O sector gandeiro recibe un euro menos por quilo de carne do necesario para cubrir custos

Así o constata o informe elaborado pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2022 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

O conselleiro de Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, José Balseiros, mantivo este mediodía unha reunión con representantes da distribución para presentarlles o informe sobre custos de produción no sector da carne, elaborado pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega.

O conselleiro trasladou aos asistentes que este estudo constata a situación xeneralizada de venda a perdas no sector do vacún de carne e, máis concretamente, en granxas de Tenreira Galega Suprema. Así, segundo este documento, o prezo mínimo estimado para cubrir o custo de produción neste campo é de 6,20 euros/quilo de carne e os prezos percibidos actualmente por produtores de Tenreira Galega Suprema oscilan entre os 5,10 e os 5,20 euros/quilo de canle.

Por tanto, apuntou o conselleiro, existe unha diferenza dun euro por quilo entre o que terían que percibir os gandeiros para cubrir os seus custos e o que realmente cobran.

José González engadiu que estes resultados se están trasladando aos asinantes do protocolo da cadea de valor da carne para que dispoñan de datos sobre a situación actual de venda a perdas. Así, esta reunión súmase á celebrada coas organizacións profesionais agrarias, cos membros da Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema e con representantes da industria, que se fará nos próximos días.

Un grupo de vacas pastando nunha leira de gandaría extensiva
Un grupo de vacas pastando nunha leira de gandaría extensiva | Fonte: Carlos Luján - Europa Press.

MEDIDAS

Para frear esta situación, o conselleiro do Medio Rural reivindicou no Parlamento galego as medidas do seu departamento, e subir o prezo que perciben os produtores de leite --a 40,9 céntimos por litro-- e da carne de vacún --a 6,20 euros por quilo--. Ao mesmo tempo, instou ao Goberno central a cumprir a lei de cadea alimentaria.

Como resposta a unha pregunta formulada no pleno polo deputado popular Daniel Veiga, González reivindicou o "completo paquete de medidas" aprobado tamén para paliar a alza dos prezos dos combustibles e as materias primas e para achegar "liquidez" ás explotacións.

Neste sentido, o conselleiro lembrou os anticipos da Política Agraria Común (PAC) "sen custo" aprobados polo Goberno galego e a petición ao Banco de España da concesión dunha moratoria dun ano por parte das entidades financeiras no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo. Así mesmo, González aproveitou para trasladar que a Xunta vai "complementar" as axudas "insuficientes" do Estado ao sector de vacún de carne.

A estas medidas engadiu a posta en marcha do Observatorio da Cadea Alimentaria Galega, o Observatorio Lácteo e o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, entre outros mecanismos de control.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta