Crise en Galicia: o sector agrogandeiro afoga entre facturas disparadas e prezos "inxustos"

Mentres todos os custos de produción se multiplican, os prezos que perciben gandeiras e agricultores en orixe apenas soben, unha situación que avoca moitas delas ao peche.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O sector agrogandeiro galego atravesa, de novo, unha tormenta perfecta. Hoxe en día, alimentar o gando custa o dobre do que o facía hai dous anos, e cultivar o campo tamén sae máis caro pola escalada nos prezos de sementes e fertilizantes. A gran cantidade de electricidade que consome o campo vale agora un 270% máis cara, e o combustible, base dos procesos de produción do cereal e do transporte, multiplica prezos ata custar un 142% máis en pouco tempo. A suba de custes afecta todos os elos da cadea e, sumada á situación de seca e á menor produción propia de alimento para o gando, coloca contra as cordas a viabilidade de boa parte dos proxectos agrogandeiros. 

Un gandeiro traballa na leira onde pastan as súas vacas do barrio da Tolda, en Lugo. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un gandeiro traballa na leira onde pastan as súas vacas do barrio da Tolda, en Lugo. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

E é que mentres todos os custos de produción se multiplican, os prezos que perciben gandeiras e agricultores en orixe apenas soben. As persoas consumidoras atopan cada vez máis caras as verduras, a froita, o leite ou a carne no supermercado, pero eses incrementos non chegan ás mans de quen produce os alimentos. Esta fenda alcanza valores "inaceptables", sinala a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, cos datos na man: a diferenza entre o que cobra unha produtora e o que paga un consumidor chega nalgúns produtos ata o 800% (segundo o observatorio da organización agraria Coag).

"ESPECULACIÓN" E LEI DA CADEA

"Eliminar intermediarios e especuladores" é a receita que expoñen dende o sindicato para garantir alimentos asequibles para a poboación e a prezos xustos. "No mercado de materias primas operan fondos de investimento que no caso do cereal son moi claros. Ten que estar totalmente prohibida a especulación nos alimentos", sentenza Vilalba. Porque na outra cara da moeda proliferan os agricultores e gandeiros "condenados a pechar". A venda a perdas é "xeneralizada", e en concreto o sector do vacún de carne recibe un euro menos por quilo de carne do necesario para cubrir os custos, segundo un informe da Xunta e Fundación Juana de Vega. O prezo do litro de leite galego, polo seu lado, cronifícase á cola do Estado

Acontece isto a pesar de que a Lei da Cadea Alimentaria recolle a prohibición expresa desta venda a perdas, unha reivindicación histórica do campo galego. Vilalba reivindica para facela cumprir "referencias concretas que non sexan de parte sobre onde se entra en venda a perdas", e na mesma liña, dende Unións Agrarias esixen uns "observatorios públicos que determinen os custos medios de produción". Ademais, o seu secretario xeral, Roberto García, demanda simplificar os procedementos de denuncia e abrir sancións de forma máis áxil ás cadeas que incumpren a lei. "Isto non pode negociarse", explica.

Arquivo - Varias vacas comen nunha gandaría. H.Bilbao - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Varias vacas comen nunha gandaría. H.Bilbao - Europa Press - Arquivo

A Federación Rural Galega (FRUGA) lamenta que a diagnose da situación que atravesa o campo galego é, con matices, a "mesma que hai 40 anos". "Lembro un cartaz histórico de Comisións Labregas a finais dos 70 que rezaba: 'prezos xustos para os nosos produtos'. Seguimos nas mesmas, non se respecta o sector produtor", denuncia o coordinador xeral de FRUGA, Manuel Dacal, que achega que "cada mes perdemos da orde de 30 explotacións" e as comarcas produtoras de carne "fican desertizadas". 

No incremento dos custos de produción entra en xogo outro factor que incrementa a sensación de incerteza no sector: o cambio climático e, en concreto, a situación de seca que atravesa Galicia dende a primavera. "Houbo unha merma importante nos forraxes, cunha caída do 30% no millo", explica García. Esta situación volve o sector agrogandeiro galego aínda máis dependente da compra de alimento para o gando no mercado estranxeiro, o que vén incidir nun dos "graves problemas estruturais" que adoece o campo: "a falta de terra agraria", sinala o Sindicato Labrego. "Perdemos 250.000 hectáreas de cultivo e utilizamos máis de 500.000 hectáreas de terra en terceiros países se temos en conta a importación de cereal", matiza. 

SOBRECARGA LABORAL E FALTA DE RELEVO XERACIONAL

Como se traduce toda esta situación á realidade do día a día das granxas? "Moitas familias intentan tirar de aforros, nalgunha explotación mándanse animais ao matadoiro para non ter tanto gasto e conseguir unha pequena entrada pola venda, pero estas solucións son curtopracistas e insostibles", expón Vilalba, que tamén apunta outros factores: "A falta de ingresos súplese con máis e máis horas de traballo, sobrecargas físicas e emocionais, e moitas veces con menores condicións de seguridade porque non hai capacidade para renovar a maquinaria obsoleta, o que ten que ver coa sinistralidade laboral". 

Noutros casos, a situación económica avoca as familias a botar o peche ou decidir non continuar coa explotación familiar tras a xubilación dos titulares, sobre todo naquelas explotacións máis pequenas. Manuel Dacal alerta neste sentido da "concentración brutal da produción en moi poucas mans" co conseguinte "abandono do territorio", que incide mesmo nos riscos de incendios forestais, algo que tamén apuntan dende Unións Agrarias.

O relevo xeracional no campo non está garantido. Segundo datos do SLG, o 40% dos titulares das explotacións poñeranse proximamente na idade de xubilación. "É unha situación complexa a moitos niveis, porque a produción agraria e gandeira mobiliza tamén técnicas, vendedoras, administrativas, veterinarias... Se desaparecen, pérdese tecido social, poboación, servizos...", remarca Vilalba. Na mesma liña se expresa García: "as expectativas son difíciles para facer viables as explotacións, se as condicións son precarias en moitos sentidos, quen vai aceptar ser cidadáns de segunda sen servizos que xeren atractivo?". 

Ante esta conxuntura, dende o Sindicato Labrego Galego demandan un "gran pacto polo rural máis alá de eslógans" e camiñar cara a soberanía alimentaria ante as "vulnerabilidades que presenta o sistema global de produción de alimentos". Unións Agrarias esixe á Xunta indenmizacións a prezos de mercado ante os ataques do lobo que "tamén converten en imposible continuar a actividade", e pide cumprir a Lei da Cadea. FRUGA, pola súa banda, indica que se precisa "un cambio de paradigma" e a "intervención e control, por parte dos gobernos, dende a Unión Europea ao galego, de toda a cadea alimentaria para que produtos en orixe teñan un prezo xusto e a xente acceda a alimentación san e equilibrada". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta