O fío condutor de Feijóo

Por Xesús Veiga | OPINIÓN | 22/08/2022

Comparte esta noticia
Segundo a practica totalidade dos inquéritos publicados (a maioría deles promovidos para alimentar un estado de opinión favorábel á inevitabilidade dunha derrota da actual maioría que sostén ao goberno de Sánchez), a chegada de Feijoo á dirección do PP explica, nunha boa medida, a expectativa de cambio que debuxan eses traballos demoscópicos. Xa que logo, o debate sobre a figura do ex-presidente da Xunta debería ocupar un lugar relevante nos meses que transcorran ate que se convoquen os novos comicios xerais. Nese contexto, resultará pertinente coñecer con precisión o seu labor na política galega dende que chegou á Consellería de Política Territorial no ano 2003 (substituíndo, por certo, a Xosé Cuiña), para relevar despois a Manuel Fraga na presidencia do PPdG no 2006 e, finalmente, acadar a máxima responsabilidade do goberno galego nas eleccións de 2009.
 
Unha das características que se atribúe a si mesmo Alberto Núñez é o de posuír un "sentido de Estado" que supostamente vai orientar a súa actuación como novo líder da oposición no ámbito estatal. Se repasamos os anos nos que se confrontou con Touriño e Quintana no pazo do Hórreo podemos atopar dous exemplos moi reveladores do seu comportamento en circunstancias singulares: os traballos de elaboración dunha reforma do Estatuto de Autonomía na correspondente Comisión parlamentaria e o posicionamento ante unha das crises incendiarias mais graves acontecidas no territorio galego (verán de 2006). Se, daquela, Feijoo desexaba demostrar que pensaba mais no benestar do País que nos particulares intereses do seu partido, os casos aludidos resultaban moi acaidos: foi a primeira vez que se discutíu un cambio estatutario dende 1980 e sabía perfectamente - como dirixente destacado do PP - que os incendios constituían unha traxedia estrutural que requiría un acordo transversal entre sectores sociais, Administracións públicas e formacións políticas. Na realidade, ocorreu todo o contrario: a reforma do Estatuto ficou paralizada porque era necesaria unha maioría parlamentaria reforzada e o sucesor de Fraga aceitou a negativa ditada por M. Rajoy dende a rúa Génova. E no caso da onda incendiaria, a estratexia aplicada estivo marcada por un cálculo nidiamente electoralista: a pasividade dos alcaldes do PPdG foi acompañada pola máxima belixerancia opositora no Parlamento e pola difusión da ridícula foto de "urbanita"simulando unha participación nos labores de extinción dos lumes.
 
A carencia dun novo Estatuto - e a consecuente perda de oportunidade para materializar un salto de calidade no autogoberno nacional galego - hai que anotalo no debe de Núñez Feijoo. Por iso, cando agora lle reclaman que cumpra coas previsións constitucionais e aceite negociar a renovación do CXPX e do TC, para que demostre con feitos concretos o pretendido talante construtivo que invocan habitualmente os seus apoloxetas, quen coñecemos os precedentes galegos non acreditamos nas esperanzas que exhiben algúns analistas da opinión publicada a nivel estatal. O que sucedeu no recente debate de política xeral celebrado no Congreso ilustra significativamente a lóxica que está manexando o actual presidente do PP: utilizar o aniversario da morte de Miguel Angel Blanco para colocar a ETA no centro da confrontación parlamentaria, captar apoios no electorado de Vox e agachar parcialmente a transcendencia das propostas económicas formuladas por Pedro Sánchez. A historia está aí, para ser lembrada na súa totalidade: en Xullo de 1997 foi asasinado M.A. Blanco e 18 meses despois (Decembro de 1998) Aznar enviou intermediarios para dialogar coa esquerda abertzale para avaliar as posibilidades dun acordo que posibilitase o cese da violencia. Ou sexa: o mesmo partido que agora demoniza os pactos con Bildu no Congreso - cando xa non existe ETA - non consideraba improcedente falar con interlocutores achegados a unha banda armada que viña de cometer un crime tan noxento como o sufrido polo concelleiro do PP en Ermua.
 
Hai un fío que conecta ao Feijoo que aspiraba a chegar a San Caetano na primeira década deste século co que agora desexa establecer a súa residencia na Moncloa: todo vale para desgastar aos que gobernan. O interes do seu partido - conquistar o poder canto antes - está por riba doutras consideracións, por moi extraordinarias que sexan as circunstancias que concorran nos respectivos períodos históricos.

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, intervén durante a súa visita a Porto do Son.. César Arxina - Europa Press
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, intervén durante a súa visita a Porto do Son.. César Arxina - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.