PP e BNG esixen o Goberno central "rectificar" e bonificar ao 100% os trens Avant en Galicia

Tanto os nacionalistas como os 'populares' apuntan a unha "dobre discriminación".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/07/2022 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

O PP e o BNG instaron o Goberno central a que "rectifique" a súa decisión de non bonificar ao 100% o servizo ferroviario Avant, que en Galicia conecta A Coruña, Santiago de Compostela e Ourense. Aseguran que se trata dunha "dobre discriminación" ao non contar Galicia con servizo de proximidade --si bonificado na súa totalidade--.

O BNG e a Plataforma de usuarios de trens Media Distancia e Avant reclaman na estación de ferrocarril da Coruña a bonificación ao 100% dos trens Avant. BNG
O BNG e a Plataforma de usuarios de trens Media Distancia e Avant reclaman na estación de ferrocarril da Coruña a bonificación ao 100% dos trens Avant. BNG | Fonte: Europa Press

Senadores do PP rexistraron unha iniciativa na Mesa da Cámara Alta para preguntar ao presidente do Executivo o motivo de tal "discriminación". Lembran ademais que os trens non bonificados son utilizados por "centos de traballadores que se desprazan a diario".

"Estamos ante unha nova e evidente discriminación que só profunda nas desigualdades en materia de mobilidade entre a Galicia atlántica e a interior. Os Avant non bonificados son os que pagan prezos máis altos e teñen menos abonos", sinalan.

Reclaman ademais que se volvan pór en marcha as frecuencias anteriores á pandemia, "que Renfe segue sen recuperar provocando unha falta de prazas no tren que impide cubrir a demanda das necesidades de mobilidade dos galegos".

Pola súa banda, na estación de ferrocarril da Coruña, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrou --como xa fixo no propio debate-- que "ningún galego se beneficiará das bonificacións porque en Galicia non existen as proximidades ferroviarias". Non entende por que "a estas alturas" Galicia é "practicamente a única autonomía do Estado que non ten este tipo de servizos en ningunha das áreas metropolitanas".

"A maiores sabemos que nin sequera os trens de media distancia Avant van estar bonificados. Estamos ante unha clara discriminación con Galicia. Non ten ningún sentido esta exclusión, máxime cando non existe o servizo de proximidade e cando o de media distancia está nunha situación precaria", insistiu.

Pola súa banda, a representante da plataforma de usuarios asegura que a bonificación total é unha "obriga" para que non haxa "ningún tipo de discriminación entre os usuarios dos dous eixos de Galicia".

"Tamén queremos a incorporación de novas frecuencias, a recuperación dos trens que había antes da Covid-19. Fiabilidade, puntualidade e maior flexibilidade nos abonos porque teñen caducidades moi curtas. Tamén prezos asumibles, non só este catro meses", solicitou Abad.

Incidiu ademais en que o ferrocarril é agora "un dos principios da sustentabilidade", algo "necesario" para o futuro, polo que desexan que máis persoas se incorporen ao uso do tren.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta