Endesa está disposta a reactivar a central eléctrica das Pontes, segundo o Goberno central

A decisión tomarase esta semana.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/07/2022 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

Laura Martín, directora do Instituto para a Transición Xusta, pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, reuniuse este martes en Madrid con representantes das sindicados CCOO e UGT para informarlles de que Endesa está disposta a reactivar a central eléctrica das Pontes, unha decisión que se tomará esta semana.

Endesa nas Pontes
Endesa nas Pontes | Fonte: Comité de empresa.

Tal como sinalaron fontes sindicais, o propio Ministerio mantivo un encontro coa compañía, no que lle preguntaron se estaría disposta a reabrir a planta das Pontes, debido á situación de incerteza e ao aumento do prezo do gas pola guerra de Ucraína. Unha vez a empresa aceptou unha posible reapertura, o Goberno solicitou a Red Eléctrica un informe para coñecer que necesidades existen na actualidade, polo que en base a ese documento, que previsiblemente se coñecerá a finais desta semana, tomarase a decisión de se é conveniente reabrir As Pontes, en que tempos e que prazos.

Por iso, o Ministerio emprazou os sindicatos a reunirse de novo a semana que vén para informarlles dos avances que ocorran nos próximos días. Segundo UGT, os traballadores si están dispostos a que se reactive a factoría eléctrica, sempre que se faga durante un período longo de tempo. A pesar de que o Goberno non lles quixo dar datas, os sindicatos recoñecen que podería reabrirse durante polo menos uns seis anos, segundo as fontes que eles manexan.

Ademais, explicou que é posible que se abra só unha das dúas fases das que dispón a planta (a que menos contamina ao producir enerxía por estar dotada de novas tecnoloxías), mentres que a segunda fase só se utilizaría en casos "excepcionais".

Por iso, calculan que farían falta algo máis de 100 traballadores, malia que na actualidade só operan nas Pontes uns 40. Neste sentido, recoñeceu que haberá que negociar coa compañía a posible volta dalgúns empregados que foron desprazados tras o peche da central.

Pola súa banda, os sindicatos tamén preguntaron en que situación quedarían os proxectos presentados para optar a fondos europeos que se ían desenvolver nas instalacións que ocupa a actual planta enerxética. A este respecto, o Ministerio aseguroulles que non lles afectaría e que poderían seguir optando ás axudas ao tratarse esta de unha medida "extraordinaria" pola actual situación macroeconómica e social.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta