GC Aberto

A dor do ucedo

Carta aos postos de mando da Xunta de Galicia, e non só os de agora, e tamén a vós todas e todos

Por admin | GCABERTO | 23/07/2022

Comparte esta noticia

Sinto dentro a dor do ucedo. Das fragas, carballeiras, devesas, dos soutos e penedos. De tódalas herbiñas, flores autóctonas, toxos e xestas. Dos ríos, regatos e fontiñas. Dos animais,

Unha persoa camiña por unha das zonas queimadas polo incendio de Folgoso do Courel, a 18 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo, Galicia (España). A superficie arrasada polos principais incendios rexistrados en Galicia xa supera as 9.000 hec. Carlos Castro - Europa Press
Unha persoa camiña por unha das zonas queimadas polo incendio de Folgoso do Courel, a 18 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo, Galicia (España). A superficie arrasada polos principais incendios rexistrados en Galicia xa supera as 9.000 hec. Carlos Castro - Europa Press

salvaxes e gando, fortes e infinitesimais. Da xente do lugar, gandeiros e gandeiras, labregos e labregas, xente do rural, os que quedaron e os que retornaron para manter a casa dos pais e avós. Dos visitantes, que non turistas, amantes do lugar, respectuosos del, profesionais comprometidos con a súa observación e a súa preservación, os que viven nel parte do ano por amor aos sitios, camiñantes que coñecen ben os carreiros e saben desenvolverse dun lugar a outro da serra que aman profundamente.

A dor deles todos.

A dor da vida, do amor á natureza. Unha dor aguda, punzante. Unha dor que fai apertar a mandíbula e chorar dun xeito desconsolador. Unha dor que quita as forzas, que impide.

Mais que vos estou a contar. Vós non entendedes moito disto. Abofé nin entendedes nada do

sentir, nin da vida, nin do lugar, nin da xente que dicides representar.

Galiza non ten cancro mais lle extirpan os pulmóns, previa quimioterapia agresiva e invasiva que arrasa con todo. Por enriba un tratamento que non viña motivado por outra cousa que a vosa incompetencia. Xa hai anos lle déixachedes chegar case a septicemia por esa bile negra que lle cubrían as costas. Xa daquelas ben podía morrer que non era cousa vosa. Xa daquelas ben podía morrer que os afectados eran poucos e non era para tanto.

Xa daquelas non había responsabilidade pola vosa parte e quen dirixía as operacións naquela crise – ou non as dirixía máis ben – chegou a dirixir a nación a que pertence ese país con a

mesma ausencia de tacto. Pasan os anos e volta a empezar. Non hai responsabilidade pola vosa parte e quen dirixiu as operacións nos moitos anos de preámbulo a esta crise pretende agora levar as rendas do Estado. Isto non pode ser unha boa idea.

Se cadra non hai responsabilidade pola vosa parte porque a responsabilidade non é unha verba no voso léxico pobre e embrutecedor, menos aínda un concepto e unha ética para vós. Que entendedes de responsabilidade e de ética? Velaquí unha boa pregunta.

Escríbovos isto hoxe porque, se ben non teña dereito a voto nas autonómicas por ser estranxeira, si teño voz. Teño voz, voz lexítima, non porque pague aquí impostos dun xeito eticamente transparente desde sempre se non, por enriba de todo, porque Galiza corre nas miñas venas, aínda que non saiba nin como nin por que nin de quen veño sendo. Dígoo sen soberbia e con humildade: quéroa, coñézoa e procuro enténdela. Podedes dicir o mesmo, señores “democraticamente lexitimados”? Emprego as comiñas – licenza miña – porque é algo que se supón. Perdoade o atrevemento. Unha non é electora mais si é cidadá deste país.

Vós non sodes lexítimos. Non sodes nin coidadores nin capitáns. Nin da terra, nin da lingua, nin da xente, nin do país, menos dos ecosistemas. Non sodes dignos. Non sodes humanos. Non sodes saúde nin vida. Vós sodes unicamente cancro, un conxunto de tumores malignos e de metástases. Galiza non ten cancro desde dentro: vós sodes o seu cancro.

Descoidades para atacardes tecido e órganos sans, se cadra os máis sans do país. Cal é o motivo? Descoidades para quitarlle tamén o seu sistema sanitario, os seus sanitarios, os azos e o pulo dos seus sanitarios. E así sucesivamente en outros eidos, como a política forestal, onde se supón que sodes competentes. De competentes, nada. Repito: cal é o motivo?

Déixachedes agonizar Courel, Valdeorras, Invernadeiro, e tantas outras paraxes desta vez e de todas aquelas – Ancares, Cerdedo, Ponteareas, e os máis pequenos Pindo, Galiñeiro, e un largo etc. – en todos aqueles e estes anos. Como noutros tempos empurráchedes xente ás cunetas. Sen escrúpulos, mais si con descaro e desvergoña. Repítoo: cal é o motivo?

Ogallá tantas bágoas tiñan a capacidade de apagar lumes coma eses.

Ogallá todas e todos nós espertásemos deste pesadelo.

Ogallá espertásemos con o corazón máis grande – e non encollido e doente como agora–, con ganas de traballar, de renacer e de reconstruír esa vida que tantos esforzos e cartos públicos empregades en destruír. Repítoo novamente: cal é o motivo?

E vós, xente do pobo, homes e mulleres, onde estades? Xa sei que é verán e que tedes ganas de brincadeiras. Que máis precisades? Cantos outros espolios e vandalismos sociais, sanitarios, económicos, ecolóxicos? Cantos outros contos que escoitar e outras desgrazas para que ollar? Cantas máis dores e bágoas?

Xente, temos bo corazón e bo talante e temos vontade. Somos sans. Non precisamos de ninguén deles. Non precisamos deles para espertármonos e coidármonos. Nin como individuos, nin como colectivo. Non precisamos deles para coidarmos do país, dos eidos, da xente, dos ecosistemas, dos ucedos. Non deste xeito. Que medios? Para quen?

Precisamos máis responsabilidade, tamén, da nosa parte. Non podemos seguir delegando. E non podemos seguir esquivando a incompetencia ríndonos dela con retranca, sesións vermú, mercadotecnia superficial e unha errática resignación a berros de “malo será”.

Din que o lume purifica. Será e volverán os verdes dos nosos montes e a cor do ucedo. Hoxe “Costa soster / repetir de cote / a teima de ser” en versos do poeta do Courel.

Precisamos forza e traballo en común. Precisamos rexenerar o país, a nosa pequena – e tan necesaria –contribución á rexeneración do planeta. Precisamos máis consciencia e máis presenza. Precisamos corazóns puros. O de Galiza aínda latexa.

Precisamos erguermos e actuar, aínda que con pequenas pegadas e dunha nunha. Non logo. Non mañá. Precisamos erguermos XA.

Béatrice Pépin, cidadá de a pe, traballadora autónoma con honra, residente en Vigo e

“familiar” do Courel

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta