Divide

Unha das materias que cursei en quinto de carreira foi a que chamábamos, por abreviar, “Teoría do Valor”. Era unha materia só apta para aqueles interesados na economía como reflexión, pouco que ver con outras de maior contido práctico e que no que se refire a número de matriculados gañaban por goleada.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 23/08/2022

Comparte esta noticia
Hai uns días atopei o traballo de curso que presentara para aprobar: “A organización do traballo en Marx e no marxismo”. Mentres releía partes daqueles folios, lembrei as tardes dedicadas ao primeiro tomo do Capital e a bibliografía que utilizara: textos do economista e filósofo Andre Gorz e de Stephen Marglin, profesor en Harvard, autor do artigo, publicado en 1974 na The Review of Radical Policital Economics: “Orixens e funcións da parcelación de tarefas. Para que serven os patróns?”, e o libro “Traballo segmentando, traballadores divididos” dos profesores estadounidenses David Gordon, Richard Edwards e Michael Reich.
Sen estenderme moita naquel traballo de curso, no que recollía o leído ao longo de varias semanas, a idea principal era que a división do traballo non só tiña a súa orixe nas necesidades dos procesos tecnolóxicos de produción senón que respondía a un interese en crear divisións entre a clase obreira co fin de evitar que se conformara esa conciencia de clase necesaria para enfrontar de forma decidida, e con posibilidades de éxito, o proceso de expropiación do valor por parte dos posuidores do capital. O título do libro de Gordon: traballo segmentando, traballadores divididos, era unha descrición magnífica do medio e do resultado: o capitalismo, no seu proceso de mantemento da dominación crea clases e subclases entre os explotados: traballo administrativo contra traballo manual; capataces, oficiais, mandos intermedios, traballadores técnicos, traballos feminizados; traballo deslocalizado, ... con distintos sistemas de remuneración, con distintos sistemas de premios e distintos sistemas de control.
 
O sistema de división funciona hoxe como funcionou ao longo da historia, nos primeiros tempos do capitalismo como nos seguintes, e tamén antes.
 
Os romanos fixeran famosa a frase “Divide et impera”,  e con ela como guía conquistaran e mantiveran baixo o seu dominio boa parte da actual Europa, o norte de África e o Oriente Próximo. O dominio inglés do subcontinente indio sustentouse, en boa medida, nesa mesma premisa: uns poucos milleiros de ingleses foron quen de dominar bastos territorios utilizando no seu favor as divisións entre etnias, relixións, culturas... A cobiza duns contra a cobiza doutros.
 
A división entre os oprimidos: a mellor arma en mans dos poderosos. Pobres contra pobres, excluídos contra excluídos, explotados contra explotados... Séculos e séculos perfeccionando o método ata convertelo nun verdadeiro arte, ata o punto de facer que o oprimido só vexa no outro oprimido o seu único inimigo, a fonte do seu malestar. O poder, os poderosos, entre bambolinas, aplaudindo a rabiar.
 
O dano que fai a división aos movementos progresistas é obvio, pero unha e outra vez, os que se reclaman de esquerdas son incapaces de recoñecer a trampa e ven a quen teñen próximo como o seu inimigo, antepoñendo as diferenzas sobre o que une. Uns e outros cheos de razón, facéndose anacos. 
 
Aínda que calquera lector ou lectora de seguro poderá, da súa experiencia e coñecemento persoal, poñer uns cantos exemplos voume permitir eu mesmo poñer algún a xeito de ilustración.
 
Un dos meus preferidos, a escala local, é o acontecido en Lugo nas últimas eleccións municipais de 2019. Ademais do PSOE e do BNG, a esquerda presentou tres listas: Lugonovo, que tivera 3 concelleiros en 2015; unha lista, ACE, promovida polo líder local de Esquerda Unida, que tivera 1 concelleiro e Podemos. Entre as tres listas obtiveron o 9,99% dos sufraxios, e ningún concelleiro. Ningunha obtivo o mínimo do 5%. Pouco faltou para que a dereita recuperara o concello. Non teño ningunha dúbida que neste caso, como aconteceu coas listas presentadas por Podemos en Ourense e en Pontevedra, rompendo coas anteriores candidaturas “unitarias”, os egos persoais estiveron por riba da análise da situación política, por moito que o discurso público fora outro. O premio obtido foi a irrelevancia.
 
Pouco, ou moito, se pode dicir, do devir de En Marea. Pasar de 14 a 0 nunha lexislatura é un mérito que só foi capaz de superar Cidadáns noutras comunidades, aínda que por razóns un tanto diferentes. No caso de En Marea, do que chama a atención a pouca reflexión sobre o ocorrido, supoño que pola vergonza que dá, a división promovida polas distintas tendencias que compoñían o movemento, nomeadamente o “podemismo” en todas as súas versións, fixo imposible unha acción política que merecera tal nome. O que fora escollido como candidato a presidente da Xunta de Galicia atopouse, apenas pechadas as urnas, aínda quentes as papeletas, rodeado de “Brutos”. Non é doado que unha opción política sobreviva cando todas a cada unha das familias que a conforman quere arrogarse a posesión da verdade absoluta; o erro sempre é dos outros, é a premisa de partida, sen a menor dúbida. Unha vez mais a cobiza.
 
A esquerda abraza a división con vehemencia. Forma parte da súa historia negra. Si xa en distintos momentos históricos a esquerda ten dado mostras da súa incapacidade para atopar o que a une, desfrutando e magnificando o que separa, aínda que sexan minucias na actualidade ás divisións provocadas polas prácticas fundamentalistas tan comúns entre as diferentes faccións políticas únese a ledicia coa que a esquerda abraza a causa das mil e unha identidades: todas e cada unha delas chea de razón, sempre absoluta. Sempre hai unha boa razón para antepoñer os intereses propios aos de outros. Hoxe a esquerda promove mil e unha reivindicación sen preocuparse de buscar o fío condutor, sen preocuparse da coherencia, sen preocuparse por amasar a argamasa que una todas esas reivindicacións e dea forma a unha alternativa crible para a cidadanía.  Cada un feliz no seu chiringuito, nas súas cousas.
 
Hoxe, como onte, como tantas veces, a división da esquerda é a mellor arma coa que conta a dereita conservadora. Un arma que a propia esquerda ofrece en bandexa aos seus adversarios.

Pablo Iglesias e Antón Gómez-Reino nun mitin
Pablo Iglesias e Antón Gómez-Reino nun mitin | Fonte: Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.