A empresa actual seguirá cos comedores que dependen do Concello de Santiago ata outubro

Aumentan as críticas por parte das asociacións de pais e nais, e de todos os grupos da oposición.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/08/2022 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ratificou que a empresa que presta o servizo dos comedores escolares dos centros públicos que dependen do Concello continuará xestionándoos ata que se adxudique o novo concurso, o que previsiblemente sucederá en outubro --o prazo de presentación de ofertas conclúe a finais de agosto--.

Xosé Sánchez Bugallo
Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Concello de Santiago de Compostela.

Mentres aumentan as críticas por parte das asociacións de pais e nais, e de todos os grupos da oposición, o alcalde ratificou que haberá unha prórroga para que o servizo poida arrincar en setembro á espera de que se resolva o novo contrato. A convocatoria está a ultimala a concesionaria e Bugallo espera que estea lista de forma inminente.

En canto ao custo do servizo e se as familias terán que asumir un prezo maior, trasladou que aínda "non hai ningunha decisión tomada" de cara ao futuro e que, de momento, "o prezo que se mantén é o mesmo". "De ser necesario, faranse modificacións máis adiante", apostilou.

A oposición cargou contra a xestión que se fixo do proceso por parte do goberno local. Así, o líder local do PP, Borja Verea, sinala que é "inconcibible" que a estas alturas do verán os pais non poidan apuntar os nenos ao comedor. Ademais, trasladou que, se logra facerse co bastón de mando municipal, as Anpas terán un papel "clave" na xestión do servizo.

Á súa vez, a concelleira de Compostela Aberta María Rozas urxiu ao goberno local "explicacións inmediatas sobre a pésima xestión do servizo de comedores" e tachou de "auténtico despropósito" o ocorrido.

O BNG manifestou a súa intención de presentar alegacións ao contrato de comedores dependentes do Concello de Santiago e suxeriu que se o alcalde "non pode" con ese servizo, debe transferilo á Xunta.

Preguntado respecto diso, Bugallo replicou que sería "fantástico" que a Xunta se encargase, pero matizou "que non ten obriga de facelo". Ademais, o rexedor, que xa a finais da pasada semana puxo o foco nas Anpas, remarcou que eran quen tiñan a xestión ata 2014 e que ningunha agora manifestou "interese ou dispoñibilidade" por volver facerse cargo.

O rexedor tamén lembra que cando era xestionado pola Anpa, o Concello tiña a disposición dous tipos de axudas: unha bolsa para facerse cargo dos custos das familias "que non podían" e "unha axuda económica de subvención aos comedores".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta