Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2022 | Actualizada ás 10:49
Unha persoa tivo que ser excarcerada polos bombeiros despois de sufrir unha colisión frontal na estrada AC-552, ao seu paso pola parroquia da Revolta, no municipio coruñés de Carballo. Segundo trasladou o 112 Galicia, o sinistro produciuse sobre as 23,00 horas deste xoves.
A central de emerxencias relatou que unha das persoas implicadas no accidente puido saír do coche despois de que os bombeiros desbloqueasen a porta, mentres que a outra necesitou dunha intervención máis dilatada do equipo do parque comarcal de Carballo, que cortaron o turismo e botaron abaixo o cadro de mandos co fin de sacar a persoa, que se atopaba atrapada polas pernas.
En todo caso, segundo explicaron os medios desprazados ata o punto, a persoa presentaba algunhas lesións nas extremidades inferiores, "aínda que de escasa importancia". Ademais dos servizos sanitarios e dos Bombeiros de Carballo, ata o punto desprazáronse tamén axentes da Garda Civil de Tráfico e persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas para restablecer as condicións de seguridade na vía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.