Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/09/2014 | Actualizada ás 11:00
A arqueoloxía é unha das profesións máis tocadas pola crise. Desde que comezou, o 66% dos arqueólogos do Estado perderon o seu emprego. O seu número pasou de 2.358 a 796 entre 2009 e 2013, cando en Estados do norte da UE, como os Países Baixos, incrementáronse nun 43%, de 761 a 1.335.
Estes son datos do proxecto "Descubrindo os arqueólogos de Europa" (DISCO) no que, con financiamento comunitario, participaron investigadores de 23 entidades pertencentes a 21 países de Europa, para coñecer a situación da arqueoloxía como profesión no continente europeo.
As conclusións deste traballo foron expostas en Santiago de Compostela polo seu coordinador, Kenneth Aitchison, nunha comparecencia na que o director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), do CESIXC, Felipe Criado, dixo que se trataba de determinar cantos arqueólogos hai en Europa, onde están, cales son as súas condicións laborais, canto se gasta en arqueoloxía e como afectou a crise. "Os datos son horribles", dixo o profesor galego.
Rocío Varela, do Incipit, suliñou que entre 2009 e 2013 desapareceran o 42% das empresas de arqueoloxía no Estado, ao pasar de 273 a 158, e perdeuse un 66 % dos empregos, de 2.358 a 796.
A maior parte das sociedades, un 76 %, son de menos de 10 traballadores, unha 56 % factura menos de 200.000 euros ao ano e só un 14 % ten actividade internacional.
En canto ao xénero, o 56,8 % son homes e o 56,5 % sitúase na franxa de 30 a 39 anos, aínda que os menores de 30 anos son maioritariamente mulleres. O 56 % ten contratos temporais e o 39 % das empresas informou de que lles paga menos de 15.000 euros ao ano.
O arqueólogo europeo
Aitchison explicou que nos 21 países que participaron traballan unhas 25.000 persoas vinculadas á arqueoloxía, de maneira que se se proxecta á totalidade dos países, serían entre 32.000 e 33.000 os profesionais no conxunto do continente.
O coordinador do proxecto DISCO resaltou que se trata de persoas cun alto nivel de formación e salarios inferiores á media dos empregados co seu mesmo nivel, e subliñou o "gran efecto" que produciu a crise na actividade, de maneira que en Irlanda perdéronse o 75 % dos empregos e no Reino Unido, un terzo.
O especialista vinculou estes datos coa estreita relación que esta actividade ten coa construción e a arquitectura e os efectos que a crise supuxo sobre eles. Kenneth Aitchison dixo que o retrato robot do arqueólogo en Europa sepárase do cliché de Indiana Jones, de maneira que se trataría dunha muller ao redor dos 30 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.