Aberto o prazo de suxestións ao proxecto de Lei para a Igualdade Efectiva entre Mulleres e Homes

Avanzan que a nova norma incluirá un Estatuto das mulleres rurais e do mar e fomentará o teletraballo, entre outras novidades.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2022 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia publicou este venres no portal de transparencia o proxecto de Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes, co que tanto a cidadanía como entidades e administracións poden realizar as súas suxestións ao texto.

Poderán facelo ata o próximo 12 de agosto mediante un formulario habilitado para iso. En paralelo, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade enviará o texto para que realicen as súas achegas a organizacións sindicais e empresariais, universidades, á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ás entidades máis representativas de colectivos profesionais como autónomos, mulleres do mar e do medio rural, entre outros.

Destacan que a norma busca "continuar situando a Galicia na vangarda da procura da igualdade laboral", para actualizar e unificar nunha mesma norma as actuacións e medidas para a loita contra a discriminación múltiple e os ataques sexistas ás mulleres, e referendar o compromiso coa formación profesional e o emprego feminino de calidade.

Para conseguilo, o texto incluirá un Estatuto das mulleres rurais e do mar, "co que se defenderá o compromiso de atender as súas necesidades nas políticas de emprego autonómicas e cunha relación propia de dereitos e de medidas para o fomento do seu asociacionismo".

Promoveranse tamén programas municipais para crear espazos urbanos libres de violencia e acoso sexual mediante camiños peonís seguros, sinalización clara ou paradas a demanda de transporte urbano.

FOMENTO DO TELETRABALLO

Outra das novidades da norma será a introdución da idea de benestar laboral nas empresas, que irá ligada a políticas de conciliación, substitución por maternidade, prevención de riscos laborais, teletraballo e responsabilidade social empresarial (RSE). Así, impulsarase o teletraballo e promocionaranse as boas prácticas no tecido produtivo galego como o dereito á desconexión, o acceso prioritario a esta modalidade de traballo a vítimas de violencia de xénero ou á realización de actividades de formación.

Nesta liña, aseguran que Galicia se converterá na primeira Comunidade autónoma en recoller nunha lei os requisitos mínimos de formación en igualdade laboral. Por último, seguirán fomentando o emprego feminino por conta allea, con axudas para mellorar a contratación e para a promoción profesional. Para as autónomas darase continuidade aos apoios para a contratación por maternidade ou durante o embarazo e promoverase a creación de empresas en sectores con infrarrepresentación feminina.

CONGRESO NACIONAL DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Por outra banda, a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) acollerá en setembro o I Congreso Nacional de Violencia de Xénero para as forzas e corpos de seguridade. No encontro, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), abordaranse todos os aspectos vinculados co trato coas vítimas "para mellorar os recursos destinados á atención inicial e á protección".

Trataranse as políticas de igualdade e de seguridade, a asistencia integral, a protección e o proceso xudicial para as vítimas, novidades xurídicas, e labor de investigación e comunicación. O congreso terá lugar de forma presencial os días 15 e 16 de setembro, de 10,00 a 19,00 horas, e contará con 400 prazas.

Hemiciclo galego
Hemiciclo galego | Fonte: Parlamento de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta