Galicia perde bibliotecas e case un cento de concellos non dispoñen deste servizo

A asociación de profesionais do sector pide "mellorar as partidas orzamentarias" e controlar as políticas e accións levadas a cabo polos concellos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2022 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

Segundo os datos das últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2020 e publicadas polo Ministerio de Cultura, Galicia conta cun total de 312 bibliotecas, isto é, 17 menos ca no ano anterior. Ademais, 99 concellos non dispoñen de servizo bibliotecario e tan só 29,43% da poboación galega usa estes esazos. Galicia destina, así mesmo, un total de nove euros por habitante ás bibliotecas, 1,64€ menos que no conxunto do estado (10,64€). As estatísticas tamén reflicten que dende o ano 2016 hai un total de 39 persoas menos traballando nas bibliotecas públicas galegas. 

Unha bibliotecaria colle un libro dun andel dunha Biblioteca municipal
Unha bibliotecaria colle un libro dun andel dunha Biblioteca municipal | Fonte: Iñaki Berasaluce - Europa Press - Arquivo.

Dende a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia destacan que Galicia se atopa, coma en anos anteriores, por debaixo da media estatal en todos os indicadores agás en dous parámetros: no número de documentos por habitante e no número de documentos adquiridos por habitantes. Máis alá destes únicos dous datos positivos, e de valorar as incorporacións de bibliotecas ao Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas, a asociación novamente fai fincapé na "necesidade de mellorar as partidas orzamentarias" e no "necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos", ademais de paliar a "inestabilidade laboral".

"Seguimos atopando casuísticas habituais de contratación de persoal non especializado, ademais de compartir prazas con outros servizos municipais ou recorrer a persoal doutros servizos para cubrir os postos", denuncian nun comunicado, no que engaden que "non é suficiente con investir en boas coleccións, boas infraestruturas, boas ferramentas de traballo, se non contamos con persoal debidamente cualificado que lles dea sentido".

A asociación aposta por desenvolver e aplicar ferramentas de planificación sobre os recursos e pide á Xunta de Galicia "velar polo correcto desenvolvemento e xestión dos servizos bibliotecarios municipais, respectando a potestade organizativa dos concellos, pero primando sempre a prestación de servizos de calidade". Os datos, segundo explican, mostran tamén unha "gran dispersión e perda de poboación" que dificulta que os concellos rurais, pequenos e despoboados, poidan prestar servizos de calidade.

Con respecto ás situacións bibliotecarias por provincia, só a da Coruña presta un bo servizo á súa poboación, por encima da media estatal en todos os indicadores. A provincia de Pontevedra cae moitos puntos debido principalmente á "precaria situación bibliotecaria do concello de Vigo", indica a asociación. Da mesma maneira, as provincias máis despoboadas e avellentadas, Lugo e Ourense, están entre as últimas en servizos bibliotecarios por non poderen os seus concellos, por si mesmos e sen axuda das deputacións, contar con servizos bibliotecarios.

A asociación salienta o caso da provincia de Ourense, onde só 39 concellos (de 92) dispoñen de bibliotecas e 53 concellos da provincia non teñen servizo. No caso do resto das provincias, A Coruña conta con 10 concellos sen biblioteca; Lugo con 27; e Pontevedra con 9. "Nestes concellos sen biblioteca encontramos casuísticas diferentes: desde as que están pechadas temporalmente por obras, as que non completaron as estatísticas e as que, definitivamente, non contan con servizo bibliotecario".

Por último, a asociación ve unha boa medida para paliar a falta de servizos o anuncio realizado en xullo de 2022 de poñer en marcha servizos de bibliotecas móbiles en comarcas das provincias de Lugo e Ourense é unha boa medida, mais non entrarán a valorar o seu resultado ata teren datos dentro de varios anos, aseguran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta