As mulleres do Dragon Boat de Pontevedra: sobrelevar o cancro de mama a golpe de medallas

Esta fin de semana representarán España no Campionato de Europa BCS (Breast Cancer Survivors) que acollerá a localidade catalana de Banyols.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2022 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

Unha medalla de bronce na Copa de España e outra de prata en Asturias, as mulleres do Dragon Boat, unha modalidade singular do piragüísmo, representarán España esta próxima fin de semana no Campionato de Europa BCS (Breast Cancer Survivors) que acollerá a localidade catalana de Banyols.

Mulleres do Dragon Boat pontevedrés
Mulleres do Dragon Boat pontevedrés | Fonte: PSOE Pontevedra

Cinco das compoñentes da embarcación conformada pola Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama (Adicam), en colaboración coa Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra,  competirán xunto con outras compañeiras de Valencia e Madrid contra botes de países como Hungría ou Suecia, segundo explican, "sen marcarse obxectivos, pero soñando con manter a progresión de metais e, por que non, acadar o ouro".

Na mañá deste xoves, as deportistas participaron nunha recepción do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, onde estiveron tamén acompañadas pola presidenta de Adicam, Olga Sotelo, e a traballadora social do colectivo, María Martínez. Ademais de darlles os parabéns ás compañeiras que representarán Pontevedra e España no Campionato de Europa, o edil socialista felicitounas "pola súa forza e ilusión e polo que representan e son espello para o resto da poboación da nosa cidade e de todo o Estado".

Unha das compoñentes do equipo de Dragon Boat BCS, Isabel Lema, asegurou que esta escadra se converteu "nunha verdadeira familia" e animou a aquelas que non probaran esta modalidade "a que veñan e comproben con nós a mellora psicolóxica e física para a linfe e a mente de todas as persoas que están pasando ou pasaron o cancro de mama".  Tal e como sinalou, "non podemos estar máis orgullosas co resultado das competicións, xa que estamos nunha mellora constante".

"SON OUTRA PERSOA"

Os efectos do Dragon Boat sobre o estado de saúde física e mental destas mulleres son "rotundos". Isabel Lema afirmou que cando entrou "non podía nin camiñar e estaba psicoloxicamente nun pozo, e agora son outra persoa, síntome con gañas de vivir e de saír e non teño palabras de agradecemento tanto para o club como para Adicam". "Foi o mellor psicólogo que puiden ter para mellorar, e por iso animo a todas aquelas que teñan medo a probar", apuntou.

Para a súa compañeira, Isabel Millán, este equipo de Dragon Boat supón "un xeito de amosar que o deporte é positivo para calquera tipo de cancro, activando endorfinas, permitindo coñecer xente e saíndo, xa que esta enfermidade ten unha parte moi psicolóxica". Na súa opinión, elas son "a viva imaxe de que non hai que quedar na casa, de que o cancro non é o final e de que hai moitísimas cousa que facer, aínda que esteas con tratamento de quimio, pastilla ou radio".

Segundo explicou Raquel Juncal, o Dragon Boat español (composto por cinco mulleres de Pontevedra, tres de Valencia e dúas de Madrid) competirá con outras cinco embarcacións de BCS e participará o sábado, 3 de setembro, en tres saídas de 200 metros e o domingo noutras tres de 500 metros, entre as 14:00 e as 17:00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta