Os brigadistas denuncian "descoordinación", falta de medios e xornadas maratonianas

USO denuncia que os efectivos da UME só van aos grandes lumes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2022 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia


A Federación de Atención á Cidadanía da Unión Sindical Obreira en Galicia (FAC-USO Galicia) denuncia "numerosos incumprimentos" por parte da Xunta co persoal antincendios, tales como "xornadas máis longas, cuadrillas de só dous membros, falta de comida e/ou bebida e algún distrito forestal sen brigada".

Nun comunicado, apunta tamén á "descoordinación existente entre os distritos forestais e nos propios incendios, polos cambios de destino que se producen cada pouco tempo". A isto únese situacións como que "algún distrito quede sen brigadas no seu territorio por mandalas a outras zonas, e logo, cando se produce un incendio, apágano brigadistas voluntarios, é dicir, nos seus días libres".

Alerta do "incumprimento reiterado da xornada máxima de traballo en caso de incendio (12 horas), producíndose, sistematicamente, unha prolongación da xornada laboral que se apoia nunha instrución da propia Consellería, que sinala que 'hai que reter ás cuadrillas o máximo tempo posible', aínda que leven máis horas das establecidas no convenio colectivo".

Avisa tamén da existencia de cuadrillas con só dous ou tres membros, así como a escaseza de motobombistas e brigadistas "ao non cubrirse as baixas e as prazas vacantes".  "A xestión é pésima, pois se descoñece se os brigadistas recibiron o seu avituallamento, cantas horas realizaron, cantas horas poden seguir ata completar a súa xornada laboral máxima", arremete FAC-USO Galicia.

Tamén cuestiona o papel da Unidade Militar de Emerxencias (UME), "presente só nos grandes incendios, en comparación co persoal adscrito ao SPIF".

Brigadistas no incendio en Quiroga
Brigadistas no incendio en Quiroga | Fonte: ATBRIF - @AT_Brif. Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta