A oposición ve "caducado" o plan estratéxico da Xunta pola crise de prezos

O PP rexeita que a inflación "faga obsoleto" o documento; ábrese un prazo de transacción e este mércores haberá un novo debate e votación

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2022 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

BNG e PSdeG esixiron á Xunta que adapte o plan estratéxico de Galicia para o período 2022-2030, no debate sobre este documento no pleno do Parlamento. Con anterioridade, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, mostrou a vontade de consenso do Goberno galego: "Non é só unha intención, é unha convicción", aseverou.

O Bloque, que presentou 36 propostas de resolución, avanzou o seu voto en contra dun plan que ve "cos pés de barro" ao entender que "non fai un diagnóstico realista". O PSdeG expón 182 propostas e o PP, tres. Agora ábrese un prazo ata as 18,30 horas deste martes para transaccións, e o mércores a Cámara acollerá un novo debate e a votación do plan estratéxico.

Os populares, que rexeitaron que a inflación faga "obsoleto" un documento que ve "instrumento de futuro adecuado", expoñen 41 transaccións aos nacionalistas sobre 25 das súas 36 propostas, e aos socialistas acéptanlles seis "directamente" e ofrecen 89 transaccións correspondentes a 122 propostas.

Respecto diso, o seu portavoz, Pedro Puy, lamentou que o BNG "fai unha oposición frontal" polo que "parece que vai ser pouco frutífero" o debate. "Esperemos que co Partido Socialista sexa un pouco máis amplo", sinalou.

O DISCURSO DO CONSELLEIRO

No seu discurso, o conselleiro reivindicou que o plan estratéxico é un documento "que aspira a ser a folla de ruta" do Executivo autonómico pero "non é un texto de Goberno", xa que recibiu "as achegas da sociedade civil" e agora "ten que ser ampliado polas dos diferentes grupos".

Por iso trasladou a "máxima disposición do Goberno por achegar posturas e enriquecer" o texto. En todo caso, avisou de que as propostas "deberían cumprir unha serie de requisitos": que teñan "encaixe na lóxica de planificación estratéxica que presenta o plan" e que supoñan facer "un esforzo en estimar as propostas de transacción" do grupo maioritario. Pola súa banda, remarcou que trazar unha estratexia é "fundamental, máis se cabe no actual momento de incertezas e difícil conxuntura" económica.

Para o período 2022-2030, fixou, de feito, os "retos" da pospandemia, a alza xeral de prezos e a crise enerxética. "Temos que prepararnos e buscamos superar o impacto e conseguir unha recuperación sustentable e inclusiva", destacou. Entre outras cuestións, tamén se referiu ao reto demográfico e á consecución dunha "sociedade innovadora, dixital, moderna pero tamén solidaria e cohesionada".

O plan contempla cinco eixos: o do ámbito demográfico, un baixo o título 'Galicia verde sustentable', outro sobre competitividade e crecemento, o penúltimo acerca de cohesión social e territorial e un último de gobernación.

ADAPTAR O PLAN

Na súa quenda, a deputada do PSdeG Begoña González Rumbo lamentou que a Xunta "puido dedicar estes sete meses a adaptar o plan estratéxico á realidade que se está vivindo", tendo en conta que a situación económica é "moi diferente" da que había cando se elaborou. É por iso que o ve "caducado, reseso" e falto de "vixencia".

Mentres, o parlamentario do BNG Daniel Pérez incidiu en que este plan "non é oportuno desde un punto de vista político e constitúe un engano" para a poboación, en opinión do seu grupo. "Retíreno, aínda están a tempo", pediu. E é que o nacionalista reprochou á Xunta "non facer unha lectura realista", o que ao seu xuízo converte o plan en "papel mollado".

A guerra de Ucraína, os prezos enerxéticos e a inflación "condicionan de forma determinante" o panorama económico e non corrixilo "mostra a arrogancia e a irresponsabilidade coa que se move" o Goberno galego, dixo. "Non vaia ser que a realidade lles chafe a idea de que en Galicia vai todo xenial", apostilou.

"OS PÉS NO CHAN"

Fronte a isto, na súa intervención, o popular Pedro Puy defendeu que o plan "ten os pés no chan e a cabeza nos temas" que afectan a poboación galega, e tramítase polo sistema "máis participativo" no Parlamento. "Tiveron tempo para presentar propostas", engadiu, antes de reprobar aos socialistas que nas 182 que expoñen "só" fan referencia á crise de prezos "nunha". "Por tanto, facer estas descualificacións de que quedou obsoleto...", resolveu.

Parlamento galego
Parlamento galego | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta