Alerta da Xunta: a seca "é grave", "agravarase" máis e "aumentarán" os concellos con restricións de auga

Ethel Vázquez chama a "concienciarse" a gobernos locais, cidadáns e tamén ao sector industrial, e suxire "medidas de reutilización" de auga.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/08/2022 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, constatou que a situación provocada pola seca en Galicia é "grave" e augurou que, a pesar das choivas que poida haber, "agravarase" e previsiblemente "aumentarán" os concellos con restricións, polo que apelou a "concienciarse" e utilizar a auga para o "imprescindible".

Seca no encoro de Lindoso, na Baixa Limia, que deixa ver a aldea sumerxida de Aceredo
Seca no encoro de Lindoso, na Baixa Limia, que deixa ver a aldea sumerxida de Aceredo | Fonte: Gonzalo Blanco.

Nunha entrevista na Radio Galega, Vázquez remarcou que "queda moito" verán e a situación é "grave", cos encoros e os caudais circulantes dos ríos "máis baixos" desde que hai rexistros.

"Isto fai que teñamos que estar alerta e vixiantes", dixo, aínda que lembrou que, desde 2017, a Xunta incidiu na relevancia de actuar con responsabilidade e preparouse para a xestión de situacións similares.

Pero agora, engadiu, a situación agravouse e cada día máis concellos se ven abocados a tomar "medidas drásticas" como cortes da auga. Por iso, defendeu que, "máis que nunca", é preciso "facer un chamamento a evitar consumos innecesarios".

Tamén reprobou que aínda se vexan concellos nos que se fan "usos lúdicos" coa auga. "Non nolo podemos permitir", apostilou.

MEDIDAS DE REUTILIZACIÓN

A conselleira subliñou que os concellos son os que teñen as competencias e a decisión "última" de implantar medidas de aforro. E incidiu en que, "grazas ás axudas da Xunta", avanzouse na dotación de plans locais de emerxencia contra a seca.

"É unha ferramenta útil que permite estar moito máis preparados", defendeu, antes de constatar que "pouco máis de 100" concellos dos 313 que hai téñenos e de manifestar "sorpresa" polo feito de que haxa concellos "dun certo tamaño" que non dispoñan desta ferramenta.

No ámbito da responsabilidade municipal situou tamén a dirixente autonómica a necesidade de "evitar fugas" en redes municipais.

Pero ao tempo, puxo o foco tamén nos cidadáns e no sector industrial, un ámbito no que destacou a importancia de apostar "por medidas de reutilización".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta