O 85% da mocidade considera que o cambio climático afecta a súa vida diaria e saúde

A maioría da xente nova toma medidas para reducir o seu impacto ambiental, segundo a enquisa realizada polo proxecto europeo People & Planet onde participaron, por parte do Estado, un bo número de persoas galegas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2022 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

Tres de cada catro mozas e mozos europeos consideran que o cambio climático afecta a súa vida diaria e a súa saúde, segundo se desprende da sondaxe realizada no marco da iniciativa People & Planet. A porcentaxe elévase ata o 85% en España, onde a grande maioría das persoas enquisadas eran galegas, ao ser o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o único socio do proxecto en todo o Estado.

Acción polo clima en Santiago de Compostela
Acción polo clima en Santiago de Compostela

A mocidade estima que os problemas ambientais con maior impacto na súa vida persoal son os incendios forestais (74%), a contaminación do aire (63%) e a seca (58%), mentres que o desxeo dos glaciares ou a subida do nivel do mar aprécianse como menos prexudiciais. Os lumes e a falta de auga son percibidos tamén como as cuestións medioambientais que máis afectan ao Estado en xeral, xunto coa perda de biodiversidade. O 93% da xente nova é consciente, ademais, de que a emerxencia climática ten a súa orixe na actividade humana. "Gustaríame atopar o xeito de unir á xente na procura do ben común, aínda que ás veces sexa difícil. Se é o correcto, hai que facelo", sostiña unha das respostas recibidas.

No referente ás accións individuais para favorecer a sustentabilidade, en boa medida fan referencia ao aforro de auga, xa que o 83% da mocidade pecha a billa mentres lava os dentes e o 78% opta por ducharse no canto de tomar un baño. Ademais, o 61% sempre recicla e o 32% ás veces. No outro extremo atopamos que só o 8% participa habitualmente en campañas ambientais ou que un 11% merca produtos de comercio xusto. “Se só existe a opción de consumir produtos envoltos nun plástico que precisou litros de auga para ser producido, cómpre preguntarse a quen beneficia iso. A culpa non é só do cidadán de a pé que non recicla ese plástico”, consideraba outra das persoas enquisadas.

Con todo, no Estado son significativos os niveis de participación en accións públicas vinculadas ao tema do clima, especialmente a través de publicacións nas redes sociais (59%), votando nas eleccións (56%) e participando en folgas ou manifestacións (56%). Chama asemade a atención que case as tres cuartas partes das persoas enquisadas adoiten debater coa familia e amizades sobre o quecemento global, a escaseza de auga potable ou a auga como Dereito Humano. Discútese menos sobre o emprego deste recurso na agricultura e sobre a pegada da “auga invisible”, aquela que se consome na produción das roupas, alimentos ou dispositivos.

O cuestionario preguntaba tamén sobre os temas que espertan máis consenso entre a xente nova á hora de unirse a campañas de incidencia política, nos que o cambio climático se sitúa á cabeza (74%), seguido pola discriminación de calquera tipo (72%), o acceso á educación (71%) e aos servizos de saúde e benestar (64%). Neste senso, apréciase unha ligazón entre o compromiso social e medioambiental. "As accións que realizo na casa non teñen o mesmo impacto que as que pode desenvolver un goberno, pero eu podo entender cales son as consecuencias das miñas decisións como consumidora, do que como, do que merco e como reducilo ou compensalo”, engadía unha das participantes.

O estudo revela, por outra banda, que o 60% das persoas que contestaron coñecen políticas ou iniciativas globais para mitigar o cambio climático, mentres que a porcentaxe cae ata o 43% no caso de políticas estatais. Tamén consideran que os organismos internacionais e as asociacións ecoloxistas son as mellor preparadas para afrontar esta tarefa. Do mesmo xeito, perciben que a educación (67%) e a mellor vía para implicar a mocidade nesta loita. En canto ao que poden facer os gobernos locais para impulsar as iniciativas da xente nova a prol da sustentabilidade, un 75% aposta polo apoio económico e un 59% reclama tamén instalacións para os seus encontros e actividades. "Cada concello podería organizar reunións mensuais coas asociacións xuvenís para debater sobre os principais problemas na zona e atopar solucións compartidas", salientan algúns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta