O Concello de Lugo segue defendendo a creación dunha praia no Miño

Afirma que os informes avalan que o caudal mínimo do río en xullo permitiría unha zona de baño.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 22/07/2022 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

O caudal do río Miño na segunda localización proposta polo Concello de Lugo para poder habilitar este verán unha zona de baño pública era o día 6 de xullo de 2,14 metros de máximo e de 1,65 metros de mínimo, o que faría viable a súa apertura mesmo tendo en conta as desviacións máximas esperadas neste período, de entre 3 e 4 centímetros.

Praia Fluvial da Antena, Ourense
Praia Fluvial da Antena, Ourense | Fonte: wikiloc

Estes son algúns dos datos oficiais achegados pola área de Medio Ambiente do consistorio no informe que presentaron ante a Confederación Hidrográfica para xustificar tecnicamente que o desprazamento da plataforma augas arriba é adecuado ás consideracións realizadas pola Xunta cando esta lle deu, en 2019, o seu beneplácito ao permiso para instalar as piscinas nesa contorna.

O tenente de Alcaldía e portavoz municipal, Miguel Fernández, explicou que estas cifras foron obtidas da Rede Integrada de Estacións de Aforamento, "dispoñible para calquera organismo ou particular, de maneira gratuíta", tomando como referencia a Estación foronómica 1622, que sería a que correspondería para o ámbito no que se expón a actuación.

Estas cifras difiren das consideracións da Dirección Xeral de Patrimonio Natural que afirma, entre outras cuestións, que "os estudos de profundidade non garantían que nunha seca grande as piscinas non cheguen a tocar o fondo". "Nin con 760 persoas de 80 quilos cada unha, xuntas sobre o pantalán, chegaría a darse esa posibilidade", dixo o concelleiro.

Fernández insistiu, ademais, noutra das suposicións nas que se baseou a Xunta para emitir o seu informe desfavorable á modificación do emprazamento da zona de baño: a existencia de caudais extraordinarios, algo que "que descartan os propios datos oficiais antes mencionados".

A área de Medio Ambiente do Concello de Lugo reafírmase, igualmente, en que na documentación gráfica entregada á Confederación a nova localización proposta ía perfectamente referenciada e nega "rotundamente" afirmacións de Patrimonio Natural respecto a que non se tiveron en conta as súas recomendacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta