Temas: BANCA RURAL

O 11,2% da poboación rural en España non ten servizo bancario presencial, fronte ao 0,2% en Galicia

Só Canarias ten mellores datos que Galicia.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/07/2022 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O 11,2% da poboación rural española, equivalente a 705.733 persoas, non ten acceso a ningún tipo de servizo bancario presencial e o 23,3% (1,467 millóns de persoas) reside en municipios sen oficina bancaria, segundo un informe do Banco de España publicado este xoves. En Galicia, a porcentaxe de cidadáns que carece de punto de acceso a servizos bancarios no seu concello redúcese ao 0,2% da poboación (6.396 habitantes).

Caixeiro de Abanca instalado en virtude do acordo coa Xunta para loitar contra a exclusión financeira no rural
Caixeiro de Abanca instalado en virtude do acordo coa Xunta para loitar contra a exclusión financeira no rural | Fonte: Abanca.

Por comunidades autónomas e extrapolando os datos á poboación total, o 17,8% dos cidadáns de Castela e León reside nun municipio que non conta con ningunha sucursal, seguida de Estremadura, co 7,5%; Navarra, co 7%; Cantabria, co 6,9%; A Rioxa, co 5%, e Aragón, co 4,8%, todas elas por encima da media nacional do 3,4%.

No extremo contrario do ranking, Galicia é a segunda comunidade con menor porcentaxe de municipios sen ningún tipo de acceso a servizos bancarios, só superada por Canarias.

A Xunta e Abanca subscribiron un acordo para dotar de servizos financeiros a aquelas localidades do rural galego que ata agora non dispuñan deles, mediante a instalación de caixeiros automáticos. Esta entidade financeira subliña que mantén a súa presenza en 141 concellos galegos onde é a única entidade e calcula que sen esa rede, o 59% dos municipios de Galicia non tería oficina.

En 2021, España situábase no terceiro lugar dentro da Unión Económica e Monetaria (UEM), con 1,41 puntos de acceso ao efectivo por cada mil habitantes, só por detrás de Portugal e Austria, aínda que en termos de puntos de acceso por cada núcleo poboacional, España situábase ao redor da media dos países da UEM, con 8,2 puntos de acceso ao efectivo por municipio, lixeiramente por baixo de países como Alemaña ou Italia, con 9,5 e 8,5, respectivamente.

Temas: BANCA RURAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta