixa Limia, que deixa ver a aldea sumerxida de Aceredo
Seca no encoro de Lindoso, na Baixa Limia, que deixa ver a aldea sumerxida de Aceredo | Fonte: Gonzalo Blanco.

Ethel Vázquez fixo estas declaracións este luns no transcurso dun acto oficial en Pontevedra no que apuntou que "o nivel dos encoros en Galicia-Costa está garantido para os meses de verán", pero advertiu de que "para finais de agosto, se non se fai un consumo responsable e un uso eficiente da auga", pode haber "risco de desabastecemento".

"Van ser semanas complicadas", dixo Ethel Vázquez, que insistiu no seu chamamento a "evitar despilfarros" e a "controlar o consumo". En primeiro lugar dirixe a súa mensaxe aos concellos, para que fagan un "uso responsable" do consumo de auga, por exemplo, evitando baldeos de rúas innecesarios. "Creo que iniciativas pequenas poden ser realmente moi útiles para garantir o abastecemento á poboación", valorou.

"O cambio climático está aquí e o certo é que chegou para quedar", lamentou a conselleira, que avogou por "transformar a concepción sobre o uso responsable da auga".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta