Morre unha muller no PAC de Baltar porque "non había ambulancias para recollela"

A Xustiza investiga a morte desta paciente o seis de agosto no momento que se intensifican as protestas pola saturación desta área sanitaria. O PSdeG urxe medidas e pide a Rueda que dea "a cara"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2022 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución número 3 de Cambados investiga a morte dunha muller no punto de atención continuada (PAC) de Baltar, en Portonovo --no pontevedrés municipio de Sanxenxo--, por mor da denuncia presentada polo marido da falecida porque non foi posible o seu traslado en ambulancia.

O denunciante, un home de orixe estranxeira, formalizou a denuncia no cuartel da Garda Civil do Grove. Segundo a súa versión dos feitos, a muller empezou a atoparse mal sobre as 14,00 horas do 6 de agosto, empezou a vomitar e non era capaz de camiñar presentando insensibilidad nas pernas.

Sobre as 21,00 horas dese mesmo día, o seu marido contactou por teléfono co 061 para requirir asistencia sanitaria e desde o servizo de emerxencias respondéronlle que, nese momento, non estaba dispoñible ningunha ambulancia que puidese realizar o traslado. Así, recomendáronlle que o fixese el mesmo se a súa esposa non tiña febre. Finalmente, o marido trasladouna no seu vehículo particular á PAC de Baltar onde morreu mentres el estaba a aparcar.

Ambulancia do 061 / 061-GALICIA. / Europa Press
Ambulancia do 061 / 061-GALICIA. / Europa Press

SATURACIÓN

Esta situación prodúcese nun contexto de denuncias de problemas de atención no centro de saúde de Baltar por parte de entidades como Defensa da Sanidade Pública. Precisamente, o pasado mércores a Consellería de Sanidade informou dunha "reorganización" da atención no centro de saúde de Baltar para garantir a asistencia sanitaria á poboación de cara aos próximos días, ante a falta de persoal médico nas listas de contratación para cubrir baixas.

Na mesma liña, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo (SOS Sanxenxo) vén de convocar unha xuntanza o vindeiro luns, 22 de agosto, para "valorar a deriva que está a tomar este desmantelamento continuo da sanidade" e a "necesidade" de trasladar á rúa as demandas dunha atención de calidade. Dende a plataforma denuncian a "gravidade" desta denuncia e aseguran que o día do falecemento da muller, O Grove careceu de médico durante 24 horas, "de forma que todas as pacientes foron derivadas ao de Baltar".

"Preguntámonos se esta morte se tivera evitado de ter habido asistencia normal no Grove, pois é moi probable que esta persoa fora atendida, incluso no seu domicilio, e activado os protocolos correspondentes", recollen nun comunicado. "Cando dicimos que os recortes en sanidade matan, por desgraza, non estabamos esaxerando", sentenzan. Ante o que consideran un desleixo da administración fronte as "mermas" de persoal, a Plataforma anuncia que levará a cabo "distintas accións" ás que chama a cidadanía a unirse. 

SERGAS: "AUSENCIA DE CRITERIOS DE GRAVIDADE"

O Sergas, pola súa banda, defendeu este xoves a actuación en relación ao caso desta muller. Tal e como apunta, a alerta produciuse pasadas as 21,00 horas do pasado seis de agosto e, "tras a consulta, o médico do 061 determinou a ausencia de criterios de gravidade", polo que recomendou que a paciente fose trasladada "polos seus medios" á PAC de Baltar para ser recoñecida de forma presencial, e non nunha ambulancia, algo ao que accedeu a súa parella, afirman. "O persoal sanitario da Central de Coordinación realiza unha toma de decisións apoiada en protocolos e guías de actuación para a coordinación sanitaria", sinala o Sergas. 

PSDEG: "NEFASTA XESTIÓN POR PARTE DA XUNTA"

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, manifestou que esta denuncia constata a "nefasta xestión por parte da Xunta" no ámbito sanitario. A preguntas dos xornalistas, Formoso alertou do "problema enorme" na Atención Primaria. Por iso, instou a Xunta a tomar medidas e ao seu presidente, Alfonso Rueda, a dar "a cara" ante "un problema que afecta a todos os galegos en todas as áreas sanitarias".

Tamén reprochou á Xunta alentar "ocorrencias por parte do Concello de Sanxenxo como ofrecer pisos aos médicos"."Así non se arranxa un problema que é estrutural, de funcionamento do Sergas", recalcou o dirixente socialista, quen aludiu á "perda de 976 profesionais nos últimos oito anos".

"Xa está ben", dixo tamén despois de que, segundo a denuncia presentada polo marido da falecida, non fose posible o traslado da muller en ambulancia, uns feitos que agora investiga o Xulgado de Instrución número 3 de Cambados. Así, o secretario xeral do PSdeG incidiu en que é "imprescindible" aumentar os recursos económicos. "Hai 139 millóns de euros menos neste orzamento do que debería ter no ámbito da Sanidade", sinalou sobre os orzamentos autonómicos.

"Hai un problema de recursos, de lista de espera en especialización e en Atención Primaria, algo que non ocorreu na historia deste país". En particular sobre o caso de Sanxenxo, que cualificou de "grave", argumentou que o servizo de ambulancias debería ter "máis unidades". "E unidades de reserva", engadiu en referencia, en concreto, aos municipios que, como Sanxenxo, aumentan a súa poboación no verán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta