Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Galiza | 24/09/2014
Qual foi a origem do projecto Maria Fumaça?
Maria fumaça naceu un nadal de hai 7 anos cando Uxía, que é a madriña de Ruí e miña irmán, decide agasallar a Ruí cun disco de música infantil gravado na nosa casa. Nese nadal estaban por aquí Sérgio Tannus e Lilian França, brasileiros que Uxía convidou para pasar a Noiteboa na casa dos nosos pais. Pasaron e pasamos a noite cantando cancións belísimas. O día 25 de Nadal celebramos o meu aniversario na nosa casa e seguimos cantando e foi cando argallou con Isaac vir grabar para o día seguinte á nosa casa. De un día para outro se decide e nunha tarde queda feito o primeiro Maria Fumaça coa participación familiar e con Blanqui e Tatán. Lilian França e sérgio Tannus viñan de traballar no Brasil con crianças e sabían cancións deliciosas, algunhas propias como Alegría de Sérgio Tannus. Uxía ademáis de ser quen de poñer en marcha todo, ten unha ampla experiencia en traballos en equipo para resolver en tempo record situcións deste calibre e Tannus é un virtuoso das cordas e un infatigable arranxista express.
É maravilhoso ver como desde a situaçom familiar com Rui puidestes construir uma familia de som. Cómo ves a Ruí nesta integraçom de arte-saude?
Ruí comezou sendo un espectador ao que lle gusta a festa na casa, persoas cantando e tocando ao seu arredor. E pouco a pouco foi amosando un xeito de emitir, co seu canto, as emocións. Levamos 7 anos gravando na casa cada nadal e xa pasou por diferentes etapas. As primeiras participaba e cantaba cando lle viña en gana, a maior parte das ocasións fora de micrófono e interviña cando tiña necesidade de cantar ata que empezamos a facelo partícipe coa súa propia canción e cada ano nos obsequia cunha bonita interpretación. Nótase moitísimo como vai evoluindo a súa actitude nas gravacións, ao principio era un "vale todo", pero ano a ano vai mudando o seu comportamento, está máis alerta a todo o que ocorre e sabe que hai momentos que son para escoitar, fai un análise de entradas e saídas, é moi feliz nalgúns momentos e hai outros nos que tamén se aburre ou inclusive lle chegan a molestar algún que outro instrumento. Os de vento metal non os leva moi aló. As xornadas de gravación son moi intensas e as últimas foron de dous días e necesita e require entrar e sair para soportar a maratón. Chegamos a ser moitas e moitos na casa entrando e saíndo e cada ver máis demanda estar rodeado de nenas e nenos,coas seus primos e primas e tamén de amigas e amigos grandes e que lle fagan confidencias. Eses días non é tan protagosnista pero todo xira en torno a Ruí, él é consciente diso.
E os nenos-as que recebem a vossa música com ele?
O que nos alimenta xunto con Ruí é a gran acollida dende que saiu o primeiro libro cd. Penso que ten moito que ver o proxecto en si, a boa enerxía das gravacións ao tocar xuntos nun ambiente o máis relaxado posible dentro do que é unha gravación. Pensamos que se transmite ese ambiente nas músicas. As preferencias van por idades, é curioso como case coinciden nos gustos por idades.
É moi divertido sair con Ruí e que o recoñezan e veñan saúdalo nen@s intrépidos ou escoitar como dín ese é Ruí de Maria Fumaça. O que máis lles sorprende é escoitar a Ruí cantando, non estamos afeitos a diferencia e con isto as nenas e nenos van integrando outro xeito de expresar e cantar.
Tu que conheces terapias, métodos arredor da PC qué pensas que aporta a música na vida do Rui e no vosso trio?
A toda crianza lle gusta ter voces de referencia, as máis cercanas, que lle canten, a quen non? As nais facémolo para calmar, para que nos recoñeza, cantamos con alegría, tamén con pena e con todos esos rexistros que eles tan ben recoñecen, é un xeito de comunicar emocións. Ésta é a relación primaria que existe coa música e en Ruí producía un efecto estimulante, nunca para dormir.
Eu aprendín un repertorio grande de músicas para cantar mentres facía con él traballos de estimulación e había unha parte na que precisaba que estivese relaxado e o xeito de facelo era cantando as cancións que máis lle gustaban, él ía escollendo e si non era do seu agrado facianolo saber.
Cando era máis cativo manteabamolo ao son de músicas escollidas, polo chan, enriba dunha pelota, en cadeiras con rodas, etc. Traballamos con clásicos moi variados, sobre todo Mozart. Tiñamos pezas escollidas para distintos momentos do día, para xogar, para relaxar, etc. A música é unha parte fundamental para a estimulación auditiva e sensorial e se traballa de maneiras diversas.
Qual pensas que é a melhor aportaçom da comunidade diante duma situaçom como a que tu, ou eu vivimos?
A mellor aportación é a curiosidade de moitas e moitos por saber e aprender desta situación e sobrecolle a boa disposición de persoas para ofrecer axuda incondicional. Ademáis da familia e das amizades que xa tiñamos van aparecendo novas que aportan moito cariño e dispoñibilidade.
Qual é o teu travalho musical em Maria Fumaça desde o detalhe até o final que mais se vê: cenário e livro-disco.
O meu traballo musical en Maria Fumaça xunto con Ana, Uxía e Raquel é aportar cancións tanto de autoría como aquelas que nos gustan. Idear que tipo de videoclips queremos e xunto con Manuel diversificalos en distisntas propostas, coordinar e revisar. Axudar a Uxía nas xuntanzas coa editorial Galaxia... Poñer a casa a disposición da familia para grabar, comer, disfrutar e o que sexa preciso en cada momento... Estar atenta a Ruí, das súas necesidades tanto na grabación coma nos directos... Coordinar coas familias das nenas e os nenos... Sempre contando coa gran axuda de Rosa, Uxía, Ana, Andrés e Manuel.
E Rui? Qual crês que é o seu sentir no palco, quando tem concertos ...?
Ao principio estaba un pouco descolocado e extraño pero agora é consciente que ten moito que aportar e que é protagonista nas actuacións. Gústalle estar ben acompañado e non tanto con nós como pais senón rodeado de amig@s e curmáns querid@s. É como un xogo o escenario e tamén pasa por momentos de nervios antes.
A parte dos ensaios que tendes em casa, das grabaçons e momentos de bolos qué relaçom tendes cotidianamente com a música em casa?
Non hai unha relacción moi especial no día a día dende que vai á escola. Non é diariamente falando, rica pero si hai moitos momentos. Non está establecido como rutina e explico isto decindo que Ruí moitas veces non pode escoitar música e facer outras actividades ao mesmo tempo por que se lle escapa a atención e precisamos que se concentre no que fai. Hai uns anos intentaba que durmira cantando ou cunha música relaxada e facía o efecto contrario, permanecía moi atento. Cando intentaba que se arrastrara e poñía música paraba e non se movía ata que se acababa, quedaba inmóvil.
Dende que vai á escola ten que facer actividades varias moi importantes tamén como o é a música. Non é diariamente pero tamén lle gusta experimentar co teclado e cunha cortina musical. Él vai sacando sons. Gústalle xogar a formar orquestras e tocar entre nenas e nenos. Facemos cancións, él decide o que lle gusta do que non e si está dacordo. Cantamos cancións onde deixamos o espazo para que él continúe e así o fai si sabe a letra e si non a sabe non a canta ata que a aprende.
Él vive nun entorno musical onde se toca, baila, participa de saraos musicais familiares e de amigas e amigos, no que se sinte feliz se hai boa predisposición. Non é algo premeditado pero xurde.
Como vos cambiou a vida Maria Fumaça desde o início até agora?
A vida con Maria fumaça cambiou un pouco a vida para ben e xeral. A acollida é moi boa, mellor do que esperabamos dende que faciamos copias para amistades e familia ata a decisión de facelo público coa editoarial Galaxia e fixemos máis visible a diferencia e aporta moita alegría para todas e todos en xeral e hai unha minoria que o aprecia especialmente e iso nos conmove moitísimo. Foi i é un reto grande sair a un escenario con Ruí e facer visible a diversidade. Saber que cando o escoitan nas casas e reparan en Ruí entre cero meses ata case os tres anos ten un efecto moi chocante cantar nunha linguaxe diferente.
Dentro do caminho da integraçom consideras que existem ainda muitos muros, dificultades e cegueiras arredor destas nossas familias? Cais som as maiores dificuldades e também as maiores virtudes quando se vive com a PC?
Aínda que cada vez somos máis visibles na sociedade existen moitos muros educativos e sociais, no día a día hai moitos atrancos. Non hai lugares adaptados nin de ocio, hai unha grandísima falta de formación profesional e social. A maioría non respeta os nosos dereitos como cidadáns. Dende o entorno educativo ata os accesos a lugares públicos e socialmente non están educados na diversiade.
O mellor a gran aprendizaxe que temos que realizar como pais e como persoas, os cambios dos nosos valores vitais. Distinguir o importante do superfluo. Aprender a valorar cada momento, cada pequeno avance, un sorriso, unha mirada, celebrar cada momento que nosa dan para poder así afrontar os momentos máis grises. Aprender a ser outras persoas e intentar ser parte deste mundo con ambicións moi diferentes e facer camiño.
Ugia Pedreira - Cobrantas
Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade.
Máis artigos de Ugia Pedreira aquí.